Setenta concellos reúnense para acordar medidas conxuntas de impulso para o galego

Cartel dun dos actos do Encontro © CTNL

Uns 70 concellos de toda Galicia e outras entidades implicadas na normalización lingüística reuniranse este luns 16 de novembro en Compostela no Encontro de Política Lingüística Municipal. Todos eles co principal obxectivo de "actualizar o entusiasmo e activar colaborativamente a implicación dos concellos no fomento do galego" nun acto impulsado e organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL) e que se levará a cabo no Auditorio de Galicia.

  Uns 70 concellos buscarán "actualizar o entusiasmo e activar colaborativamente a implicación dos concellos no fomento do galego"

Procurarán, todos os axentes implicados"chegar a acordos básicos para un novo impulso do fomento do galego desde as administracións locais", xa que, tal e como se di na presentación do foro, “ante a situación da lingua galega, o noso maior e máis prezado ben colectivo que nos define como galegas e galegos, cómpre tomar iniciativas, con necesario acordo e vital impulso”.

O Encontro comezará ás 10 da mañá do luns por parte dos representantes das entidades convocantes: Nel Vidal, presidente da CTNL, e Martiño Noriega, alcalde de Compostela, concello que é tamén organizador do acto. Despois desas intervencións, ás 10.30 horas, haberá unha sesión de exposición e debate de ideas sobre o papel dos concellos para o presente e futuro da lingua, na que intervirán o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; a concelleira de Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre; a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero; o alcalde da Estrada, José López Campos; e o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña. O debate será moderado pola xornalista Fernanda Tabarés.

Ás 12 será cando o foro comece a  "traballar en ferramentas estruturais necesarias para a política lingüística municipal", nunha sesión que será guiada por Rosa Moreiras, técnica do Concello de Ames, e Nel Vidal, técnico do Concello de Carballo. O encontro pecharase coa presentación de proxectos colaborativos para o fomento do galego para poñer en marcha conxuntamente polos concellos participantes, como son o proxecto Apego, de socialización en galego na infancia, do que fará Socorro García Conde, técnica do Concello de Santiago de Compostela; o Club de Debate, do que falará Conchi Cochón, técnica do Concello de Pontevedra; ou unha nova iniciativa para o fomento de youtubeir@s en galego, do que falará Mónica F. Valencia, técnica do Concello de Ourense.

"O Encontro de Política Lingüística Municipal que acordar ese necesario impulso vital desde os concellos para o futuro da lingua galega”

A CTNL e máis o Concello de Santiago convidan a pariticipar neste foro a todos os representantes municipais e cren que “é bo actualizarmos entusiasmos, discursos, ferramentas e accións, para o que debemos vérmonos e falar para intercambiarmos e compartirmos impresións, ideas, visións e enfoques". "Por iso, este Encontro de Política Lingüística Municipal, un foro para acordarmos ese necesario impulso vital desde os concellos para o futuro da lingua galega”, rematan os convocantes. 

Cartel dun dos actos do Encontro © CTNL
Programa do Encontro © CTNL

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.