O caso de Hadrián Antelo salta ás portadas. Este rapaz de tan só once anos sofre leucemia -un dos tipos máis graves- e atura as difíciles consecuencias da súa grave enfermidade. Sometido a sesións de quimioterapia, o cativo de Malpica recibirá clases na súa casa os martes e xoves, dúas horas cada día, ata que finalice o curso, pero a súa nai pide que a Xunta lle amplíe cando menos as titorías a inglés e música, algo que a administración educativa non atende.
Hadrián, que sofre unha grave leucemia, recibirá tan só dúas horas en dous días de clase como atención domiciaria
"Dous días á semana parécelles que é moita clase pero se un neno ten 25 horas lectivas non entendo por que un neno nesta situación ten que ter 4 horas á semana, nin ten mestre de ingles, nin de música...", declarou Neves, a nai do rapaz, á TVG. Hadrián cursa sexto de primaria e aínda lle quedan sete meses de tratamento, tempo no que non pode ir á escola. O curso pasado, cando estivo catro meses illado nun cuarto do hospital, a familia contratou clases particulares nas que investía case 300 euros ao mes pero entende que a educación debe ser garantida en condicións de igualdade pola Administración.
A familia pide máis horas porque entende que a educación debe ser garantida en condicións de igualdade pola Administración
"A súa familia négase, con toda a razón, a aceptar unha atención insuficiente", di a Confederación de Anpas Galegas, que reclama unha "solución" para este rapaz enfermo de cancro que, segundo considera o colectivo, está "mal atendido" por parte da Xunta. Este pasado sábado, a plataforma enviou un escrito dirixido ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, no que se denuncia que a Hadrián "se lle está impedindo o seu dereito a ter atención (educativa) no seu domicilio".
Así o advirten nun escrito, no que a Confederación de Anpas asegura que ademais da dureza do cancro que sofre o rapaz, resulta tamén duro "a necesidade de ter que reclamar aquilo que constitúe un dereito e, máis aínda, cando o suxeito deste dereito é un neno". Segundo aclara o colectivo, a propia normativa da Xunta establece que “a atención educativa domiciliaria terá como finalidade a continuidade do proceso formativo do alumnado que curse ensinanzas de réxime xeral en modalidade presencial en centros sostidos con fondos públicos e que, por prescrición facultativa, debido a enfermidade ou lesión, non poida asistir con regularidade ao centro por un período prolongado de tempo”.
A Confederación de Anpas piden unha "solución" para un neno que consideran que está "mal atendido" pola Xunta
Ante a situación de Hadrián, a Confederación de Anpas pregúntase "como se garante esta continuidade cunha atención de catro horas á semana" e que continuidade terá ese proceso formativo "cando o neno se incorpore novamente ao ritmo normal da súa idade con esa exigua formación". Ademais, consideran que xa "abonda" coa "dificultade de readaptación á vida ordinaria" logo dunha experiencia tan dura como a enfermidade "como para por riba incrementala con problemas formativos que poderían ter sido resoltos doadamente pola administración educativa".
A Confederación lembra que a atención educativa domiciliaria "é unha conquista da demanda social, cunha moi marcada participación da Federación Olívica de Anpas", que deberiamos dar por consolidada". No entanto, din, "é necesario sistematicamente xerar unha alarma social para que exista unha reacción da administración educativa". O colectivo denuncia que os afectados teñan mostrar a súa cara máis "íntima" ao público para que Educación responda -se o fai- e pide que se establezan "protocolos de obrigado cumprimento que outorguen seguridade xurídica".
As anpas advirten ao conselleiro que "a cobertura das necesidades educativas" non pode ser "obxecto de propaganda" e piden un tratamento "serio, reservado e eficaz" para circunstancias como as de Hadrián e a "salvagarda de todos os dereitos que posúen estas familias e estes escolares". A Confederación insiste en que a resposta á demanda deste cativo de Malpica non quede só en el, senón que se dea un tratamento normalizado a todos os casos semellantes.
"Que exista, e se demostre, unha vontade real por parte da Administración para que estas circunstancias se resolvan administrativamente"
"Que exista, e se demostre, unha vontade real por parte da Administración para que estas circunstancias se resolvan administrativamente, no xogo normalizado da esixencia e a satisfacción dos dereitos que todos posuímos, e non a través da exposición pública; exposición á que nós tampouco renunciamos nas actuais circunstancias, pero que desexariamos que desaparecera da xestión da educación pública galega", finaliza a Confederación.
Desde a Consellería de Educación, segundo aclara a TVG, recoñecen que non poden chegar cun colexio a domicilio para cada neno enfermo de Galicia. Pero Hadrián mantén a ilusión. Quere ser médico. "Eu pasei a leucemia e gustaríame que fose máis leve para os rapaces a partir de agora" di o cativo, que non entende que ademais da doenza teña que superar os atrancos que se lle poñen para poder estudar coma o resto de rapaces.