Cuntis homenaxea a derradeira corporación republicana e o seu alcalde, asasinado en 1936

Manuel Rodríguez Sangiao, alcalde de Cuntis asasinado, nos seus anos de servizo militar © AELG

O 16 de setembro e 1936 foi asasinado por falanxistas armados Manuel Rodríguez Sangiao, alcalde de Cuntis, que se entregara días antes ás autoridades golpistas. Outros membros do goberno municipal tamén foron asasinados, pasaron anos na cadea e en campos de detención coma o de San Simón ou sufriron unha continuada represión. Este sábado 31 de outubro o Concello de Cuntis celebrará un Pleno simbólico para homenaxear e restituír a derradeira corporación republicana e, a través dela, "honrar e homenaxear a todas as represaliadas durante a Guerra e a Ditadura Franquista". O acto pechará un mes de actividades na vila termal, o Mes da Recuperación da Memoria Histórica.

O Pleno simbólico comezará ás 12 horas na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres. O acto estará presidido polo alcalde Manuel Campos Velay, que abrirá unha quenda de intervencións dos portavoces dos grupos con representación na actual corporación. Posteriormente intervirá Vanessa Fuentes Guerra, bisneta de Manuel Rodríguez Sangiao, abrindo unha quenda de intervencións de familiares de cuntienses represaliados durante a ditadura. O acto, acompañado pola música de Manoele de Felisa e de Mini e Mero, rematará na Horta do Cura, onde terá lugar a descuberta dunha placa que honrará a todas as cuntienses represaliadas durante a ditadura franquista.

Como destaca o historiados Marcos Seixo en Represión franquista en Cuntis. Memoria do 1936, “o panorama cultural, económico, social e político da vila termal antes de 1936 caracterizábase por un bo grao de prosperidade”, destacando o autor o papel do alcalde Manuel Rodríguez Sangiao, canteiro de profesión, a quen cualifica como "quizais o mellor alcalde co que contou Cuntis". 

Rodríguez Sangiao foi asasinado xunto con Serxio González despois de entregárense “inxenuamente” para seren deportados

Rodríguez Sangiao foi asasinado xunto con Serxio González (tamén membro do Comité de Resistencia da Fronte Popular) despois de entregárense “inxenuamente” para seren deportados a Vila de Cruces e Lalín, de onde non regresarían con vida. O alcalde confiaba en que non tiña nada que temer pois nada malo fixera, máis que “cumprir o seu deber como autoridade electa”. Falanxistas armados foron buscalos á pensión na que se hospedaban, para levalos a Costa Carballo (parroquia de Pazos, Silleda), onde os asasinaron o 16 de setembro e 1936, figurando “hemorraxia interna” como causa da morte. O rexedor foi soterrado alí, ata que anos despois a súa familia conseguiu recuperar o seu cadáver para inhumalo en Cuntis. Segundo un testemuño oral citado por Seixo, Rodríguez Sangiao fíxolles fronte aos falanxistas, golpeando un deles e arrebatándolle a súa arma. Porén, outro (chófer do propietario do Balneario de Cuntis) atacouno por detrás coa manivela de acender o coche, matándoo.

O fillo máis vello do alcalde foi asasinado en 1940 en Madrid por falanxistas de Cuntis, cando estaba a realizar o servizo militar. Xa o quixeran matar uns anos antes, na vila, despois de que o rapaz acusase un dos falanxistas de ter asasinado a seu pai, pois portaba o seu reloxo de peto, que o ex rexedor trouxera de Arxentina. Outros fillos de Manuel Rodríguez Sangiao continuaron sufrindo presións e humillación ao longo da ditadura, sendo obrigados por exemplo a cantar o Cara el Sol no patio do colexio, recibindo unha malleira se non o facían.

A represión foi especialmente dura en Cuntis, con numerosos paseados, coma Xoán Xesús González ou Roberto Blanco Torres

Nas últimas semanas Cuntis acolleu catro exposicións centradas na memoria histórica e a represión sufrida na guerra e na ditadura franquista, ademais de proxectarse documentais coma Las Cunetas. As mostras estiveron dedicadas ás figuras de Roberto Blanco Torres, de Xoán Xesús González e de Alexandre Bóveda. A represión foi especialmente dura en Cuntis, con numerosos paseados, coma Xoán Xesús González (fusilado en Boisaca o 12 de setembro de 1936), Roberto Blanco Torres (asasinado o 3 de outubro en Entrimo), Secundino Limeres, Xosé Vázquez Grela, Avelino Ares, ou María Suárez Paz, fusilada en Vigo.

Manuel Rodríguez Sangiao, alcalde de Cuntis asasinado, nos seus anos de servizo militar © AELG
Serxio González, asasinado cada a Manuel Rodríguez Sangiao © AELG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.