As afectadas de Endometriose acusan o SERGAS de seguir esquecendo esta doenza

A endometriose consiste no crecemento de tecido endometrial fóra do útero CC-BY-SA richie graham

O pasado 22 de abril o Parlamento aprobou por unanimidade unha proposición non de lei, a iniciativa de AGE, que lle demandaba á Consellaría de Sanidade que formase un grupo de traballo para estudar a atención ás mulleres con Endometriose en Galicia. O acordo parlamentario pedíalle á Xunta que no prazo de seis meses ese grupo lle presentase á camara un informe de conclusións. A proposta partira da asociación querENDO. Mulleres con Endometriose, que agora denuncia que a Consellaría de Sanidade desoiu por completo a petición do Parlamento (incluída a do propio grupo do PP), pois superado o prazo de seis meses o grupo de estudo solicitado nin sequera foi creado.

A asociación querENDO dirixiuse esta semana por carta aos distintos grupos parlamentarios da cámara, subliñando o incumprimento. "Aquel 22 de abril foi para nós unha data esperanzada. Non é que interpretásemos que a resolución fose a significar unha solución a todos os nosos problemas no referente á asistencia sanitaria que recibimos, pero si agardabamos que a Consellería de Sanidade non desoiría tan abertamente a todo un parlamento", sinalan. Engaden que "non ocultamos que para nós resulta altamente frustrante que nada se teña feito por convocar ese grupo de traballo para estudar a problemática da endometriose en Galicia".

Explican, ademais, que outras das súas peticións, mesmo as máis sinxelas e exentas de custes, tamén foron ignoradas: "A Guía de coidados a mulleres con endometriose, aprobada polo Ministerio de Sanidade –que nós críamos que era suficiente aval para ser distribuída entre os profesionais- segue sen ser enviada a estes". 

"Sabemos que a Consellería de Sanidade se viu sacudida nestes últimos meses por diferentes problemáticas que están á vista da opinión pública" -conclúen- "pero tamén entendemos que as arredor de 60.000 mulleres que padecemos endometriose en Galicia non merecemos que o noso problema sexa infravalorado ata o punto de nin sequera ser obxecto de estudo".

"As arredor de 60.000 mulleres que padecemos endometriose en Galicia non merecemos que o noso problema sexa infravalorado ata o punto de nin sequera ser obxecto de estudo"

A endometriose consiste "na aparición e crecemento de tecido endometrial fóra do útero, sobre todo na cavidad pélvica e nos ovarios, detrás do útero, nos ligamentos uterinos, na vexiga urinaria ou no intestino", segundo se define na Wikipedia. É unha enfermidade relativamente frecuente, que pode afectar a calquere muller en idade fértil, aínda que algunhas veces, a endometriose pode durar ata despois da menopausia. QuerENDO destaca que se trata dunha "doenza crónica, nalgúns casos mesmo invalidante". 

Iria Villar, presidenta de QuerENDO, salientaba hai uns meses en entrevista con Praza que "ao ser unha enfermidade que afecta só as mulleres e que está relacionado co aparello reprodutor e as menstruacións, está moi oculta e é moito máis complexo avanzar na súa investigación e tratamento". A principal demanda das afectadas é a creación de unidades multidisciplinares de endometriose co fin de mellorar a atención ás pacientes que están a ser atendidas no Sergas e evitar que as mulleres galegas con endometrioses profundas teñan que viaxar fóra de Galicia. Porque no país só hai unha unidade de referencia, no Hospital Xeral de Vigo, e "non hai un protocolo establecido claro". 

A asociación querENDO dirixiuse por carta esta semana aos grupos parlamentarios © querENDO
A endometriose consiste no crecemento de tecido endometrial fóra do útero CC-BY-SA richie graham

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.