Paralizados os traslados ao novo hospital de Vigo. Segundo aseguraron os sindicatos con representación na xunta de persoal do CHUVI, e confirmou logo o Sergas, a xerencia tomou a decisión de parar un proceso que se levaba realizando nos últimos días entre as fortes críticas de traballadores e centrais polas múltiples "eivas e deficiencias", tanto de persoal como de material, no centro Álvaro Cunqueiro. Xa que logo, servizos como Urxencias, quirófanos, materno-infantil UCI non entrarán en funcionamento nas vindeiras horas, tal e como estaba previsto.
A aparición de xermes en zonas de novas unidades obrigaron ao Sergas a paralizar o traslado
A paralización débese á aparición de xermes en zonas das novas unidades, polo que o Sergas aprazará o devandito traslado ata que se garanta a "máxima seguridade" a través de novos controis microbiolóxicos que se levarán a cabo a vindeira semana e evitar así posibles infeccións. Os problemas verían derivados dalgún tipo de filtración a través do aire acondicionado, segundo asegurou o xerente, Félix Rubial.
O parón no traslado ao novo hospital en Beade mesmo puido dar lugar ao traslado inverso de pacientes da UCI volta ao Hospital Xeral, segundo fontes sanitarias que denuncian os importantes problemas que se están a dar no centro Álvaro Cunqueiro.
"En días anteriores xa tiñamos denunciado que considerabamos precipitado realizar este traslado antes de facer unha avaliación de riscos, e por esta razón pediamos a paralización do traslado", advertira xa CIG-Saúde, que amosou a súa conformidade con que a xerencia "tome conciencia dos problemas existentes e explique claramente, con absoluta transparencia, que está a pasar".
O traslado tardaría en reanudarse cando menos unha semana
Os resultados das análises que se realicen o próximo luns demoraríanse ata o vindeiro venres, polo que o traslado tardaría cando menos unha semana en reanudarse.
A aparición de xermes únese as denuncias de sindicatos, pacientes e traballadores pola presenza de pingueiras, ratos, escaseza de medios, o elevado custo de servizos como a televisión ou o pagamento obrigado no párking, entre outras moitas eivas.
Petición de responsabilidades
As reaccións ante este novo contratempo nun novo hospital cuxa xestión por parte da Xunta foi duramente criticada non se fixeron esperar. A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) asegura que este atraso é "outra consecuencia negativa do modelo de colaboración público-privada para a construción e financiamento do centro, chea de irregularidades legais, recortes nos recursos e présas políticas para abrir o centro".
"Como xa advertimos a xestión privada é infinitamente peor que a pública", di o colectivo, que advirte que esta paralización "supón un novo atraso na entrada en funcionamento do novo hospital", que xa acumulaba ano e medio de demora polos problemas de financiamento que obrigaron á Xunta a garantir mediante financiamento público a viabilidade do proxecto, que por contrato debería ser da concesionaria privada.
"A paralización do traslado é outra consecuencia negativa do modelo de colaboración público-privada para a construción e financiamento do centro"
"Esta decisión é a consecuencia da externalización da Oficina Técnica de Seguimento da obra a unha empresa privada (creada ad hoc para a mesma e paga pola propia concesionaria)", din, tras asegurar que "non se pode poñer ao lobo a coidar os cordeiros".
Dado que a supervisión da obra e do traslado é responsabilidade directa da empresa Galaria, presidida pola conselleira de Sanidade e que delegou nunha empresa privada, "ante o sucesivo incremento da alarma social e as reaccións non só dos traballadores do novo hospital senón dos propios usuarios e a opinión pública do área sanitaria viguesa", a asociación esixe a "dimisión inmediata da conselleira que non só traballa ao servizo dos intereses privados senón que ademais faino de xeito escandalosamente ineficiente". Unha dimisión que tamén pediron sindicatos como a CIG.
As críticas chegan tamén da oposición política. Ademais de AGE e BNG, Besteiro -secretario xeral do PSdeG- subliñou as "deficiencias" do novo hospital e denunciou o cúmulo de "erros" da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, que "se estenden por toda Galicia". "É un suma e segue de erros, de persistencia no erro", advertiu.