"A cidadanía vai poder achegar a súa experiencia en relación co barrio e a cidade"

Claudia Delso, concelleira de Participación e Innovación Democrática © Concello da Coruña

A Coruña celebra esta tarde no Teatro Rosalía de Castro o acto de presentación das liñas de traballo do Goberno municipal en materia de Participación, un conxunto de procesos que -baixo o nome común de A Porta Aberta- se abrirán ao longo da lexislatura e que servirán "para que toda a cidadanía poida participar no proceso de toma de decisións municipais a través de mecanismos estables”, en palabras de Claudia Delso, concelleira de Participación e Innovación Democrática.

"Cremos na participación cidadá. Cremos que a democracia debe entrar no Concello, pero tamén debemos que non debe estar só dentro del. Queremos que toda a cidadanía se sinta partícipe", dicía a Marea no seu programa

A Marea Atlántica, ao igual outras candidaturas cidadás que chegaron ao goberno das súas localidades nas eleccións municipais de maio, fixo da participación un eixo fundamental da súa acción. "Cremos na participación cidadá. Cremos que a democracia debe entrar no Concello, pero tamén cremos que non debe estar só dentro del. Queremos que toda a cidadanía se sinta partícipe", dicía a Marea no seu programa, no que anticipaba algunhas das liñas que esta tarde se presentarán polo miudo, unha forma de entender a política como algo que desborda os límites da institución, dentro e fóra dela ao tempo.

"A participación é o factor central de innovación política neste momento. Os movementos que poden permitir que determinadas cousas aparezan como novas teñen que ver fundamentalmente coa implicación da cidadanía", sinalaba Xaime Subiela en xuño en entrevista con Praza, unha conversa na que tamén salientaba que non lle interesaba tanto "a participación como fetiche" (os órganos, as normativas), "como a cultura política que a participación esixe". Porén, tamén as metodoloxías son importantes, como o propio Subiela subliñaba ("A idea de que a participación equivale a espontaneísmo paréceme que é o máis desastroso, porque a xente acaba por queimarse"). 

 

O primeiro, a organización en distritos

O primeiro dos procesos participativos implica a organización da cidade en distritos, órganos territoriais que posteriormente serán fundamentais na elaboración dos Orzamentos Participativos

A política de participación do Goberno da Coruña estrutúrase en varios procesos participativos, o primeiro deles implica a organización da cidade en distritos, órganos territoriais que posteriormente serán fundamentais na elaboración dos Orzamentos Participativos previstos pola corporación. Esta organización será participada cos veciños e veciñas da cidade, a través de 27 encontros abertos que terán lugar dende a semana que vén ata o mes de decembro, e nos que tamén se poderá participar de forma telemática. "Queremos facer unha posta en común coa cidadanía para que participe na toma de decisión e nos axude a delimitar, coa súa opinión, onde están os límites dos barrios e dos distritos na nosa cidade”, destaca Claudia Delso. A propia Lei 57/2003 (Lei de Grandes Cidades) indica que a política municipal debe ser máis "participada" e que debe existir unha descentralización de órganos, neste caso os distritos.

Nestes encontros abertos reflexionarase sobre como funcionarán estes órganos e sobre as súas competencias, que tamén serán decididas coa participación da cidadanía. Toda a información que se reúna será pública e compartida con toda a cidadanía nun foro cidadán aberto, que se realizará a final de ano. "A cidadanía vai poder participar dun xeito individual, partindo da súa propia experiencia en relación ao barrio e á cidade, e ao tempo vai poder enriquecer a súa experiencia coa experiencia e o traballo dos outros", engade Delso.

"Estamos todos aprendendo. A xente está farta duns métodos, dun manual de instrucións que xa non serve, e necesítase construír colectivamente un novo manual. Iso faise pouco a pouco"

"Estamos todos aprendendo. A xente está farta duns métodos, dun manual de instrucións que xa non serve, e necesítase construír colectivamente un novo manual. Iso faise pouco a pouco", destaca a concelleira. "Non estamos inventando nada novo, senón sobre todo posibilitando que as cousas que xa existen poidan emerxer e que esa nova cultura política a vaiamos practicando entre todas e todos. É un proceso de aprendizaxe colectiva, con moita pedagoxía e moita escoita activa", di.

"Estamos activando un proceso, e este proceso ten que ter un por que, pero tamén un como. A metodoloxía que imos poñer en marcha agora é unha moi concreta, pensada para ese traballo cos distritos, na que xoga un papel importante a reflexión sobre o territorio. Pero cada proceso requirirá a súa propia metodoloxía", explica. "Participar é algo máis que abrir, algo máis que facer unha asemblea e falar por falar. Implica unha reflexión crítica sobre o que significa participar, a súa importancia, a responsabilidade que implica. Se as decisións as tomamos colectivamente, van ser moito máis ricas", conclúe.

 

Colaboración con outras cidades

"Participar é algo máis que abrir, algo máis que facer unha asemblea e falar por falar. Implica unha reflexión crítica sobre o que significa participar, a súa importancia, a responsabilidade que implica"

No acto do Rosalía, aberto a toda a cidadanía, participará o alcalde Xulio Ferreiro, ademais das responsables das concellarías de Participación, Claudia Delso, e Rexeneración Urbana, Xiao Varela, os dous departamentos cun papel máis activo neste proceso. Están tamén convidadas todas as entidades sociais existentes na cidade, sobre as que Delso destaca que se están amosando "moi receptivas". "Queremos rachar con certos hábitos adquiridos dende hai demasiado tempo. As entidades deben ser máis corresponsables e proactivas", destaca.

"Buscamos facer unha posta en común destes temas, entendendo sempre que traballamos dende contextos moi diferentes en cada cidade, pero que ao mesmo tempo temos moitas cuestións en común e recursos que podemos compartir"

Participarán así mesmo representantes doutros concellos, entre eles Santiago e Ferrol. Dende A Coruña destácase a colaboración que neste e noutros asuntos se establece con estas cidades. "Dende o comezo estivemos en contacto, sobre todo con Madrid, Barcelona, Zaragoza, Santiago e Ferrol e tamén Sada", sinala Claudia Delso. Precisamente Madrid puxo en marcha a pasada semana o seu proxecto de Goberno aberto, unha das liñas de participación e transparencia que presentara en xullo nun acto público.

"Buscamos facer unha posta en común destes temas, entendendo sempre que traballamos dende contextos moi diferentes en cada cidade, pero que ao mesmo tempo temos moitas cuestións en común e recursos que podemos compartir", di. "Trátase de aprender os uns dos outros, cada un ao seu ritmo, aínda que ao final é a cidadanía en cada cidade a que vai decidir os métodos que se apliquen. Estamos comezando, pero seguramente irá xurdindo a posibilidade de realizar proxectos conxuntos, sobre todo entre as cidades galegas", engade.

Intervención dunha veciña no pleno, dende o 'escano cidadán' © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.