0 Gardados para despois

Ana Pastor coloca a primeira pedra da contestada A-57 a dous meses das eleccións

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A ministra de Fomento, Ana Pastor, colocou esta mañá a primeira pedra das obras da criticada autovía A-57, no treito A Ermida-Vilaboa. Ás críticas que este proxecto ven espertando dende o seu anuncio, polo prexuízo medioambiental e social que pode producir e polo seu carácter "innecesario" en opinión de numerosas organizacións, únese a polémica polo inicio das obras a dous meses das eleccións e sen agardar ao pronunciamento da xustiza sobre a súa legalidade. A Audiencia Nacional debe aínda responder á petición da plataforma Salvemos A Fracha de que se paralicen de forma cautelar os traballos ata que se resolva o recurso contencioso-administrativo presentado polas presuntas irregularidades do proxecto.

O inicio das obras e a visita de Ana Pastor motivou a convocatoria dunha concentración por parte da plataforma veciñal Salvemos A Fracha, que foi apoiada por trece comunidades de montes do Concello de Pontevedra, a Asociación de Veciños de Figueirido, a Comunidade de Montes de Vilaboa, a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) ou Vaipolorío, ademais de organizacións políticas, coma Marea de Pontevedra ou Podemos. O Goberno municipal de Vilaboa tamén expresou a súa oposición ás obras e, en consecuencia, comunicou que non asistiría ao acto de colocación da primeira pedra dos traballos, malia estar convidado.

Os representantes de Salvemos A Fracha esperan que a visita de Pastor sirva para ser recibidos pola responsable de Fomento, á que lle solicitaron formalmente unha entrevista en varias ocasións dende o pasado ano, sen que a ministra accedese en ningún momento a manter unha xuntana con eles.

Salvemos A Fracha ten reiterado en numerosas ocasións as razóns da súa oposición a un proxecto moi custoso que consideran "un desbalde de cartos públicos en tempos de recortes", sinalando que a vía non funcionará como unha circunvalación da cidade de Pontevedra, como argumenta o Goberno central, senón como unha vía de alta de capacidade paralela á AP9 que non unirá as parroquias afectadas: “É unha falsa circunvalación que os e as pontevedresas deberán ir coller a sete quilómetros da cidade e que nin sequera comunica as parroquias polas que pasa”. Apostan, como alternativa, por liberar de peaxe a propia autoestrada AP9. “O plan inicial da autovía é da época de Cascos, das vacas gordas, como presunta alternativa gratuíta á AP-9”, explicou Cruz Villaverde no Parlamento galego o pasado mes de xullo. O colectivo alerta, igualmente, do "enorme" impacto ambiental das obras, pois haberá "recheos e noiros que non respectan a orografía da zona e que cegan numerosos puntos de auga".

O pasado ano a SGHN presentou un estudo que cuestionaba a necesidade da construción de novas vías de alta capacidade na provincia de Pontevedra, que coexisitirían con trazados paralelos ás xa existentes, sobre todo a AP-9, en referencia á  autovía A-59 (Vilaboa-Peinador), á autovía A-57 (Pontevedra-conexión Ourense) e á reforma da autovía A-55 no treito Vigo-Porriño. En concreto, cualificaba a A-57 de "sinrazón cun coste inmenso tanto ambiental como social, cando por con moitos menos cartos, pódese conseguir algo mellor para a cidadanía e o medio ambiente". Como alternativa, a SGHN propoñía ampliar a AP-9 a tres carrís e liberala de peaxes entre Caldas e Vigo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A A-8, de novo cortada pola néboa

Unha vez máis a autovía A-8 permaneceu cortada este domingo no treito de O Fiouco, preto de Mondoñedo, por mor da néboa. O peche obrigou ao desvío de todo o tráfico pola N-634, formándose importantes retencións á altura da Xesta, incrementadas pola alta densidade de tráfico xerada pola celebración das festas das San Lucas na vila mindoniense. No verán o Ministerio de Fomento recibiu unha ducia de propostas para facer viable a circulación neste treito nos días de néboa.