Apicultores e concellos censuran a "inacción" da Xunta coa praga da avespa asiática

Avespas asiáticas nun niño © AGA

"A situación empeora a cada día mentres seguimos esperando unha xuntanza para deitar luz sobre a problemática, coordinar unha resposta e levar a cabo medidas urxentes". Xesús Asorey, secretario técnico de AGA (Asociación Galega de Apicultores) e a voz do seu colectivo pero expresa tamén a "desesperación" de ducias de concellos onde a praga da avespa asiática segue a espallarse sen remedio, atacada con remedios caseiros pola cidadanía e causando importantes problemas no sector apícola e froiteiro, nos traballos forestais, así como inseguridade cidadá.

Apicultores e concellos agardan a reacción da Xunta mentres a praga da velutina alcanza xa máis de 125 concellos en Galicia

Son xa 125 concellos galegos, segundo os últimos datos da Consellería de Medio Rural, os afectados pola avespa velutina coa presenza de niños que poden alcanzar cadanseus 15.000 exemplares. O Baixo Miño, a Mariña, o Ortegal e as zonas da Coruña e Ferrol son as máis afectadas por unha nespra que xa non só coloniza a costa, senón que se vai introducindo no interior de Galicia. "E son moitos máis niños e moitos máis municipios afectados dos que se din oficialmente porque moitos dos enxames son imposibles de ver ou localizar", aclara Asorey, que destaca que xa se atopan enxames a máis de 100 quilómetros do mar. 

Polo de agora, a AGA elaborou un documento hai dous meses que foi enviado aos 93 concellos onde se detectara a avespa asiática e na que se reclamaban medidas urxentes á Xunta. A Consellería de Medio Rural sabe xa destas peticións e desde o 28 de xullo sabe tamén da solicitude de reunión dos apicultores, aos que se unirían representantes dos concellos máis afectados. Pero segue sen haber resposta. "Seguimos sen saber nada; primeiro era polas vacacións, despois polos lumes, logo polo leite...", quéixase Asorey, que lembra que a AGA deulle de prazo ata este martes 22 de setembro ao Goberno galego para que acepte unha reunión inmediata.

Medio Rural leva case dous meses sen contestar á petición de xuntanza dos apicultores que agora apoian varios concellos afectados

De non recibir resposta, acudirán a Compostela a manifestarse diante da Administración, a quen entregarán o devandito documento. E non será só o sector abelleiro o que acusa, senón todos aqueles afectados, incluídos tamén responsables dos municipios, que están "desesperados" ante un problema que xa é "de seguridade cidadá". A praga é tal que os niños aparecen en lugares case inalcanzables, pero tamén ao pé das casas ou en colexios. Hai poucas semanas, nunha xuntanza en San Sadurniño á que acudiron representantes de máis de vinte concellos, as críticas á Xunta foron constantes. "A inacción é total, hai unha tremenda falta de medios e de coordinacións. Non hai iniciativa por parte da Administración para atacar este problema", insisten desde a AGA, que espera a confirmar nesta semana cantos dos concellos afectados aprobaron a moción na que se reclamaban solucións a esta problemática. 

"A inacción é total, hai unha tremenda falta de medios e de coordinacións. Non hai iniciativa por parte da Administración para atacar este problema"

Nos seus últimos datos, Medio Rural cifrou en máis de 1.300 os niños retirados e noutros tantos os que foron avistados (uns 2.700). Pero os expertos advirten de que estas cifras quedan moi curtas. Son moitos máis os enxames e as localidades afectadas. Segundo AGA, a administración recibe cada día 70 chamadas avisando da presenza da velutina e 50 desas están no certo. Ademais, lembran que o teléfono co que se debe contactar é o 012 e non o 112 como ocorre en moitos casos. 

En cada concello afectado, as cifras e as experiencias dos veciños arrepían. No de Cambre, por exemplo, Protección Civil retirou preto de 70 niños en tan só tres meses. En Ortigueira, un veciño chegou a contar unhas 6.000 avespas asiáticas recollidas durante o verán mediante trampas caseiras no seu negocio e é habitual ver as parras de calquera casa ateigadas de exemplares que proveñen de niños que, en máis dunha ocasión, alcanzan alturas de máis de 20 metros. 

En Cambre, Protección Civil retirou 70 niños en tres meses; en Ortigueira, un veciño apañou 6.000 avespas asiáticas en trampas caseiras

A AGA insiste en que falta "coordinación" e que a Xunta exerza de canalizador das accións que se vaian tomar. Ademais, critica a falta de medios e a tardanza na retirada de niños, o que obriga a que moitos concellos teñan que actuar malia non ter en moitos casos o material necesario. De feito, son en moitos casos veteranos apicultores os que colaboran coas administracións locais. Por iso, desde moitas destas administracións locais e desde a AGA reclaman tamén máis formación para todos os implicados na loita contra a velutina, máis control e uso de antiqueratiniziantes na época de crecemento nas larvas ou menos dificultades burocráticas á hora de dar aviso da localización de niños. 

Ao tempo, reclámanse fondos tamén "para investigar os métodos de loita máis axeitados", como a elaboración dunha feromona específica para utilizar nas trampas. Lembra AGA que hai fondos europeos destinados á investigación onde pode entrar a velutina e que Francia está a piques de sacar ao mercado feromonas selectivas, un método que "será un bo paso pero que nos vai costar cartos". 

Pero mentres a Xunta non reacciona, son os propios apicultores os que están a "estudar a aplicación doutras medidas para reducir os efectos do actual aumento de velutinas". "Primeiro hai que confirmar os resultados e despois farémolos públicos se se demostra a súa eficacia", remata AGA. 

Avespas asiáticas nun niño © AGA
Concellos afectados pola avespa velutina © Consellería de Medio Rural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.