Adif apela á "tradición" para defender o uso de 'El Ferrol'

Resposta remitida por ADIF (premer para ampliar) CC-BY-SA A Mesa

Houbo un tempo non excesivamente remoto no que Renfe e Adif eran, xunto a Correos, dúas das entidades estatais máis respectuosas coas linguas oficiais do Estado diferentes do castelán. Así, por exemplo, boa parte dos rótulos dos trens e estacións veñen estando dispoñibles tamén en galego, algo que adoita suceder na súa megafonía, e nas diversas instalacións, xa sexa dentro ou fóra do país, os topónimos están, polo xeral, reflectidos correctamente. Non foi isto o que lle sucedeu a un ferrolán que lle suxeriu á compañía pública que deixase de utilizar El Ferrol para referirse á cidade de Ferrol. Adif, nesta ocasión, apela a unha suposta "tradición" para facelo, reproducindo literalmente treitos dunha resposta a unha consulta á Fundación del Español Urgente no ano 2009

Na resposta a esa reclamación, feita pública este martes dende A Mesa pola Normalización Lingüística, o responsable do servizo de posvenda de Adif, José María Ordóñez, acusa recibo da reclamación, formulada na madrileña estación de Chamartín, e expón a súa particular teoría a respecto dos topónimos. "Los nombres de las ciudades los determina la tradición", sentencia o responsable de Adif, para a continuación engadir que "su nombre será siendo el que empleen la mayoría de los hablantes, pero en ningún sentido está desaconsejado decir El Ferrol".

"Los nombres de las ciudades los determina la tradición", mantén un responsable de ADIF

Unha vez obviada a diferenza entre a expresión oral e a escrita e unha vez ignorado, asemade, o único topónimo oficial da cidade departamental, o representante de Adif asegura que a "sugerencia" xa foi remitida ao departamento correspondente. Será ese departamento o que "estude" se a empresa dependente do Ministerio de Fomento debe utilizar ou non a toponimía oficial.

A Mesa pregúntase se a empresa pública está apelando á "tradición franquista"

A xuízo d'A Mesa esta resposta resulta "curiosa" nunha compañía que, subliña, vén utilizando outras formas deturpadas como Orense ou La Coruña -no caso do topónimo coruñés, na propia resposta a este usuario-. "Adif amosa o seu desprezo non só pola tradición galega, que invalida a favor da establecida no franquismo", cando se instaurou a construción El Ferrol del Caudillo, senón tamén polo "acordo unánime do Concello de Ferrol, que ratificou este nome como única forma válida ao retirarlle a engádega" que homenaxeaba o ditador. Asemade, indica a entidade, supón "un desprezo pola lexislación vixente" en materia toponímica.

"Apela sempre ADIF á tradición para incumprir a lei ou só o fai contra Galiza e o Galego? Que criterio empregan para determinar, validar ou invalidar a suposta tradición?", pregúntase o presidente d'A Mesa, Marcos Maceira. Dende o punto de vista da asociación ADIF "toma por parvos os seus usuarios" con argumentos que "constitúen un insulto á intelixencia", toda vez que "un organismo público debe ser o primeiro en cumprir escrupulosamente a legalidade". A Mesa, anuncia, "porá máis unha vez este caso en coñecemento do Valedor do Pobo e da Secretaría Xeral de Política Lingüística".

Resposta remitida por ADIF (premer para ampliar) CC-BY-SA A Mesa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.