O fiscal do caso Alvia, Antonio Roma, vén de solicitar para o único imputado, o maquinista Francisco José Garzón Amo, unha pena de catro anos de cadea. Ademais, no ámbito da responsabilidade civil, reclama tamén que indemnice as vítimas do tráxico sinistro de Angrois cun importe de case 42,9 millóns de euros.
O fiscal reclama catro anos de cárcere para o maquinista e que indemnice as vítimas con 43 millóns de euros
O escrito de acusación presentouse este martes ante o xulgado de instrución número 3 de Compostela, xusto no mesmo día no que se estrea na Seminci de Valladolid o documental Frankenstein-04155, de Aitor Rei, que investiga as causas do accidente ferroviario do Alvia e que presenta varios datos novos sobre o sinistro que non se terían tido en conta na instrución do caso. No devandito escrito, contémplase a solicitude de apertura de xuízo oral contra o maquinista, ao que se considera autor de 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e 144 delitos de lesións.
A responsabilidade civil directa recae, xa que logo, á aseguradora QBE Insurance, subsidiaria a Renfe, á que lle reclama esta indemnización duns 43 millóns de euros para as vítimas, un importe bastante máis elevada cá estimada o pasado ano polas aseguradoras. QBE e Allianz -seguro de Adif- calculaban que, coa situación que daquela presentaban as vítimas, deberían facer fronte a un desembolso total final duns 25 millóns de euros. As vítimas acusaron recentemente a Fiscalía de querer facerlles "calar a boca con cartos".
A indemnización solicitada supera é bastante máis elevada da estimada polas aseguradoras
O Ministerio Público tamén demanda para Francisco José Garzón a inhabilitación especial para a profesión de maquinista de ferrcarrís durante un período de seis anos. Foi o xuíz Andrés Lago quen finalizou a instrución con este único imputado, ademais de considerar o exceso de velocidade como a causa do terrible sinistro que sacudiu Galicia hai dous anos e medio.
Malia que se recoñece que a seguridade podía ser mellorable, este aspecto non se considera que teña que ser dirimido no ámbito penal, o que levantou fortes críticas entre as asociacións de vítimas. O maxistrado exculpou de responsabilidades a todos os altos cargos de ADIF e representantes políticos, seguindo o mesmo criterio da Audiencia Provincial da Coruña, que en outubro do pasado ano levantara por segunda vez a imputación que pesaba sobre a cúpula da xestora das infraestruturas ferroviarias.
O xuíz exculpara de responsabilidades a todos os altos cargos de ADIF e políticos malia recoñecer que a seguridade puido ser mellor
O xuíz recoñecía que “é evidente [...] que a seguridade da vía podía ser mellor" e que "é evidente tamén que de acharse activo o sistema ERTMS as posibilidades de que o sinistro se producise eran inferiores". No entanto, asegurara que non existe disposición legal ou normativa ningunha que obrigue a que o tren en cuestión e a propia infraestrutura viaria estivese dotada do sistema ERTMS o día do accidente.