"A participación é o factor central de innovación política neste momento"

Xaime Subiela © Editorial Galaxia

A participación é un dos conceptos máis enunciados por moitas das candidaturas que concorreron ás eleccións do 24M. Ao abeiro das demandas de democracia real e doutros conceptos necesariamente ligados, coma a transparencia ou a deliberación, nos programas dos recentes comicios municipais xurdiu como prioridade a constitución de consellos sociais locais, de foros cívicos, a aprobación de regulamentos de participación cidadá, a convocatoria de consultas, a realización de plenos abertos ou a promesa da elaboración de orzamentos participativos.

"Non me interesa tanto a participación como fetiche como a cultura política que a participación esixe"

A cuestión agora é se esas promesas van devir en realidades, e -sobre todo- se os instrumentos e mecanismos de participación recollidos na normativa van ter unha aplicación real. "Non me interesa tanto a participación como fetiche como a cultura política que a participación esixe", destaca Xaime Subiela, analista político e consultor público en temas relacionados coa participación cidadá. De feito, o regulamento de participación cidadá de Ferrol (aprobado inicialmente en 1986 e reformado en 1998), que funciona como modelo para moitas normativas semellantes aprobadas en Galicia nos últimos anos, apenas foi aplicado na lexislatura 2007-2011, bloqueando o goberno de José Manuel Rey Varela todas as disposicións nos últimos anos. Unha boa mostra de que máis que a ferramenta importa o seu uso.

"O papel aguántao todo" -di Subiela- "Hai moitas cousas que soan ben e que parece que teñen que estar no discurso e nos programas, pero non teño claro que moita xente sexa consciente de que significa esta historia". "A participación ten varias dimensións. Unha refírese a ter estruturas e órganos de participación. Pero a min interésame máis o que ten que ver co estilo de goberno, coa maneira de comprender a acción pública", engade.

"A participación é o factor central de innovación política neste momento. Os movementos que poden permitir que determinadas cousas aparezan como novas teñen que ver fundamentalmente coa implicación da cidadanía"

"Hai que ter coidado con identificar a existencia de determinados órganos ou estruturas con que exista participación" -explica- "Que ti teñas tres consellos de participación e algo ao que lle chamas orzamento participativo pode ser mesmo un elemento de desnaturalización da propia participación. Hai lugares nos que eses órganos están bloqueando a participación, porque acaban sendo espazos burocratizados e que non actúan e, ademais, son elementos que queiman a participación real". "Á inversa" -conclúe- "pode haber lugares nos que a participación é extraordinariamente informal e non existen eses fetiches, pero onde si hai dinámicas enormemente implicativas da sociedade".

"Non é só que a xente opina, senón que a xente decide. Hai que ser capaces de construír un proxecto compartido nesa decisión"

Para Xaime Subiela, "a participación é o factor central de innovación política neste momento. Os movementos que poden permitir que determinadas cousas aparezan como novas teñen que ver fundamentalmente coa implicación da cidadanía". "Hai un elemento de rexeneración democrática moi claro neste momento: todo o que ten que ver coa transparencia, cos códigos éticos, cun goberno limpo, que non rouben, etc., todo iso é moi importante e ponse en primeiro plano, porque temos un referente negativo atroz, que é a corrupción. Neste momento, polo tanto, a lóxica da transparencia é central" -comenta- "Pero todo iso ten un percorrido curto: sabemos que é o que non queremos, e queremos algo distinto, pero creo que o factor que pode propoñer algo alternativo ao que existe é fundamentalmente a participación, comprender que a acción pública ten que contar cos cidadáns. A participación é o que máis nos pode permitir establecer unha proposta innovadora que valide este proceso, o que nos permite facer algo distinto que atravese outras formas de facer".

 

A participación como proxecto compartido

Subiela subliña que "a participación ten unha dimensión de diálogo e de deliberación: falamos en común e decidimos en común. Non é só que a xente opina, senón que a xente decide. Hai que ser capaces de construír un proxecto compartido nesa decisión". E relega a un segundo plano a celebración ou non de consultas ou referendos, menos importantes -defende- que o conxunto do proceso deliberativo: "É importante que a xente poida decidir sobre determinadas cousas, por exemplo a través dun referendo, pero creo que o central da participación é ese construír en común. E iso quere dicir xerar consensos sobre determinados cousas sen que iso implique necesariamente a lóxica da votación. Hai unha especie de fascinación pola democracia directa, que entende que todo é votable. Pero máis importante que iso é entender a sociedade como un proxecto compartido que hai que facer en común. E aí a clave é o diálogo e chegar a acordos estratéxicos".

"A participación non opera só no plano da lexitimación das políticas públicas. Ten que ver con que o diálogo permite que as decisións sexan mellores decisións, permite acertar máis, que as decisións sexan máis afinadas"

O analista defende as vantaxes da participación máis aló do seu maior carácter democrático ou xusto, sinala que a participación facilita o labor de goberno, axudando a tomar mellores decisións, e cunha máis eficaz aplicación: "A participación non opera só no plano da lexitimación das políticas públicas. Ten que ver con que o diálogo permite que as decisións sexan mellores decisións, permite acertar máis, que as decisións sexan máis afinadas". 

