0 Gardados para despois

Liga Estudantil e Comités, maioritarios no claustro da USC

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Maioría case absoluta. O escrutinio das eleccións ao claustro da Universidade de Santiago sitúa a Liga Estudantil Galega e os Comités como as organizacións que aglutinan a confianza maioritaria do estudantado da institución académica. Dos 75 postos elixibles no máximo órgano de representación da USC 20 corresponden segundo os datos provisionais á Liga Estudantil -15 en Compostela e 5 en Lugo-, que foi tamén a forza máis votada no conxunto da universidade. Á Liga séguena os Comités con 17 asentos no claustro, 16 deles nos campus composteláns e un no lugués.

As demais organizacións e asociacións do alumnado da universidade quedaron a unha notable distancia. Así, o Sindicato de Estudantes logrou 4 representantes obtidos noutros tantos centros da USC e AGIR obtivo un asento no claustro. Tamén o Movemento Estudantil Universitario, Estudantes polo Cambio e REDE terán cadanseu representante. O cómputo do escrutinio complétase con 18 membros do claustro elixidos a través de candidaturas conformadas nun só centro -6 de Económicas, 5 de Medicina, 3 de Dereito, 2 de Farmacia, 1 de Física e 1 de Políticas- e outros seis de estudantes que concorreron aos comicios sen estaren adscritos a organización ou candidatura ningunha.

A Liga Estudantil Galega foi a forza máis votada no conxunto da Universidade

Como adoita acontecer a participación nas eleccións non foi especialmente elevada. Os mesmos datos do escrutinio detallan que exerceron o seu dereito ao sufraxio un total de 1.974 alumnos e alumnas. En termos absolutos a maior participación chegou de Medicina e Odontoloxía -un dos centros máis numerosos da universidade- con máis de 400 votos, seguida de Economía e Empresa, con máis de 180, Ciencias Políticas e Dereito, ambas con máis de 150. Tamén quedaron por riba do cento de votos en Filoloxía, Ciencias da Comunicación e Xeografía e Historia; pola banda baixa atópanse Relacións Laborais, con 28 votos, Filosofía, con 25 e Matemáticas, con 14.

Satisfacción co resultado, contrariedade co sistema de voto

Á hora de avaliar o veredito das urnas as dúas organizacións maioritarias coinciden en amosaren a súa ledicia polo apoio obtido e as súas críticas ao sistema de votación implantado pola USC. Dende a Liga Estudantil Galega Diotino Nóvoa sinala para Praza Pública que na formación a sensación é "satisfactoria", máis aínda tendo en conta que "era a primeira vez que concorriamos" a uns comicios ao claustro -veñen de cumprir un ano de vida-. "Os resultados son unha mensaxe, porque fortalecen a aquelas organizacións que nos opoñemos fontalmente ás políticas de recorte na universidade", indica Nóvoa, xa que, ademais da Liga, di, os propios Comités, "ademais de Agir e o Sindicato", "sempre amosamos a nosa postura contraria ao desmantelamento da universidade pública".

Liga e Comités coinciden en ver nos resultados unha mensaxe contra os recortes na universidade

Tamén o responsable nacional dos Comités, Daniel Candal, ve "moi positivos" os resultados para a súa organización e, na mesma liña, coida que ficou "moi claro que o estudantado está en contra dos recortes". "Independentemente de que estivese en xogo a representación do estudantado tamén era unha oportunidade para dicir non ás políticas da Xunta e do Goberno central", nomeadamente "ás medidas do último decreto lei". "Tamén é un non ás políticas da USC" que, subliña, "tiña grandes problemas" para levar adiante a acción de goberno académico e "agora vai ter que considerar máis os pasos a seguir", porque "a súa minoría é maior".

Candal e Nóvoa achegan estas valoracións dende unha postura moi crítica co sistema de votación electrónica implantado na universidade compostelá. "Houbo grandes problemas que non é que impedisen o dereito ao voto, pero que si o dificultaron", di o responsable nacional dos Comités, quen lembra que "o servizo estivo paralizado varias horas" e mesmo o sistema chegou a "caer". "Houbo moitos problemas e a USC non os recoñece, só se ampara en que non houbo queixas oficiais, cando nós si que as presentamos". Isto sucede, salienta, despois de que a institución gastase "entre 3.000 e 5.000 euros neste servizo informático". "Foi un fracaso total e absoluto", engade Diotino Nóvoa dende a Liga, que lamenta a "baixísima participación" provocada, en boa medida, di, porque "a moitos lles foi imposible votar". "Durante o martes á mañá estivo caído varias horas e a aplicación non incentivou para nada a participación" por ter "moitos erros".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.