0 Gardados para despois

A teima en Triacastela non evita o esmorecemento das touradas en Galicia

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Triacastela acolleu este pasado sábado un polémico festexo taurino, herdado do veciño concello de Sarria, onde a saída do PP do goberno local tras o 24M propiciou a fin do espectáculo de tortura animal nas súas festas. O empresario que organizaba a tourada sarriá, apoiado por un edil do PP da vila, facilitaron a mudanza, que a alcaldesa de Triacastela, a tamén popular Olga Iglesias, acolleu de bo grao. Malia a posición en contra de moitos veciños, dos carteis de múltiples establecementos da localidade contra a idea, da ameaza de boicot turístico por parte dos moitos visitantes e peregrinos que chegan ao lugar e mesmo da forte chuvia e da lameira na que se converteu a praza portátil, a teima da administración local deu o seu resultado. 

Nin as protestas dos vedciños nin as fortes chuvias impediron a celebración das touradas en Triacastela

A vila lucense sitúase así como unha das xa escasas e residuais localidades que acollen touradas en Galicia: Padrón, cunha novillada menor no mes de abril; Pontevedra, co habitual cartel nas festas da Peregrina; e Triacastela, que decidiu organizar agora o espectáculo de tortura animal que o seu concello veciño rexeitou tras o cambio político.

Cinco festexos en tres localidades, fronte aos oito en seis localidades que se organizaran en 2013 ou os 64 que tiveran lugar entre 2008 e 2012 en trece vilas do país, segundo datos achegados pola propia Xunta. Dunha media duns doce espectáculos taurinos ao ano en máis dunha ducia de concellos aos cinco festexos e tres municipios de 2015, un descenso do 64% con respecto a 2009, segundo aclara Galicia Mellor sen Touradas (GMST). A retirada das subvencións públicas na Coruña, o que implicou a desaparición dunhas touradas nas que o Concello gastara 2,2 millóns nos últimos vinte anos, foi o símbolo máis visible dun aumento da mobilización social pola abolición que se veu correspondido en moitos lugares polo cambio político nas últimas eleccións municipais. 

Tan só tres localidades (Padrón, Triacastela e Pontevedra) acollen algún tipo de festexo taurino en Galicia fronte ás máis dunha ducia de hai poucos anos

"Menos do 1% dos concellos de Galicia acolle touradas", aclara Rubén Pérez, voceiro de GMST, que sinala tamén que os propios datos do Ministerio de Cultura indican que só o 0,8% dos galegos declara asistir a corridas de touros, unha porcentaxe que será aínda menor nos datos de 2015. Ademais, a asistencia e o número de festexos nas localidades que aínda manteñen as touradas é cada vez menor. Pontevedra pasou das catro touradas -e mesmo cinco de hai algúns anos- ás tres da actualidade, mentres que en Triacastela non se logrou encher unha praza móbil con capacidade para 2.000 persoas, fronte ao aforo de 2.500 que tiña a de Sarria.

E iso, "malia o elevado número de convites que se repartiron entre veciños e locais da vila", tal e como destaca Rubén Pérez, un dos presentes na manifestación antitaurina do pasado sábado. A organización da que é portavoz, ademais, vén de trasladar á Valedora do Pobo a súa preocupación polo acceso libre d enenos e nas á tourada desta fin de semana. 

Hai menos touradas e menos público nos escasos festexos taurinos que se celebran no país

Antes, entre 150 e 200 persoas participaron nunha mobilización na que "houbo tensión, pero para nada violencia nin problemática ningunha"."Había veciños, peregrinos e unha importante representación de cargos electos", destaca Pérez, que cre que a implicación de concelleiros e deputados "é algo moi importante". Entre os asistentes á manifestación, o voceiro do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo; o portavoz de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha; o deputado provincial do Bloque Cosme Pombo, o concelleiro nacionalista de Sarria, Efrén Castro; ou a concelleira do PSdeG de Paradela e tamén deputada provincial, Sonsoles López.

Foron algunhas caras visíbeis máis dunha corrente contra as touradas que cada vez está máis mobilizada. De feito, como destaca GMST, as peticións para acabar coas corridas de touros en Galicia superaron "un novo teito histórico" ao alcanzar as 245.000 sinaturas repartidas en tres solicitudes. Supón, xa que logo, unha "moi boa expectativa" para "trasladar a forza cidadá ás institucións con competencias para suprimir uns espectáculos de maltrato e violencia cara aos animais". 

Galicia supera xa as 245.000 sinaturas contra as touradas e o movemento abolicionista agarda que a supresión definitiva chegue a curto prazo da man dunha nova Xunta

De feito, desde GMST son "moi optimistas" de cara a unha futura abolición das touradas en Galicia en canto a correspondencia de forzas varíe no Parlamento galego. A súa intención é presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a que tan só se requirirían 10.000 sinaturas, un número máis que asequible para un movemento abolicionista moi activo no país. A aprobación da supresión dos espectáculos taurinos, xa rexeitada polo PP noutras ocasións, precisaría de maioría simple na Cámara galega, unha condición que xa non semella imposible a curto prazo. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.