Medicina Legal comprobará se o tratamento lle produce a Andrea "sufrimento desmesurado"

Treito do auto ditado polo xuíz o pasado xullo CC-BY-SA Praza Pública

O Instituto de Medicina Legal de Galicia ten a palabra. A saída á luz pública da petición de morte digna para Andrea, a noiesa de 12 anos ingresada no Clínico de Santiago polo agravamento da súa enfermidade neurodexenerativa, apoiada polo Comité de Ética Asistencial pero negada polos responsables hospitalarios, vén de propiciar un novo movemento xudicial. Despois de que a Xerencia do CHUS se dirixise ao xulgado para "orientar" as decisións médicas e esgrimise un auto xudicial do pasado xullo para negarse a atender a petición familiar, o xuíz Roberto Soto vén de emitir unha providencia na que lle encomenda ao IMELGA determinar se o estado de Andrea é terminal e se o tratamento lle está a producir "sufrimento desmesurado"

Este mesmo venres o hospital terá que achegarlle ao maxistrado o historial clínico "completo" da paciente, así como o informe do Comité de Ética Asistencial que o pasado 14 de setembro apoiou a petición de morte digna. Reclama, ademais, un informe "actualizado e exhaustivo" do Servizo de Pediatría no que o hospital "especificique, cando menos, os concretos criterios clínicos" polos que "estima que a paciente non se atopa en situación terminal nin concorre situación de dor e/ou sufrimento desmesurados", como indica a familia.

O xuíz insta o hospital a xustificar o seu xeito de proceder e reclama saber se a están a manter con vida "de forma penosa, gravosa e artificial"

Alén da versión hospitalaria, o xulgado diríxese de oficio ao IMELGA para solicitar que, tamén este venres, se lle realice a Andrea un "recoñecemento xudicial e forense", no propio hospital e a porta pechada. Ese recoñecemento, indica, terá que servir para determinar se "se trata dunha paciente con enfermidade irreversible incurable e en estado terminal" e, ademais, para avaliar o "procedemento pautad polo servizo de pediatría". Nomeadamente, Medicina Legal indicará se a hidratación e alimentación artificiais son un tratamento "extraordinario ou desproporcionado ás perspectivas de mellora da paciente" e se "produce dor ou sufrimento desmesurado".

Trátase, indica o xuíz, de coñecer con certeza se "as medidas de soporte vital pautadas conducen a unha prolongación innecesaria da agonía da paciente e/ou a manteñen con vida en forma penosa, gravosa e artificial". En canto estas probas sexan practicadas o xuíz recibirá os pais de Andrea para escoitar a súa visión do que está a acontecer.

O auto de xullo remité ao Comité de Ética

Esta providencia chega no medio dun marasmo de declaracións nas que tanto a Xerencia do CHUS como a conselleira de Sanidade e o propio presidente da Xunta aluden ao auto xudicial de xullo para afirmar que o actual procedemento é o correcto. Diante desta conxuntura este venres foi o propio xulgado o que fixo público ese auto no que, como informou este diario, o xuíz avala o proceder dos médicos, pero tamén se remite ao informe do Comité de Ética -que se emitiu en setembro- para advertir da posibilidade de introducir cambios.

O auto instaba a "ter en conta as consideraciósn do Comité Ético", que apoiou a petición de morte digna nun informe que non é vinculante

Nese procedemento, que o maxistrado enmarca nunha "crise emocional familiar absolutamente comprensible", o xulgado autorizou "o tratamento pautado por consideralo axeitado ao interese da nena", se ben introduce matices que non son menores. "O pediatra -evidencia- solicitou informe do comité ético (...) que pode dar lugar á modificación do criterio médico actual", indica. Ademais, resalta, o tratamento debe ter como obxectivo "diminuír en maior grao posible o sufrimento, respectando a súa dignidade persoal no desenvolvemento da súa enfermidade".

No propio auto advertíase ademais de que a autorización para aplicar as pautas propostas dende o hospital "non obsta a autonomía dos médicos" para, "coa familia e de conformidade co marco legal", e atendendo á aplicación da lei neste caso concreto, "aplicar as solucións terapéuticas axeitadas ao estado e progresión da paciente". Todo isto, advertía, "tendo en conta tamén as consideracións do Comité Ético", cuxo informe, ao non ser vinculante, o hospital decidiu non atender.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.