0 Gardados para despois

O Sergas afronta denuncias na Fiscalía polo hospital de Vigo, a primeira por homicidio imprudente

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Moreas de denuncias pola xestión do novo hospital de Vigo. A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) vén de presentar na mañá deste luns na Fiscalía da cidade unha denuncia contra o Sergas pola súa presunta responsabilidade no falecemento dunha paciente, a pasada semana, no novo hospital Álvaro Cunqueiro (HAC), á que se lle detectou a presenza do fungo asperxilo no seu organismo.

A xunta de persoal presentará unha denuncia á Fiscalía "en cuestións de días" tras a presentada este luns pola CESM

Será só unha das denuncias, xa que a a xunta de persoal do centro decidiu tamén neste luns presentar outra demanda "en cuestións de días" que será posta en común por todas as centrais para presentala tamén ante a Fiscalía nas próximas horas. Antes, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) xa remitira por correo a súa denuncia ante a Comisión Europa por "presunto incumprimento do Dereito Comunitario" por parte da Xunta, en relación á "licitación da concesión administrativa do novo hospital de Vigo".

CESM cre que o Sergas puido incorrer nun posible delito de "homicidio imprudente" por precipitar o traslado dos pacientes

Na súa demanda, o sindicato CESM considera que a administración puido incorrer nun posible delito de "homicidio imprudente", así como "noutros delitos" por precipitar o traslado de pacientes e profesionais ás novas instalacións, malia que estas non reúnen, segundo a central expón na denuncia, as condicións exixibles de seguridade sanitaria. De feito, o traslado foi paralizado pola aparición de contaminación por xermes no aire do centro o pasado 28 de agosto e non será reiniciado ata, cando menos, o vindeiro luns 14. 

Así, CESM lembrou que o propio Sergas admitiu que non hai o 100% de seguridade sobre a calidade ambiental do aire nalgunhas zonas do novo hospital de Vigo, aínda que Sanidade si que garantiu que o resto de zonas do hospital cumprían cos parámetros de bioseguridade. 

O sindicato subliñou que o HAC é un complexo aínda "en obras" e que, nesas circunstancias, é factible a aparición de fungos como o asperxilo. Por iso, criticou a "precipitación" no traslado que, ao seu xuízo, non respondía a unha cuestión de necesidade sanitaria, senón á "urxencia da concesionaria por comezar a cobrar o canon e os servizos extrahospitalarios". Xa que logo, denuncian que o Álvaro Cunqueiro abriuse para que as concesionarias puidesen empezar a cobrar

A central acusa a Administración por abrir Álvaro Cunqueiro antes de tempo para que as concesionarias puidesen empezar a cobrar

CESM incide na "responsabilidade" da Consellería de Sanidade por autorizar a apertura do hospital e o traslado de pacientes, a pesar dos "riscos" existentes, e acusou a administración galega de incumprir a súa deber de "tutelar e garantir a saúde pública".

O denunciante reclama, xa que logo, á Fiscalía, que se abra unha investigación sobre estes feitos e que se chame a declarar á conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera; ao xerente da área sanitaria de Vigo, Félix Rubial; así como aos responsables das obras no hospital Álvaro Cunqueiro. Do mesmo xeito, CESM solicitou que se achegue a documentación proveniente da Oficina de Control da obra ou, na súa falta, do organismo que avalase que o hospital estaba en condicións de iniciar a súa actividade.

O CESM pide a comparecencia da conselleira Rocío Mosquera, a do xerente Félix Rubial e a dos responsables das obras

Esta non é a primeira denuncia á que se enfronta o novo centro de Beade. A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) remitiu por correo o pasado martes unha denuncia ante a Comisión Europa por "presunto incumprimento do Dereito Comunitario do Reino de España, na persoa do goberno da Xunta, en relación á licitación da concesión administrativa do novo hospital de Vigo". Nela, ínstase á "administración incumpridora" a resolver a concesión e proceder ao seu rescate á empresa concesionaria. A AGDSP reclama tamén que se abra unha comisión de investigación para analizar toda a problemática e que se elabore un plan de emerxencia para arranxar as deficiencias máis urxentes.

Ante esta caótica situación, a conselleira Rocío Mosquera solicitou comparecer no Parlamento para explicar a xestión do traslado deste novo hospital de Vigo entre as peticións de dimisión por parte de sindicatos e oposición, que pedira que fose o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen dera a cara. Agora, a xunta de persoal prevé facer unha declaración pública proximamente na que reclamará de vez o cesamento da titular de Sanidade, así como do xerente da área sanitaria e de toda a dirección.

As xuntas de persoal dos hospitais galegos mobilizaranse ante a comparecencia da conselleira no Parlamento

Ao tempo, e coincidindo coa comparecencia de Rocío Mosquera no Parlamento o próximo martes 15, a xunta de persoal concentrarase en Compostela nunha mobilización á que chama ás xuntas de persoal das outras áreas sanitarias galegas. Tamén teñen previsto nos próximos días organizar un acto en Vigo para o que convocarán tamén os seus compañeiros doutras comarcas galegas, así como os partidos políticos e os concellos dos alcaldes da área viguesa do que intentarán saír cun compromiso da oposición para que, en canto goberne, se comprometa a "reverter o modelo privatizado do Álvaro Cunqueiro" e recuperar a súa xestión 100% pública.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.