O pasado mes de xullo o Ministerio de Fomento fixo públicos os datos do stock de vivenda datados a 31 de decembro de 2014, que amosaron que en Galicia hai aínda case 30 mil vivendas novas sen vender, produto da burbulla inmobiliaria e da posterior crise. En 2007 construíranse en Galicia 45 mil vivendas novas, e a pesar de que nos anos seguintes o ímpeto construtor foi freado abruptamente (o pasado ano rematáronse unicamente 1.244 novas casas), todo este proceso deixou un regueiro de vivendas baleiras e de débedas nas empresas construtoras e nas entidades bancarias. O Estado pagou os custes da festa, rescatando con cartos públicos moitos destes bancos e liberándoos da pesada mochila de débedas e urbanizacións deshabitadas e invendibles. Porén, a pesar de que a mesma crise incrementou os problemas de milleiros de persoas para acceder a unha vivenda (dende 2008 houbo 15 mil desafiuzamentos en Galicia), este stock de vivenda baleira non foi posto a disposición de quen o necesitaba.
A SAREB (Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria), tamén coñecido como banco malo, é unha entidade formada en 2012 para xestionar os activos tóxicos (maioritariamente inmobiliarios) procedentes das oito entidades bancarias rescatadas (ou nacionalizadas) polo Estado (Bankia, Catalunya Bank, Novacaixagalicia, Banco de Valencia, Banco Mare Nostrum, CEISS, Caja3 e Liberbank), uns rescates nos que se gastaron máis de 60 mil millóns de euros de diñeiro público. A creación deste banco malo foi unha das condicións impostas pola UE para facilitar o rescate bancario con fondos europeos. A SAREB recibiu de cada unha das entidades quebradas milleiros de vivendas baleiras invendibles froito da burbulla inmobiliaria e quedou constituída como unha sociedade anónima cun 55% de capital privado e un 45% de capital público a través do FROB. O seu obxectivo é vender estas máis de cen mil vivendas no prazo de 15 anos.
A PAH salienta o carácter de propiedade pública das cen mil vivendas baleiras que manexa a entidade, xustificada no inxente desembolso de cartos públicos para salvar eses bancos
Dende a creación do banco malo a PAH e outros colectivos denunciaron a súa natureza, funcionamento e obxectivos. Sinalan que a súa misión é "malvender os activos, principalmente a fondos voitre e outras especuladoras inmobiliarias" e critican que "a Sareb foi creada, como cheque en branco, para volver reinxectar capital público a entidades privadas". Subliñan que dos máis de 60 mil millóns de euros gastados no rescate bancario, hai unha parte moi importante (ao redor de 26 mil millóns) que o Estado non recuperará nunca.
"Queremos e esiximos todas esas casas. É necesario comezar a crear un parque de vivenda social inexistente no noso país, con alugueres xustos e asequibles"
Coa campaña La Sareb es Nuestra, a PAH salienta o carácter de propiedade pública das cen mil vivendas baleiras que manexa a entidade, xustificada no inxente desembolso de cartos públicos para salvar eses bancos e tamén en que unha parte desas casas acabaron en mans das entidades despois dun proceso de desafiuzamento. E lembra os milleiros de persoas que non poden acceder a unha vivenda, un número que se engrosa cada día con novos desaloxos. Atendendo ao recollido no artigo 47 da Constitución ("Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do solo de acordo co interese xeral para impedir a especulación"), a PAH reclama que esas vivendas baleiras se poñan a disposición de quen as necesita: "Queremos e esiximos todas esas casas. Que volvan a mans de quen as pagaron e de quen verdadeiramente as necesitan. É necesario comezar a crear un parque de vivenda social inexistente no noso país, con alugueres xustos e asequibles".
Mapa de vivendas baleiras
O mapa ofrece tamén datos sobre case 250 vivendas baleiras distintos lugares de Galicia
Dentro da campaña, a PAH lanzou un mapa no que se ofrece a localización exacta dunha parte desas cen mil vivendas baleiras, empregando información das immobiliarias que xestionan os activos. A maior parte das 30 mil casas localizadas neste mapa están na costa mediterránea (tan só Cataluña, Comunidade Valencia e Murcia suman unhas 13 mil vivendas), pero o mapa ofrece tamén datos sobre case 250 vivendas baleiras distintos lugares de Galicia. No mapa podemos ver información, por exemplo, de 22 vivendas baleiras que a Sareb xestiona en Ferrol e comarca, ou a situación e enderezos doutras 39 casas na área metropolitana de Vigo.
Manual de desobediencia civil da PAH
A loita da PAH para acadar o uso social do stock de vivendas en mans da SAREB e outras sociedades e bancos emprega moitas vías distintas, dende a reivindicación institucional á presión social, chegando á desobediencia civil. Nos últimos meses promoveu a aprobación de mocións en concellos e tamén de ILP en cámaras autonómicas. En Cataluña, por exemplo, 136 localidades aprobaron mocións para multar os Bancos que acumulan vivenda baleira, e o Parlament aprobou en xuño a ILP das PAH catalás.
En boa medida grazas á presión cidadá, a SAREB accedeu o pasado ano a ceder unhas dúas mil casas ás comunidades autónomas para o seu uso como vivenda social, unha cifra que a PAH considera moi pequena. Por iso, en paralelo coa súa acción reivindicativa e de presión ante as institucións, a PAH promove tamén iniciativas de desobediencia civil para a recuperación destes inmobles: ocupacións individuais para persoas desamparadas sen posibilidade de acceso a unha vivenda, e recuperacións de bloques enteiros propiedade da banca. A través destas accións, que de forma paseniña pero continuada foron acumulando éxitos, a PAH conseguiu aloxar a 3.000 persoas e recuperar ao redor de 40 edificios, 18 deles propiedade da SAREB.
A PAH ofrece información útil para levar a cabo estas ocupacións de inmobles, para a comunicación pública das accións, as negociacións coa entidade bancaria ou a defensa legal dos seus novos habitantes
Na web da campaña La Sareb es Nuestra a PAH ofrece varios documentos con consellos e información útil para levar a cabo estas ocupacións dos inmobles, para a comunicación pública das accións, para as negociacións coa entidade bancaria e para a defensa legal dos seus novos habitantes, de cara a consolidar con éxito a ocupación. Ademais, coa vista posta nas eleccións do 20 de decembro a PAH esíxelles aos partidos políticos a aprobación dunha lei que asegure a mobilización das vivendas baleiras en mans da banca para o seu uso social a través de alugueres asequibles.