Este martes publícouse no BOE a Lei Orgánica 11/2015, que reforma a lexislación sobre o aborto e limita a capacidade das mulleres de 16 e 17 anos decidir sobre os seus corpos, facendo obrigatorio que informen os seus pais, nais ou titores legais. Dende que o Goberno do PP comezou a barallar esta modificación legal, concibida como unha concesión aos sectores máis ultras do partido trala retirada da reforma completa da lei do aborto, entidades sociais e profesionais amosaron o seu firme rexeitamento.
A reforma foi cualificada de "innecesaria" pois, entre outras cousas, o aborto en mozas de 16 e 17 anos representa entre o 3 e o 4 por cento do total de abortos e na maioría deses casos (87,62%) as rapazas acudían acompañadas
A reforma foi cualificada de "innecesaria" pois, entre outras cousas, o aborto en mozas de 16 e 17 anos representa entre o 3 e o 4 por cento do total de abortos e na maioría deses casos (87,62%) as rapazas acudían acompañadas dos seus pais, nais ou titores. A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) alertou de que os motivos alegados polas poucas rapazas (113 no total do Estado en 2014) que non informaron sobre o embarazo foron desamparo familiar, familias desestruturadas, proxenitores en prisión, risco de sufrir malos tratos, enfermidade invalidante dos titores, negativa dos titores a acompañalas, ou posturas abertamente contrarias ao aborto. "Nestes casos as mozas tiñan moi boas razóns para non contalo na casa, ou ben por medo, mesmo medo físico ou porque están seguras de que van a ser obrigadas a ter ese fillo ou filla por razóns de índole relixiosa", lembrou a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto.
"As mozas tiñan moi boas razóns para non contalo na casa, ou ben por medo, mesmo medo físico ou porque están seguras de que van a ser obrigadas a ter ese fillo ou filla por razóns de índole relixiosa"
A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, que levara a cabo unha moi importante mobilización contra a reforma do aborto proposta nun principio polo PP, tamén actuou contra este recorte de dereitos a través de concentracións e outras convocatorias públicas, pero tamén con outros procesos de información e mobilización especialmente dirixidos ás mulleres máis novas. Pilar Estévez entende a medida como unha manobra dos populares para contentar o seu sector máis extremos, e anticipa que tralas eleccións de decembro e a esperada perda da maioría absoluta do PP, dende o feminismo se dará unha intensa batalla en defensa do dereito ao aborto.
A norma foi aprobada coa curiosa denominación de "Lei para reforzar a protección das menores e mulleres" na "interrupción voluntaria do embarazo". A exposición de motivos da lei reitera ese argumento, acusando a Lei do Aborto aprobada en 2010 de "impedirlles aos proxenitores e titores cumprir coa obriga recollida no Código Civil [de velar polos seus fillos], privando as menores da protección que o mesmo texto lexislativo recoñece, de poder contar, nun momento crucial e complicado da súa vida, coa asistencia de quen exercen a súa patria potestade".
Porén, a nova norma recorta e non reforza esa protección. "Podemos aseverar que as condicións nas que esas mozas terían que afrontar a maternidade serían a todas luces precarias, o cal nos leva á conclusión de que o Goberno, no canto de preocuparse por corrixir as situacións de desprotección nas que se atopan as menores de idade opta por sometelas á decisión que os seus titores adopten respecto a esa maternidade", destacou no seu momento AGAMME.
A reforma legal foi aprobada unicamente cos votos do PP, Unió e Foro Asturias, e o rexeitamento dos restantes grupos
A reforma legal foi aprobada unicamente cos votos do PP, Unió e Foro Asturias, e o rexeitamento dos restantes grupos, cunha posición máis ambigua por parte de Ciudadanos. Polo tanto, espérase que a perda da maioría absoluta popular nas eleccións de decembro leva á anulación das disposición que este martes entran en vigor.