"Sabemos que non vai haber ningún desafiuzamento ata pasado o 20 de decembro"

Os e as representantes das PAH e de Stop Desafiuzamentos, antes de entrar no Parlamento © PAH Vigo Tui-Baixomiño

Os grupos galegos das PAH rexistraron no Parlamento a súa moción de medidas urxentes para asegurar o dereito á vivenda. O acto, ao que acudiron representantes dos grupos asinantes da moción (STOP Desahucios Coruña, Stop Desafiuzamentos Compostela, PAH Vigo-Tui, Stop Desafiuzamentos Ourense, PAH Lugo, Forosocial Ferrolterra, PAH Ponteareas, PAH Barbanza, PAH Pontevedra, PAH Ferrol e PAH Vilagarcia) contou co apoio de todos os grupos da cámara, agás do PP. A moción demandan unha serie de cambios lexislativos -a nivel galego e estatal- e accións políticas para combater as situacións de urxencia habitacional e de pobreza enerxética que sofren milleiros de cidadáns e cidadás.

"Sabemos que non vai haber ningún desafiuzamento ata pasado o 20 de decembro. Pero queremos que non se esqueza que isto segue a acontecer"

A moción vai na liña da ILP de medidas urxentes para facer fronte á Emerxencia Habitacional e a Pobreza Enerxética, que hai uns meses foi aprobada en Catalunya, converténdose en lei (o que non evita, en calquera caso, que se sigan producindo execucións hipotecarias e desafiuzamentos). O texto presentado no Parlamento galego está sendo introducido estes días, así mesmo, noutras cámaras autonómicas (Murcia, Baleares, Valencia, Navarra ou Cantabria) para a súa toma en consideración e debate. O obxectivo é que se faga en todo os territorios do Estado, de xeito que estas cuestións estean moi presentes no debate político e na campaña electoral das eleccións do 20 de decembro. 

“Queremos lembrarlles a todos os partidos que estas esixencias son os mínimos que a cidadanía precisa neste momento”, destaca María Díaz (Stop Desafiuzamentos Compostela). "Sabemos que non vai haber ningún desafiuzamento ata pasado o 20 de decembro” -sinala- "pero queremos que non se esqueza que isto segue a acontecer, segue habendo o mesmo número de execucións hipotecarias, aínda que non haxa desaloxos”. "Coa moción queremos evitar a invisibilización das execucións hipotecarias", subliña.

María Díaz di que "os propios xuíces deberían frear as execución ata que non tivesen a garantía de servizos sociais de que esa familia non está en risco de exclusión social e de que non se deixa esa familia sen vivenda" e cre que as medidas propostas ata agora polo goberno de Alberto Núñez Feijoo son "ineficaces". "Hai que deixarse de cheques de alugueiro e de esmolas. O problema é a pobreza e a falta de vivenda social. A vivenda é un ben de primeira necesidade e non se pode especular con ela", salienta.

“Non se están a ofertar vivendas de verdade", denuncia. "Que é unha vivenda de verdade? Non é unha casa en Carballo para unha familia de Compostela. Así non se resolve o problema dunha familia, que se ve moi afectada cando a sacan do seu entorno, sobre todo cando teñen poucos recursos e teñen fillos”, explica.

María Díaz: "Hai que deixarse de cheques de alugueiro e de esmolas. O problema é a pobreza e a falta de vivenda social. A vivenda é un ben de primeira necesidade e non se pode especular con ela"

Entre as propostas incluídas na moción presentada polas PAH galegas destacan a dación en pago retroactiva, mecanismos de segunda oportunidade, condonación da débeda, liberación de avais e eliminación das cláusulas abusivas. Tamén piden garantir o acceso a vivendas de alugueiro "estable e asequible" e modificar a lei para que os contratos de alugueiro sexan "máis estables e seguros". Co obxectivo de mellorar o acceso á vivenda para toda a poboación, piden a paralización de todos os desafiuzamentos e a creación dun parque público de vivenda a través da mobilización da vivenda baleira, nomeadamente a que é propiedade das entidades bancarias e da SAREB. Ademais, esixen que os subministros básicos estean "garantidos", introducindo mecanismos para evitar cortes de luz, auga e gas nos casos en que unha familia non os poida pagar. Finalmente, demandan a creación dun Observatorio da Vivenda.

 

Concentración en Ferrol

Á mesma hora que se facía entrega no rexistro do Parlamento da proposta de moción, en Ferrol os grupos antidesafiuzamentos concentrábanse ás portas dos xulgados, coincidindo co inicio dun xuízo por execución hipotecaria, responsabilidade do Banco Santander. A PAH de Ferrol e Comarca conta neste proceso coa avogada Maite Ortiz e o avogado José María Erauskin, ambos os dous de Guipúscoa, onde "están conseguindo parar en moitos casos aos voitres carroñeiros da banca", din desde as PAH.

A PAH de Ferrolterra fixera nos días previos un chamamento ao tecido asociativo da comarca a participar na acción de protesta para "que se saiba nos xulgados de Ferrol que non é un campo abonado para os bancos onde como ata agora, fixeron o seu libre albedrío". O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, respondeu o chamamento, e participou na concentración.

Jorge Suárez: "O sitio do alcalde debe estar respaldando estas situación fronte o sistema bancario, que moitas veces mira máis polo seu capital que polas circunstancias persoais de moita xente que está a pasalo mal”

O rexedor destacou que "o sitio do alcalde debe estar respaldando estas situación fronte o sistema bancario, que moitas veces mira máis polo seu capital que polas circunstancias persoais de moita xente que está a pasalo mal”. “Aurelia está exercendo un dereito legal para opoñerse a unha lexislación inxusta. Creo que Ferrolterra vive unha situación dramática que moitas veces non se visibiliza”, sinalou. “Defenderse é un dereito e coido que debemos estar aquí na procura de que os bancos, que teñen esa potestade, baixen un pouco o pedal dos desafiuzamentos e se abran a negociar as dacións en pago e a buscar a conciliación cos problemas sociais que temos nesta cidade”, concluíu.

Os e as representantes das PAH e de Stop Desafiuzamentos, antes de entrar no Parlamento © PAH Vigo Tui-Baixomiño
Jorge Suárez, na concentración convocada polas PAH de Ferrolterra © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.