A Marcha Mundial das Mulleres entregou este martes na Subdelegación do Goberno en Ourense un escrito, apoiado por máis de 1.200 sinaturas inidividuais e 30 colectivas (entidades feministas, organizacións políticas e sociais), no que denuncia a situación de "desprotección" sufrida por Isabel Fuentes e que, denuncian, "tivo como consecuencia o seu asasinato". O marido de Isabel Fuentes acabou coa súa vida en maio, a pesar de que a muller se atopaba no hospital, por mor dunha agresión pola que o home estaba a ser investigado, e a pesar de que a Garda Civil solicitara unha orde de afastamento, non concedida. O mecanismo empregado para a denuncia ten o formato de reclamación patrimonial de 1 euro, unha cantidade simbólica do "incalculábel valor da vida de Isabel Fuentes".
"O obxetivo desta acción é denuncia a unha xustiza que non acredita no relato das agredidas, neste caso nen sequera atendeu o da Garda Civil que falaba por Isabel Fuentes cando ela non podia
"O obxetivo desta acción é denuncia a unha xustiza que non acredita no relato das agredidas, neste caso nen sequera atendeu o da Garda Civil que falaba por Isabel Fuentes cando ela non podia, e que non coloca as medidas necesarias para protexelas cando hai ameazas para a súa vida", destacan dende a Marcha. Na reclamación engándese que "a acción central desta campaña é a denuncia pública da desprotección que viven as mulleres que sufren violencia machista que levaremos a cabo a través dunha reclamación administrativa e dunha denuncia ás institucións responsábeis de protexer a Isabel Fuentes, e a todas as mulleres, que fallaron no seu caso e que non podemos permitir que volvan a fallar".
"Non sabemos se a xustiza non soubo iniciar os protocolos de protección da vida de Isabel Fuentes ou non o entendeu necesario", din
"Non sabemos se a xustiza non soubo iniciar os protocolos de protección da vida de Isabel Fuentes ou non o entendeu necesario", din. "Se foi un acto reflexionado -e equivocado- ou outro procedemento rutineiro nunha cuestión como a violencia machista que nunca debe ser tratada de forma rutineira ou lixeira pois as vidas de moitas mulleres están en perigo", afirman. A Marcha pídelle ao Consello Xeral do Poder Xudicial un informe en relación ao relato dos feitos e anuncia que seguirá desenvolvendo "esta campaña de denuncia con queixas e actos nos xulgados nos próximos meses decididas a que non se esqueza e a que isto non volte pasar nunca máis".
A reclamación critica a actuación da xuíza de Verín Cristina Fernández Viforcos. O home de Isabel Fuentes afirmara que a agresión que enviara a muller ao hospital fora causada por uns descoñecidos que tentaran roubar na súa casa. A Garda Civil trasladoulle á xuíza, mediante un informe por escrito, "que albergaban serias sospeitas de que o verdadeiro autor da agresión sufrida por dona Isabel fora en realidade o seu marido", explican no escrito. No mesmo informe, a Garda Civil solicítalle á xuíza que se proceda á intervención do teléfono do home e que se manteña a investigación co fin de confirmar estas sospeitas.
A maxistrada denegou estas peticións, pois "segundo sinalou a xuíza, non existían indicios firmes, testemuñas, antecedentes ou mala relación entre os esposos"
A Garda Civil tamén lle pediu á xuíza que "ordenara o seu mantemento na Sección de Reanimación para garantir que non recibira vistas e que puidera permanecer baixo a vixilancia do persoal médico, dadas as sospeitas que recaían sobre o marido, ou mesmo que se procedera á restrición das visitas na habitación de planta". Porén, a maxistrada denegou estas peticións, pois "segundo sinalou a xuíza, non existían indicios firmes, testemuñas, antecedentes ou mala relación entre os esposos". O 7 de maio, ás sete da mañá, aproveitando que non había ninguén máis na habitación, o home efectuou un corte sobre Isabel no abdome cun coitelo de considerables dimensións e apuñalouna no pescozo, producindo a súa morte inmediata", describen no escrito.
O texto salienta que "o erro cometido pola xuíza titular é evidente" e afirma que coa súa decisión demostrou "un enorme descoñecemento das circunstancias que rodean un acto de violencia machista, xa que é moi habitual a inexistencia de denuncias anteriores". Foi tamén "incapaz de comprender que, precisamente, o feito de recibir unha agresión no domicilio convivindo en compañía dunha parella varón é, na maioría das ocasións, precisamente, un factor de risco que debe advertir da posible comisión dun delito de violencia machista".
"O erro cometido pola xuíza titular é evidente. Demostrou un enorme descoñecemento das circunstancias que rodean un acto de violencia machista, xa que é moi habitual a inexistencia de denuncias anteriores"
Denuncian que "na ponderación entre as liberdades dos supostos agresores e a seguridade das mulleres vítimas de violencia machista, prima sempre, con argumentos ademais de garantía constitucional, a liberdade e protección dos dereitos dos posibles sospeitosos, que neste caso, como noutros moitos, deu lugar a un fin tráxico co asasinato de dona Isabel". O escrito responsabiliza desta tendencia crecente á presión das "voces críticas desta Lei e ameazadas pola posible diminución de parcelas de poder que a nosa cultura patriarcal e machista vén garantindo aos homes", que conseguiron facer menos efectiva a aplicación da Lei orgánica sobre medidas de protección integral contra a violencia machista.
Nos últimos 15 anos morreron 700 mulleres a mans dos seus compañeiros varóns
A Marcha lembra que nos últimos 15 anos morreron 700 mulleres a mans dos seus compañeiros varóns, destacando que mentres no ano 2014 os delitos violentos sufriron un considerable descenso do 18%, os delitos de violencia contra as mulleres sufriron un aumento do 2%, e engadindo que "non hai outra actividade criminal que teña provocado tantas mortes entre o sexo feminino como a violencia machista".