0 Gardados para despois

"As pequenas historias son universais. Cada unha reflicte moi ben o que está pasando cos refuxiados"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"Coñecín un home que me contou que tiña un cancro moi grave, que llo diagnosticaran había uns meses e que lle quedaba pouco tempo de vida. Pregunteille se pensaba que pagaba a pena o sufrimento que estaba a padecer, este camiños. E díxome que si, 'eu  busco terme respecto a min mesmo, non quero morrer debaixo dunha bomba, quero morrer dignamente, quero morrer tranquilo'. As pequenas historias son universais. Cada pequena historia reflicte moi ben o que está pasando".

O fotógrafo Gabriel Tizón acompañou nas últimas semanas as persoas que están a cruzar Europa fuxindo da guerra en Siria. De Serbia a Austria e tamén na illa grega de Lesbos. As fotografías e as historias que foi coñecendo nese percorrido compoñen o Proxecto Muros, que se poderá ver en forma de exposición no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol nas vindeiras semanas e que se editará en forma de libro en decembro. A obra está composta por imaxes e polos relatos escritos polos refuxiados e refuxiadas en primeira persoa, unha forma de coñecer a súa situación dende a perspectiva dos seus protagonistas, para sentilos con proximidade e para que estean presentes, ante o risco de ser esquecidos unha vez superado o breve tempo no que encheron as portadas dos medios. Os beneficios do libro, que segue recollendo financiamento colectivo, irá destinado aos propios refuxiados autores dos textos. Tizón realizou tamén un pequeno documental na Illa de Lesbos, contando o día a día, as historias cotiás que debuxan a relación entre os habitantes da illa e os recén chegados.

A exposición do Proxecto Muros poderase ver na Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol nas vindeiras semanas e editarase en forma de libro en decembro

"A decisión de marchar alí xurdiu do enfado, da rabia, de que estaba pasando algo que non acababa de entender", di Tizón. "Durante días, coa miña compañeira Rocío Botana, estivemos con eles, camiñando, durmindo, falando, tentando retratalos. Dende o cotián, aínda que o que están a vivir sexa algo moi pouco cotián", explica. "Volvín a Galicia. Creo que foi un acerto, para ter un pouco de perspectiva sobre o feito. A segunda viaxe foi a Lesbos, onde seguen chegando máis de mil persoas diariamente", di.

"O que máis me chamou a atención foi o grandes persoas que son, a súa educación, o seu saber estar, a pesar de que lles están poñendo multitude de trampas cada día. Están dando un exemplo de dignidade como persoas. Son persoas que teñen que camiñar miles de quilómetros en contra da súa vontade, ningunha delas o fai por pracer, ningunha delas quere ir a ningún país europeo, o que queren é vivir no lugar de onde eles son", destaca.

Tizón afirma que "para min hai un problema na propia palabra: refuxiados. Para min un refuxiado é unha persoa que, en contra da súa vontade, a quitan da súa casa. Hai refuxiados entre nós dende hai moito tempo. Cando un banco desaloxa unha persoa da súa vivenda e esa persoa ten que ir durmir a un caixeiro, esa persoa é un refuxiado. Os nosos veciños africanos tamén son refuxiados". Continúa: "Para min son persoas. Nunca coñecín a ningunha persoa que chegara nun caiuco que fose feliz. Nunca coñecín a ninguén que fose feliz pagando 6000 euros por chegar a Europa nun caiuco, cando eu pago 400 por vir en avión dende o mesmo sitio".

"O que máis me chamou a atención foi a súa educación, o seu saber estar a pesar de que lles están poñendo multitude de trampas cada día. Están dando un exemplo de dignidade como persoas"

"A situación escapóuselle das mans a Europa. É indignante, están xogando con algo moi perigoso. Que catro ricos provoquen millóns de pobres tiña que provocar unha situación coma esta. Son millóns de persoas. Eles non teñen nada que perder, só lles queda buscar onde poder vivir e teñen que buscar un lugar. Hai unha gran desinformación: non só son sirios, están camiñando persoas de máis de 20 países distintos. Todo o mundo está esgotado, con fame, con frío, está morrendo moita máis xente da que se  está dicindo", alerta. “Estase a falar de todos menos deles. Fálase das novas medidas de Merkel, fálase das novas leis internacionais, fálase de números, coma se fosen rabaños de gando. Pero son persoas, cada unha coa súa historia”, denuncia.

"Nunca coñecín a ninguén que fose feliz pagando 6000 euros por chegar a Europa nun caiuco, cando eu pago 400 por vir en avión dende o mesmo sitio"

"É certo que os que están alí son nunha gran parte persoas dun certo nivel económico. Están camiñando arquitectos, médicos, mestres... Pero hai que ter coidado con ese discurso, hai que estar no terreo para entendelo. Tamén hai moita xente pobre que lle pide cartos aos seus veciños para poder facer esta viaxe, asentarse en Europa e dende alí ir axudando dende a distancia. Iso pasa en Siria e leva pasando tempo en moitos países africanos", explica. Salienta igualmente que esta é probablemente "a primeira migración online". "Eu vin como un grupo de 15 mil persoas, sabendo que lles ían cortar o paso por un camiño, deron media volta e colleron outra ruta", destaca.

