O Colexio de Avogados da Coruña vén de ofrecer a todos os concellos do seu ámbito territorial a súa colaboración na asistencia, acollida, acompañamento e tramitacion de peticións de asilo para os refuxiados que cheguen a eses municipios nas vindeiras semanas e "ante a crise humanitaria que está a vivir a Unión Europea".
O Colexio de Avogados ofrece a súa colaboración na asistencia, acollida, acompañamento e tramitación de peticións de asilo
Así, o Colexio enviou xa por carta o seu ofrecemento aos 93 concellos que abrangue o ámbito territorial do colectivo que traballa en sete partidos xudiciais da provincia: A Coruña, Betanzos, Carballo, Corcubión, Muros, Noia e Ribeira. Mesmo no caso dalgún alcalde, como no da Coruña, o ofrecemento fíxoselle directamente durante unha xuntanza. A agrupación de avogados espera agora a resposta das administracións locais, que esta semana coñecerán máis detalles sobre o número de asilados que poderían recibir, así como dos prazos previstos para a súa chegada.
"É necesaria unha resposta urxente, solidaria e activa que mitigue o sufrimento de milleiros de persoas", advirte o decano
O decano do Colexio, Augusto Pérez-Cepeda, aclara que a xunta directiva do colectivo é "firme defensora da necesidade dunha resposta urxente, solidaria e activa que mitigue o sufrimento dos milleiros de pesoas que tiveron que abandonar Siria, Afganistán ou Eritrea polos conflitos bélicos ou situacións dos seus países". Por iso, insiste, decidiu ofrecer toda a súa colaboración en diferentes aspectos a través de convenios ou de calquera outro tipo de acordo cos case cen concellos aos que achegaron a súa proposta.
A achega fundamental que teñen previsto realizar os avogados é a de colaborar e axilizar os trámites das peticións de asilo para facilitar así as xestións de todas aquelas persoas que cheguen a Galicia. "Nesta situación todos temos que intentar axudar e o que nós facemos e achegar o noso pequeno gran de area", aclaran desde o Colexio.