"Non só debe haber debate e participación previamente á acción, senón tamén ao longo do seu desenvolvemento"

Para Subiela a participación implica "trasladar unha cultura política profunda á acción". A través da participación "a cidadanía é protagonista, non é o obxecto sobre o que se actúa, senón que é o elemento que participa na conformación do que se debe facer, no desenvolvemento do que se debe facer e na avaliación e valoración do que hai que facer". "Non só debe haber debate e participación previamente á acción, senón tamén ao longo do seu desenvolvemento", comenta. "Se en algo tan básico coma a realización dunha pequena obra nunha parroquia ti implicas os veciños e veciñas, non só aproveitas o seu coñecemento e os fas partícipes dunha decisión, ao ser eles os que priorizan esa acción sobre outras, senón que eles tamén se comprometen no seu desenvolvemento e coidado, fanse corresponsables do seu éxito", pon como exemplo.

"A participación amplía as capacidades" -di Subiela- "Se ti es capaz de dialogar coa sociedade para levar a cabo unha serie de actuacións, iso permite que ampliemos o que podemos facer, que ensanchemos a capacidade do público". "O público non é só o espazo propiedade ou competencia do Concello ou do Estado, poden ser tamén todos os espazos das asociacións, os espazos comúns. Se se establece unha cooperación institucións-sociedade, iso ensancha o que podemos facer. E iso ten un punto máxico, permite facer outras cousas. É un campo por explorar", propón.

"Se se establece unha cooperación institucións-sociedade, iso ensancha o que podemos facer. E iso ten un punto máxico, permite facer outras cousas"

De igual xeito Subiela defende o papel dos traballadores e traballadores encargados de aplicar as decisións adoptadas por unha institución, un colectivo -di- cuxa voz e cuxa experiencia deben ser tidas moi en conta: "É moi relevante tamén o papel que cumpren os traballadores e traballadoras que van aplicar esas políticas. Esta vertente profesional é moi relevante".

 

As metodoloxías, importantes

A participación pode beneficiarse da existencia e popularización de ferramentas dixitais, que fai máis accesible e transparente a información e máis doado o diálogo e a comunicación en varias direccións. "Hai que asociar estas novas formas de facer ao mundo dixital e á modernización administrativa. E facendo fincapé nesta política 2.0 non só na accesibilidade, senón tamén na transparencia, nunha dimensión interactiva e construtiva. É un mundo aínda sen explorar, con moita potencia", di Subiela.

Subiela alerta contra o perigo ou as tentacións dos partidos "a contaminar os espazos participativos"

Subiela alerta contra o perigo ou as tentacións dos partidos "a contaminar os espazos participativos". "Nos espazos de participación deben primar as lóxicas sociais, aínda que estean tamén as alternativas políticas", subliña. "Se o mundo mareas considerámonos representantes do conxunto da cidadanía, iso pode ter un efecto perverso. As mareas non deben entender estes espazos participativos como instrumentos para ratificar decisións adoptadas noutros espazos cidadáns, senón que deben alentar a participación", alerta. "Os espazos institucionais de participación deben ir moito máis aló do que é a Marea Atlántica, por poñer un exemplo, e deben ser concibidos de forma respectuosa e democrática e non de forma instrumental", engade.

"As formas son importantes, e as metodoloxías son importantes. A idea de que a participación equivale a espontaneísmo paréceme que é o máis desastroso, porque a xente acaba por queimarse"

"Fai falla cultura democrática de facer. A xente debe ser consciente de que participa en algo común e que non é utilizada en beneficio dunha determinada tendencia", salienta. E conclúe que "as formas son importantes, e as metodoloxías son importantes. A idea de que a participación equivale a espontaneísmo paréceme que é o máis desastroso, porque a xente acaba por queimarse".

"A innovación pasa por aí, pola participación, porque iso é o que permitirá que agrome ese concepto gradilocuente que sempre manexamos: a intelixencia colectiva. E tamén esas outras cousas ás que apelamos e que moitas veces non sabemos moi ben o que significan, coma o empoderamento" -conclúe- "Todo iso ten que ver con que a xente vexa de forma práctica que hai cousas nas que ten capacidade práctica de decidir e que con que a sociedade teña iniciativa autónoma. Trátase de resocializar a política e de repolitizar a sociedade".

 

Propostas de participación, en todas as candidaturas

"Todo iso ten que ver con que a xente vexa de forma práctica que hai cousas nas que ten capacidade práctica de decidir e que con que a sociedade teña iniciativa autónoma. Trátase de resocializar a política e de repolitizar a sociedade"

Moitas novas formacións políticas, coma as mareas e outras candidaturas de confluencia, fixeron da participación cidadá unha bandeira, e consecuentemente recollen nos seus programa numerosas propostas neste senso. Pero estas promesas de maior participación non son un monopolio seu e tamén enchen os programas doutras candidaturas.