Como está sendo a reacción da sociedade europea? "Sae o mellor e o peor de toda a xente. Vin persoas que deixou os seus traballos para ir levar unha botella de auga, e vin persoas que os desprezan totalmente", relata. "Tamén en España. Sempre digo que hai que ter moito coidado coas modas, porque sabemos que duran pouco. A famosa foto do neno da praia ou as famosas imaxes da patada da xornalista danme moitísima rabia, porque patadas coma esa hai moitas cada día, e non se fala delas. E nenos que morren na praia hai moitos, e non se publican fotografías deles. E despois resulta que o pai que foi zancadilleado pola xornalista é recibido en España, danlle un traballo nun equipo de fútbol, e parece que a conciencia do Estado xa está limpa, cando leva moito tempo incumprindo os dereitos humanos en Melilla. E non hai reacción por iso", critica.

 

Relatos en primeira persoa

"É certo que os que están alí son nunha gran parte persoas dun certo nivel económico. Tamén hai moita xente pobre que lle pide cartos aos seus veciños para poder facer esta viaxe, asentarse en Europa e dende alí ir axudando dende a distancia"

“Para min as persoas son as protagonistas” -destaca- “Son textos escritos por eles, en primeira persoa, nos que eles contan quen son, de onde veñen, as razóns polas que tiveron que abandonar a súa casa; outros falan máis do camiño que están percorrendo agora; outros falan máis dos seus soños, do que esperan do futuro, do que cren que vai a súa vida cando cheguen a algún lugar”. “Os beneficios van ir para os autores dos textos, o que pode ser unha pequena axuda para eles. Pero creo que máis importante que iso pode ser a presenza que teñen, a súa identidade, que o mundo saiba quen son estas persoas”, explica

"Preguntábanme se pensaba que eles poderían ser uns bos veciños. E eu dicíalles que si, que se cadra algún non, pero da mesma maneira que hoxe xa teño algún veciño que non é precisamente moi agradable. Eles teñen medo da seguinte nova de turno, que é que un refuxiado roubou unha tenda, téñenlle medo a iso, ao enfoque que se lle podería dar a iso. Como sociedade somos o que somos, o que facemos e dicimos", engade.

"Sae o mellor e o peor de toda a xente. Vin persoas que deixou os seus traballos para ir levar unha botella de auga, e vin persoas que os desprezan totalmente"

“O mundo non atopou nada de sagrado na abstracta nudez dun ser humano”, escribiu Hannah Arendt hai xa algunhas décadas. Referíase á escasa axuda que no remate da Segunda Guerra Mundial recibían algúns colectivos de expatriados que o perderan todo, que quedaran varados no medio de Europa. Máis de medio século despois a situación repítese, coa migración de centos de milleiros de persoas. Os dereitos humanos son unha abstracción e os seres humanos non poden esperar que eses dereitos os protexan, a menos que a abstracción se concrete en dereitos efectivos. A protección dos dereitos que os seres humanos temos en cando humanos decote depende dunha fronteira, xeográfica e simbólica, que separa a cidadáns e estranxeiros. O humano e o inhumano.

 

Dúas pequenas historias

Nas semanas que estivo acompañando os refuxiadas, tanto en Lesbos coma no centro de Europa, Tizón foi relatando o percorrido a través das redes sociais. Algúns deses relatos tamén amosan pequenos fragmentos do día a día tan difícil destas persoas. Con momentos moi duros pero tamén, ás veces, con espazos para a esperanza.

“Son textos escritos por eles, en primeira persoa, nos que eles contan quen son, de onde veñen; outros relatan máis o camiño que están percorrendo agora; outros falan máis dos seus soños, do que esperan do futuro"

"Escribo desde Roszke, fronteira entre Hungría e Serbia. Onte pecharon a fronteira para prohibir o paso dos refuxiados; os que ían chegando eran desviados directamente a autobuses da policía onde os trasladarían a algún lugar, ninguén coñecía o seu destino. Baleiraron os campamentos para metelos en autobuses onde estiveron moitas horas e sen saber que farían con eles. Despois de moito camiñar e buscar estaban tirados nas vías na estación de tren, a media noite, completamente esgotados. Alí estiveron horas antes de subir a un tren sen saber onde os trasladaban, preguntaban pero negábanse a contestarlles. Polo que sabemos van enganados cara á fronteira con Austria para ser soltados á súa sorte. Unha muller, despois de estar todo o día encerrada, preguntaba case como agradecida se tiña que pagar o billete..."

"Como case sempre, hoxe chegaron moitísimas barcas cheas de persoas, pero hai apenas dúas horas unha delas chegou repleta de bebés e mulleres. Axudamos a baixalos porque aquí non sempre se fan fotografías, moitas veces hai que meterse na auga para baixar sobre todo bebés e anciáns por falta de voluntarios, como é lóxico. Pero nesta embarcación viña unha muller de 23 anos embarazada á que axudamos a baixar, e cando a pousamos na beira a sorpresa foi que comezou a gritar e púxose de parto. Entón a miña compañeira Rocío xunto a dúas mozas voluntarias conseguiron despois dunha hora interminable sacar a un bebé precioso, xunto coa colaboración de parte do equipo de Prol-activa Serveis Aquàtics, equipo de rescate de Badalona que están a realizar un labor fantástico. Foi como unha especie de milagre, choramos e rimos, pero anima a seguir"

Documental "Lesbos, a illa que non flota"

© Gabriel Tizón e Rocío Botana

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.