Feijóo parapétase por tras de Mosquera tras a masiva protesta de Vigo

Masiva manifestación pola sanidade pública celebrada en Vigo hai unhas semanas CC-BY-SA CIG
Publicidade
Publicidade

Feijóo agóchase tras a conselleira Mosquera á hora de dar explicacións sobre a caótica situación do novo hospital de Vigo e logo da multitudinaria manifestación que este xoves ateigou a cidade. Malia as protestas da oposición, que reclama que o presidente dea a cara, o Goberno galego xa rexistrara antes da masiva marcha unha petición de comparecencia da titualr de Sanidade, que debería levarse a cabo o martes 15 de setembro, un día despois da presumible reanudación do traslado que foi paralizado pola contaminación do aire no Álvaro Cunqueiro e logo de que a unha doente falecida lle fose detectado asperxilo. 

Mosquera comparecerá no Parlamento para explicar o errático traslado ao novo hospital de Vigo pero a oposición pide que Feijóo dea a cara

Pero á oposición non lle vale. O PSdeG xa vén de deixar claro que non acepta que Feijóo se agoche tras unha conselleira "que xa está amortizada", tal e como aclarou este venres o seu voceiro parlamentario, José Luis Méndez Romeu. "Feijoo ten que escoitar, corrixir a súa actuación e reverter a privatización", pediu o portavoz, tras criticar o "modelo sanitario" do PP, causante -segundo dixo- de problemáticas como as que se están a dar en Vigo. 

Ao tempo, nin o PP nin a Xunta parecen darse por aludidos ante unha manifestación que puido xuntar, segundo convocantes e policía local, unhas 200.000 persoas en Vigo. Non obstante, o vicepresidente da Xunta e número dous do PPdeG, Alfonso Rueda, cre que "hai que ter en conta especialmente" unha marcha tan multitudinaria e na que "a maioría estaba alí de boa fe". "A Xunta de Galicia está de acordo cos que onte demandaban unha sanidade pública e de calidade", dixo. Non pensa o mesmo Feijóo.

Rueda cre que "hai que ter en conta especialmente" a manifestación, mentres Feijóo ve "irresponsable" convocala

O xefe do Executivo considerou "unha irresponsabilidade" a convocatoria da manifestación por terse producido nun momento no que "todos" debían estar centrados no traslado. "Alá eles e a súa irresponsabilidade", insistiu Feijóo, nunha visita á zona afectada polo último grande incendio en Ourense, en referencia a "aqueles que aproveitaron a ocasión para convocar esta marcha durante o traslado".

"Estamos absolutamente convencidos de que a sanidade pública é un obxectio irrenunciable para os gobernos", engadiu o presidente autonómico, logo de mostrar o seu compromiso co "prestixio da sanidade pública de Vigo" e cos "profesionais". Case a un tempo, o PP abandonou o pleno da Deputación de Pontevedra xusto antes de se debater unha moción do Álvaro Cunqueiro

Feijóo, na zona afectada polo incendio de Cualedro © Xunta
Manifestación pola sanidade pública en Vigo CC-BY-SA CIG
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.