Hadrián Antelo segue na loita por unha educación pública axeitada e o seu caso convértese xa nun símbolo contra os recortes no ensino. Este rapaz de tan só once anos sofre leucemia -un dos tipos máis graves- e atura as difíciles consecuencias da súa grave enfermidade. Sometido a sesións de quimioterapia, o cativo de Malpica recibe clases na súa casa a través de atención domiciliaria, pero tan só seis horas semanais, fronte ás 25 horas lectivas que calquera neno da súa idade ten no centro. A loita da súa nai fixo posible algunha mellora, pero Nieves Villar -así se chama- segue reclamando máis horas para o seu pequeno. Este luns concertara unha xuntanza en Compostela co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que non apareceu á cita.
A nai de Hadrián concertara unha reunión co conselleiro de Educación, que non apareceu e mandou dous funcionarios
"Non saio da mesma maneira que entrei; chégame a alma aos pés", declarou a nai á saída da descafeinada reunión. "É como se vas falar co director do colexio e vén o bedel", insistiu. A Hadrián e a Nieves recibiunos un subdirector xeral e un xefe de servizo. "Nin tan sequera un director xeral... Tiñamos unha reunión concertada co conselleiro e nin apareceu; quedamos coa boca aberta porque nunca nos pasara e menos cando a xuntanza era especificamente con el", engade Fernando Lacaci, vicepresidente da Confederación de Anpas Galegas, que apoia na pelexa a esta familia da Costa da Morte que este mesmo martes anuncia que volverá pedir outra reunión pero na que non aceptarán outro interlocutor que non sexa o titular de Educación.
Hadrián cursa sexto de primaria e aínda lle quedan seis meses de tratamento, tempo no que non pode ir á escola. O curso pasado, cando estivo catro meses illado nun cuarto do hospital, a familia contratou clases particulares nas que investía case 300 euros ao mes pero entende que a educación debe ser garantida en condicións de igualdade pola Administración. Tamén o entenden así as anpas, que queren unha solución para Hadrián e para todos os Hadriáns que en Galicia se atopan ou poden atopar con dificultades semellantes.
A familia de Hadrián pide unha atención educativa suficiente na casa para o seu fillo, que non pode acudir á escola por unha enfermidade
"Nieves conseguiu algunha mellora porque está pelexando e batendo nas portas, pero a atención educativa domiciliaria é un dereito que debe regularse e asegurarse", insisten desde as anpas. Por iso, insisten na importancia de elabroar unha normativa que "estableza dereitos, non só intencións" e que fixe unha atención necesaria para cada cativo enfermo. A súa petición é de 12,5 horas semanais, a metade das que cursan os seus compañeiros no colexio.
Anpas galegas reclama 12,5 horas semanais de atención domiciliaria fronte ás 6 que agora recibe Hadrián
A Confederación de Anpas reclama tamén unha comisión con profesores, familias, adminisración sanitaria e demais profesionais implicados e na que "a Xunta debería sobre todo escoitar as demandas e recomendacións dos expertos. Por outra banda, solicitan un protocolo de actuación que ligue as medidas á diagnose clínica dun xeito automático e inmediato e advirten da necesidade "de contar cun corpo abondo de profesorado con formación específica, para que todos os casos que xurdan poidan ser atendidos coa urxencia que necesitan". Á falta de datos oficiais, calcúlase que "con entre 20 e 30 docentes sería suficiente... E non estamos falando de grandes gastos".
"É importante que esa atención chegue tamén aos casos de ensino secundario, mesmo aínda con máis inminencia cando que son idades onde a enfermidade e a súa superación poden marcar moito máis a vida futura", destacan as anpas, que piden traballar en dous ámbitos a un tempo: atender os nenos que agora están enfermos porque precisan unha solución inmediata e traballar para mellorar a realidade os enfermos futuros.