A aplicación da RISGA (Renda de inclusión social de Galicia) veu espertando numerosas críticas nos últimos anos, tanto nos propios usuarios e usuarias coma nos traballadores e traballadoras sociais e entidades de apoio. A crise económica obrigou as distintas administracións a elevar os fondos que destinan á Risga, pero as críticas van máis aló da demanda dun incremento orzamentario e céntranse tamén no proceso que permite aos posibles beneficiarios acceder a estas axudas. Atrasos na concesión (en ocasións superiores aos seis meses), atrancos burocráticos, deficiente coordinación entre administracións e a necesidade de que as situacións de exclusión se aborden de forma "integral", abranguendo accións formativas, de inserción laboral e de acceso a vivenda, son as principais reivindicacións.
Proserso elaborou, coa experiencia directa de traballadores e traballadoras sociais de toda Galicia, un documento que analiza a normativa reguladora da Risga e a súa aplicación
"Pedimos que os Concellos non se deixen caer na trampa da emerxencia, na trampa do asistencialismo", demandaba hai uns meses Xosé Cuns, director de EAPN-Galicia, incidindo na necesidade de aplicar unha verdadeira política de inclusión, que vaia á raíz das causas da pobreza. De igual xeito, en xullo a Plataforma en defensa da Profesionalización dos Servizos Sociais (Proserso) esixía "persoal especializado nos servizos sociais", un reforzo nestas áreas, que en ocasións pasaban a ser xestionadas por traballadores sen experiencia específica nestas cuestións, que van máis aló de "tramitar unha axuda económica".
Alerta de que a ausencia de desenvolvemento regulatorio provoca "unha desprotección total das e dos potenciais beneficiarias e beneficiarios de Risga e a non homoxeneidade nas resolucións das diferentes áreas territoriais"
A Risga é unha axuda "que necesita duns coñecementos específicos da materia e da poboación coa que se está tratando e dunha gran coordinación entre os concellos e outras administracións, esixe un control moi grande dos servizos sociais e un gran coñecemento das prestacións", explicaba unha das voceiras da Plataforma. "Antes, cando unha persoa solicitaba a Risga, non só se activaba esta axuda, senón tamén se poñía en alerta a todas aquelas institucións e asociacións e a todos os mecanismos que a esa persoa a poden axudar a saír desa situación na que está", engadía.
"Estanse incumprindo reiteradamente os prazos establecidos, así como a norma do silencio positivo e concesión de atrasos"
Proserso elaborou, coa experiencia directa de traballadores e traballadoras sociais de toda Galicia, un documento que analiza a normativa reguladora da Risga (nomeadamente a Lei 10/2013, de inclusión social de Galicia) e a súa aplicación, ofrecendo unha serie de suxestións para a súa mellora e a redacción do decreto que a desenvolva. O informe complementa o texto (Por unha RISGA efectiva) que o pasado ano realizou EAPN-Galicia a partir de entrevistas con 74 profesionais e beneficiarios.
Nove medidas
- Desenvolvemento regulamentario. Proserso destaca que aínda "en numerosos apartados da lei consta o 'establecerase regulamentariamente'", "como isto non se fixo" -denuncian- "prodúcese unha desprotección total das e dos potenciais beneficiarias e beneficiarios de Risga e a non homoxeneidade nas resolucións das diferentes áreas territoriais".
- Atrasos. A plataforma alerta de que aínda que a norma (artigo 37) "establece os prazos de resolución así como as consecuencias do silencio administrativo", na práctica "estanse incumprindo reiteradamente os prazos establecidos, así como a norma do silencio positivo e concesión de atrasos". Explican que "se require documentación tempo despois de transcurrridos os tres meses" e "non se conceden atrasos tendo en conta realmente a data de presentación do expediente completo, senón a data na que se achega a nova documentación requirida, moitas veces documentación realmente non necesaria ou que xa obraba no expediente". Tamén denuncian que "os recursos presentados por este motivo son desestimados incumprindo frontalmente o establecido nesta normativa" e que "se realizan mesmo retroaccións nos recursos que incumpren totalmente a lei do procedemento administrativo".
Debe haber "unha axeitada e organizada coordinación e non unha mera transmisión de datos", din
- Coordinación. Proserso sinala que a lei (artigo 24) establece a transmisión de información entre os servizos sociais e o Sepe "sen establecerse de que modo será esa coordinación". "Entendemos que debe ser unha axeitada e organizada coordinación e non unha mera transmisión de datos", destacan.
- Persoal especializado. A norma esixe (artigo 39) a existencia "con carácter permanente" de "unidades técnico-administrativas de apoio ao órgano de resolución, integradas por persoal técnico experto en servizos sociais". Proserso denuncia a súa ausencia na provincia da Coruña e demanda que estes organismos "conten co maior número de traballadoras e traballadores sociais posibles".
- Vivenda compartida. Aínda que a lei recolle a posibilidade excepcional de que se concedan dúas Risgas nun mesmo domicilio cando "unha persoa con cargas familiares non compartidas se ve na necesidade de acollerse noutro fogar independente", Proserso alerta das dificultades que os e as perceptoras de Risga atopan para afrontar o pagamento en solitario dun aluguer, o que as leva en moitas ocasións a compartir vivenda con outras beneficiarias da renda. A plataforma pide que a normativa relaxe as esixencias neste punto, permitindo a convivencia nun mesmo domicilio de dúas persoas perceptoras, independentemente das súas cargas familiares.
Demanda unha maior concreción na lei, de xeito que se asegure o seu carácter garantista
- Persoas con fillos e fillas ao seu cargo. Subliñan que a lei (artigo 17) "deduce da contía correspondente de Risga prestacións económicas por fillos ao cargo" e recomendan que se inclúan "como exentas de dedución desta prestación" as prestacións por acollemento familiar "para que realmente estas prestacións poidan ter a finalidade para a que se crearon e poidan cumprir os obxectivos previstos sen discriminar precisamente as familias en situación de maior precariedade económica".
- Embargos. Ademais, demanda unha maior concreción na lei, de xeito que se asegure o seu carácter garantista. Por exemplo, aínda que a norma afirma (artigo 6.3) que esta renda "non poderá ser obxecto de embargo ou retención", dende Proserso sinálase que "na práctica diaria obsérvase como en diversas ocasións si está sendo obxecto de embargo", polo que pide "a execución das medidas oportunas para que a prestación non poida ser efectivamente obxecto de embargo".
- Chabolistas. A entidade critica a denegación da axuda a chabolistas en base aos "antecedentes" que constan na xefatura territorial en canto a anteriores percepcións de Risga. "Non se atenden a criterios sociais nin se respecta o dereito á reinserción social nin a normativa vixente", destacan. Tamén se alerta da "extinción a chabolistas aínda que se cumpriran outros obxectivos, por non teren abandonado o asentamento".
Tamén fan fincapé nas extincións e denegacións da Risga que sofren outras persoas e colectivos "sen coordinarse en absoluto coas e cos profesionais de referencia"
- Extincións. Tamén fan fincapé nas extincións e denegacións da Risga que sofren outras persoas e colectivos "sen coordinarse en absoluto coas e cos profesionais de referencia", unha coordinación "que evitaría numerosos recursos que con posterioridade en numerosas ocasións son estimados" pero que xa tiveran como consecuencia "unha ruptura do proceso de intervención social e unha desprotección económica, así como en certas ocasións unha ruptura da confianza co seu profesional de referencia".