Persoal da CRTVG denuncia unha fraude de máis de 4 millóns á Seguridade Social

O director xeral da CRTVG (esquerda), co presidente da Xunta © Ana Varela

Persoal da CRTVG denuncia unha posible fraude millonaria á Seguridade Social por parte da compañía pública. Foi o sindicato CUT quen presentou neste luns unha denuncia en Inspección de Traballo contra a empresa pola devandita fraude, que se tería levado a cabo con diferenzas mensuais de cotización de entre 100 e 700 euros na nómina de cada un dos case mil traballadores, durante todos os meses e nos últimos catro anos. Sería unha estafa que, segundo estimacións da central, superaría os 4 millóns de euros e podería chegar até  os 15. 

A fraude afectaría á cotización por entre 100 e 700 euros menos na nómina de cada traballador da CRTVG durante catro anos

O sindicato detectou infracotizacións nas nóminas do conxunto do persoal que segundo as súas estimacións superan os 4 millóns de euros e poderían chegar aos 15 millóns, e pide a asunción urxente responsabilidades políticas pola gravidade dos feitos.

"Xa tivemos moitos problemas e conflitos laborais coa CRTVG, pero isto é sen dúbida o máis grave co que nós atopamos", advirte a Praza o sindicato, que pide "a asunción urxente de responsabilidade política pola gravidade dos feitos" e que xa solicitara á dirección da compañía o pasado mes de xaneiro a regularización urxente da situación. Segundo aclara, a resposta da empresa foi levala a cabo, tan só nos primeiros meses deste ano e "contrariando a legalidade" ao detraérenselle cantidades aos propios empregados, que viron así como as súas cotizacións sufriron unha importante merma. 

As infracotizacións poderían superar os 4 millóns de euros e mesmo chegar aos 15 millóns

Segundo aclara a CUT, a infracotización por parte da CRTVG comezou xa en 2010 cando a empresa incumpriu o mandato legal de continuar, malia os recortes, sostendo a cotización de maio dese ano, cunhta "tallada ilícita nas cotizacións do conxunto do pesoal da empres que, agás excepcións, subiu unha importante rebaixa". 

"É unha vergonza que fronte ao seu deber de colaboración con outras administracións e a exemplaridade que unha empresa pública baixo supervisión parlamentaria debe dar, se levasen a cabo os reiterados incumprimentos empresariais, degradando e balierando a imprescindíbel caixa da Seguridade Social e comprometendo o futuro do persoal da compañaía, pero non só", advirte a central sindical, que pide que se asuman xa responsabilidades políticas e que pide "explicacións inmediatas" por parte do director xeral da CRTVG. 

A investigación de Inspección de Traballo podería acabar coa regularización da situación de todo o persoal e unha importante sanción á compañía

"En todo caso, ao evidenciarse a nefasta xestión do ente público, a conclusión non pode ser outra que a destitución do director xeral da CRTVG e do seu equipo como máximos responsables", insiste a CUT, que aclara que agora Inspección Laboral abre unha instrución e unha investigación na que se debullará cada unha das nóminas que se puido ver afectada por esa infracotización. Ademais, o sindicato insiste en que colaborará coa Administración para regularizar a situación do cadro persoal da empresa, que ve agora como podería ter que afrontar unha importante sanción, ademais dos recargos que se lle impoñan. 

Ao tempo, a CUT fai unha chamado a todos os traballadores afectados que cobraran prestación de desemprego, maternidade, incapacidade ou xubilación -tanto os que seguen en activo como os que foron despedidos- a que "presten atención ao curso desta denuncia, porque de prosperar abrirá unha vía incuestionábel para que recuperen os seus dereitos económicos perdidos". 

Sede da CRTVG Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.