Galicia estará moi presente na Marcha Estatal contra as Violencias Machistas que este sábado se celebra en Madrid. Máis de 300 organizacións feministas de todo o Estado convocan esta manifestación que percorrerá as rúas, dende a sede do Ministerio de Sanidade (Paseo do Prado) ata a Praza de España e que supón a primeira mobilización estatal deste movemento contra esta fonda problemática.
Todas as organizacións políticas e sindicais se unen á Marcha, agás o PP e Ciudadanos
Á Marcha uniranse tamén unha morea de organizacións sindicais e políticas -todas as do arco parlamentario e as principais de todo o Estado agás o PP e Ciudadanos- e milleiros de persoas chegarán desde diversos puntos de España para unirse á protesta. Serán máis de 200 autobuses -ademais doutros moitos medios de transporte- e 12 deles chegarán a Madrid desde Galicia, onde a Plataforma Feminista Galega (PFG) leva xa tempo preparando a mobilización "para ter presenza propria no 7N na denuncia do feminicidio". Tamén a asociación Ve-la Luz estará presente no evento, logo de denunciar xa na capital estatal durante esta semana a indefensión das mulleres e dos fillos pola actual lexislación.
Doce autobuses chegarán a Madrid desde Galicia para unha Marcha apoiada por múltiples concellos galegos
Tal e como lembra a PFG, acordouse convidar a poboación que participe na marcha a que acuda vestida de cor morado ou negro nunha manifestación que estará encabezada por varias mulleres militantes dos diversos colectivos e/ou asociacións feministas como "auténticas protagonistas deste evento". Ademais, múltiples mocións de apoio ao 7N están a ser presentadas en deputacións e concellos de Galicia e moitos dos municipios amosaron o seu total apoio á mobilización e mesmo colaboran na súa organización. Aínda así, a Deputación da Coruña, que mostrar a intención de financiar os buses, decidiu finalmente non achegar cartos.
No manifesto da Marcha indícase que os asasinatos das mulleres son "só a punta do iceberg" da violencia patriarcal. "Nos últimos anos padecemos os recortes sistemáticos nos recursos públicos xerais, nos dereitos sexuais e os dereitos reprodutivos, recortes na interrupción voluntaria do embarazo das menores de entre 16 e 17 anos e recortes nos recursos especializados contra as violencias machistas", denuncian. "A cultura patriarcal culpabilízanos sen que a sociedade, os medios de masas e os poderes públicos se enfronten aos mitos misóxinos e anti-feministas", engade o texto.
As convocantes sinalan ques estas violencias "suceden nunha sociedade que tolera a desigualdade e resta credibilidade e autoridade ás mulleres". "O machismo alimenta a nosa desvalorización, a cousificación dos nosos corpos e a falta de respecto ás nosas decisións. Igualmente, estas agresións son inseparables das que sofren as persoas que non responden á masculinidade hexemónica", din.
As violencias machistas "suceden nunha sociedade que tolera a desigualdade e resta credibilidade e autoridade ás mulleres"
O manifesto péchase cunha lista de esixencias, comezando pola demanda de que "a loita contra o terrorismo machista sexa unha cuestión de estado". Pide tamén que se desenvolva e implemente o Convenio de Istambul e se reforme a Lei 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero "para que estean reflectidas todas as formas de violencia contra as mulleres".
Esixe que "a loita e os recursos inclúan tanto a violencia que exerce a parella ou ex parella coma as agresións sexuais, o acoso sexual no ámbito laboral, a trata con fins de explotación sexual/laboral de mulleres e nenas e todas as violencias machistas". E que "todas as instancias de goberno se comprometan realmente na prevención e erradicación das violencias machistas, así como na asistencia e reparación de todas as mulleres en situación de violencia, independentemente da situación administrativa na que se atopen".
O 7N pide que a loita contra o terrorismo machista sexa unha cuestión de estado
Pide así mesmo que "o foco se poña na protección das afectadas, facilitando diferentes saídas que impliquen unha verdadeira recuperación vital, económica e social delas así como dos seus fillos e fillas". Reclama igualmente "a eliminación da custodia compartida imposta e o réxime de visitas aos e ás menores dos maltratadores condenados" e "a retirada e non cesión da patria potestade aos maltratadores".
Demanda, finalmente, que "a prevención sexa unha política prioritaria, que inclúa un sistema coeducativo en todos os ciclos, a formación específica para todo o persoal profesional que intervén nos procesos, os medios de comunicación, a produción cultural e a sociedade civil na loita contra as violencias machistas". Neste senso pide que "os medios de comunicación se comprometan a facer un tratamento adecuado das diferentes violencias machistas, visibilizándoas, evitando o sensacionalismo morboso no seu tratamento e empregando unha linguaxe e unhas imaxes non sexistas".
A violencia machista en Galicia sitúase en 2015 en niveis de récord
En Galicia, María Isabel, Beatriz, Divina, Silvina, Conchi e María José son as seis mulleres asasinadas polas súas parellas no que vai de ano (dende maio, en realidade), que se unen a outras, outros nomes (Adela, María Luísa, María Elena, María Belén, Sara e Mónica o pasado), engrosando unha terrible lista que suma 40 asasinatos na última decáda. As cifras deste 2015 roldan un macabro récord, convertendo este ano nun dos máis negativos dende que hai datos fiables