Unha familia loita pola morte digna dunha nena de 12 anos no Clínico de Santiago

Vista do Clínico de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Dende o pasado xullo está en vigor en Galicia a lei que, tramitada a iniciativa do PSdeG e aprobada por unanimidade, regula a asistencia para unha morte digna nos centros hospitalarios do país. Sen darlle luz verde á eutanasia, o texto xurídico tenta evitar o asañamento coas persoas que, nun estado terminal, xa non poden reverter o seu estado de saúde, polo que a aplicación de calquera tratamento só provoca sufrimento. Dous meses despois o Hospital Clínico de Santiago está ante un destes casos, o dunha nena de 12 anos cuxa familia está inmersa nunha amarga loita por esa morte digna.

A Cadena SER destapou este mércores o caso de Andrea e a loita da súa familia. Aos seus 12 anos padece unha enfermidade rara e dexenerativa, e o seu estado é xa irreversible. A situación, explica a súa nai, agravouse o pasado xuño cunha trombopenia -diminución das plaquetas- e dende ese momento só empeorou, mesmo tendo que estar na Unidade de Coidados Intensivos en varias ocasións. Agora mesmo, inmersa nunha "desnutrición calórico-proteica", o seu corpo xa nin sequera admite a alimentación artificial. No entanto, non se lle concede a morte digna malia existir un informe favorable do Comité de Bioética Asistencial.

Dende o pasado xullo está en vigor en Galicia a lei para permitir unha morte digna a doentes terminais

Ese informe, que non é vinculante, relata a SER, recomendou o pasado día 14 deixar de seguir prolongando mecanicamente a vida de Andrea. Pero o Servizo de Pediatría do CHUS decidiu non seguilo. Segundo a xerencia da área sanitaria, que este mércores recibirá os pais da nena, os profesionais están seguindo os principios da bioética e atendendo ás leis vixentes.

Tal e como declarou a Radio Galicia a nai de Andrea, a súa petición é, precisamente, un dos supostos que contempla a nova lei. "Non estamos pedindo eutanasia", subliña. "O que quero é que a miña filla peche os ollos, poder despedirnos dela" e que poida ter unha "morte digna" sen seguir padecendo esta enfermidade, "neurodexenerativa e irreversible, que chegou ao final e non hai máis". Nin sequera se trata "dunha sedación terminal", resalta, só de non prolongarlle a vida artificialmente durante máis tempo.

Vista do Clínico de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.