Na Coruña, por exemplo, a Marea Atlántica propón orzamentos participativos: "Faise necesaria que a participación municipal se asente na propia dinámica e proceso de conformación do Orzamento, escoitando as demandas cidadás, das asociacións, das entidades e colectivos. E non só para propoñer senón tamén para decidir e controlar". Tamén unha "descentralización administrativa e participativa en Distritos Barriais" e a "activación do Consello Social da Cidade". Ou o "establecemento dun sistema de referendos veciñais para cuestións de especial transcendencia" e a modificación do Regulamento Orgánico Municipal, "facilitando a participación directa dos veciños nos plenos".

En Santiago, tamén Compostela Aberta aposta nas primeiras páxinas do seu programa por "reverter a orde establecida mediante unha transformación democrática do Concello, co fin de ir poñendo os piares dunha forma de gobernar diferente, asentada na garantía de dereitos de cidadanía para os veciños e as veciñas de Compostela, así como fundamentada nos principios da democracia participativa". En concreto, propón a aprobación dun novo Regulamento de Participación Cidadá, que recolla o dereito á información, á iniciativa ou á consulta popular ou referendo. Tamén quere crear unha delegación de participación cidadá, unha Oficina de atención cidadá, un Consello municipal de cidadanía, así coma consellos e asembleas de distrito, consellos sectoriais e observatorios de participación, ademais dunha Asemblea do Concello, "a máxima estrutura de participación cidadá".

En Ferrol, Ferrol en Común destaca o seu obxectivo de "gobernar coa xente e non para a xente", facendo fincapé na "participación da veciñanza nas decisións do goberno a través do Regulamento de Participación Cidadá e os Orzamentos Participativos", a creación de "asembleas de barrio e sectoriais", a configuración "aberta" do "grupo municipal" e a convocatoria de "plenos mensuais como asembleas abertas á cidadanía", que serán precedidos de asembleas abertas da propia formación.

En Pontevedra, o BNG defende no seu programa "a ampliación, extensión e regularización normativa dos consellos territoriais de parroquias e barrios, para avanzar na participación real dos veciños na vida municipal e na corresponsabilidade entre administración e administrados". Así mesmo, promete "dar un salto adiante" na democracia directa e na participación social, aumentando as asembleas veciñais e creando tamén consellos sectoriais.

De igual xeito, en Lugo o PSdeG-PSOE propón aprobar unha nova Ordenanza de Participación Cidadá "que regule os mecanismos de participación veciñal e dos diferentes colectivos na confección e execución dos orzamentos participativos", a creación de consellos parroquiais na zona rural ou a instauración da figura do Concelleiro 3.0, "que facilitará a participación cidadá na toma de decisións sobre os asuntos estratéxicos municipais máis transcendentes a través de Internet".

 

Que contén o regulamento de participación cidadá?

Son moitos os concellos galegos que contan con regulamentos de participación cidadá

Son moitos os concellos galegos que contan con regulamentos de participación cidadá: Ourense, A Estrada, Vigo, Lugo, Fene, Carballo, Corcubión, Cambre, Compostela, A Coruña, Narón, Betanzos, Marín, Silleda, A Capela, Vilagarcía... Máis ou menos amplos, máis ou menos avanzados ou actualizados, mellores ou peores, dotan as administracións locais e á veciñanza dunha serie de órganos e instrumentos de información e participación que non sempre se aproveitan ao máximo nivel. En realidade, case todos se parecen moito na súa letra, incidindo na idea de que máis importante que o seu contido é a súa aplicación real.

O regulamento de participación cidadá de Ferrol funcionou durante moito tempo como exemplo e modelo. Aprobado inicialmente en 1986 e reformado en 1998, adaptándose á lexislación sectorial relativa ás administracións locais, tivo o seu momento de aplicación práctica entre 2008 e 2011, coa posta en marcha dos distintos espazos de participación e a primeira experiencia piloto de Orzamentos Participativos, en 2009. Nese tempo, destaca o seu limiar, "naceron sinerxias entre as asociacións e novas iniciativas municipais", dotando "de lexitimidade e de eficiencia as intervencións públicas".

O regulamento de participación cidadá de Ferrol funcionou durante moito tempo como exemplo e modelo

O regulamento ferrolán recoñécelles aos cidadáns e cidadás unha serie de dereitos (información, petición, iniciativa popular, intervención no Pleno, consulta popular...) e desenvolve órganos e mecanismos para garantilos: consellos sectoriais, asembleas de barrio, foros cívicos, consello da veciñanza... Introduce, igualmente, a figura do Defensor da Cidadanía. Ademais, recolle a posibilidade de presentar iniciativas populares (presentando as sinaturas do 10% do censo), a convocatoria de consultas (se o solicita o 5% do censo). Así mesmo, a norma fai fincapé na transparencia e o dereito da veciñanza á información (imprescindible para a participación e a deliberación), introducindo cuestións relacionadas co acceso aos arquivos e documentación municipal ou á existencia dunha radio municipal ou dunha revista editada polo Concello.

Xaime Subiela © Editorial Galaxia
Asemblea da Marea Atlántica para analizar o 24M Dominio Público @mareatlantica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.