O PP quedou só na defensa das touradas este venres, despois de que o pleno da Deputación da Coruña aprobase, cos votos de PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños, unha moción para non financiar con cartos públicos eventos de maltrato animal e que lle pide á Xunta que leve a cabo os trámites necesarios para rematar con esta práctica. A Deputación converteuse na primeira institución provincial en aprobar unha moción solicitando a abolición das touradas.
A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas e a Asociación Animalista Libera amosaron a súa "ledicia" por "unha iniciativa pioneira en España", que supón "un novo chanzo no traballo que a sociedade civil e os colectivos están a artellar para rematar coa pervivencia das touradas no país". Rubén Pérez, voceiro das dúas entidades, lembrou que a propia institución coruñesa chegou a financiar a grupúsculos que defenden a tauromaquia.
Para as organizacións animalistas, a actitude do Partido Popular "continúa a ser errada, defendendo a unha inframinoría que segundo as enquisas oficiais do Ministerio de Cultura tan só representaría ao 0,8% da cidadanía galega". Libera! e Galicia, Mellor Sen Touradas instan aos conservadores a escoitar a rúa e non a quen procura “blindaxes” nos despachos. Pérez agradeceu, pola contra, o maioritario apoio dos diferentes grupos provinciais. A moción foi presentada polo grupo de goberno da Deputación, conformado polo PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego, e contou cos votos a favor dos deputados provinciais da Marea Atlántica (3), de Compostela Aberta (1) e de Alternativa dos Veciños (1), sumando unha folgada maioría.