Santiago de Compostela vólvese monocor. Os escaparates mandan mensaxes informativas sobre o que supón a violencia de xénero para a nosa sociedade: Si é si, non é non; Son libre de decidir a miña vida; Respecta as miñas decisións ou 1 de cada 4 mulleres que sofre violencia machista non o denuncia por medo. Todo sobre fondos rigorosamente escuros. Nomes, rosas, maniquís, mobles, roupa ou fotografías fan lembranza das víctimas dunha lacra que xa deixou 40 orfos no Estado Español no que vai de 2015.
A violencia machista é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres. No que vai de ano, 5 mulleres foron xa asasinadas en Galicia e 3 de cada 10 maiores de 16 anos declaran ter sido vítimas de violencia física ou sexual. O Concello de Santiago manifestou que considera esta unha realidade "dramática" e que "require unha resposta unánime e firme de toda a sociedade, que poña de manifesto o rexeitamento social de todas as formas de violencia contra as mulleres". Desde Raxoi afirman que o obxectivo da campaña é "promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía" a este problema.