En novembro do pasado ano botou a andar en San Sadurniño un programa experimental de recollida de lixo "porta a porta" polas casas, acompañado de compostaxe dos residuos orgánicos, impulsado polo Concello co apoio de ADEGA. O obxectivo era ver a viabilidade dun sistema alternativo de recollida e compostaxe dos residuos domésticos co que se agardan reducir custos económicos e ambientais, ademais de facerlle máis cómoda á veciñanza a xestión do lixo. Un ano despois, ADEGA e Concello fan balance dos resultados acadados nestes 12 meses, salientando que o sistema permitiu reducir os residuos enviados a SOGAMA nun 57%, co conseguinte aforro económico.
O lixo de Ferreira enviado a SOGAMA supuxera en 2014 unha media de 155 euros mensuais que, co novo sistema, baixaron en 2015 a tan só 66 euros
O proxecto piloto levouse a cabo en 20 lugares da parroquia de Ferreira, e un da parroquia de Naraío. Distribuíronse colectores máis pequenos, colocáronse máis preto das casas e fíxose unha campaña de información para que a xente separase os residuos correctamente en orixe buscando, principalmente, reducir a fracción orgánica da bolsa, que supón habitualmente arredor dun 40% de todo o que se tira. Ademais o sistema emprega un pequeno furgón en vez do grande camión compactador que percorre o resto do municipio.
Non haberá colector para o orgánico -que supón arredor do 40 por cento da bolsa do lixo- xa que esa fracción formada principalmente por mondas e restos de comida debe procesarse en cada casa como se fixo toda a vida
O lixo de Ferreira enviado a SOGAMA supuxera en 2014 unha media de 155 euros mensuais que, co novo sistema, baixaron en 2015 a tan só 66 euros. Entre o que baixa a factura de SOGAMA e o custe da recollida, o departamento de Servizos calculou que só en Ferreira se pechará o ano cun aforro duns 1.368 euros. Unha cifra que daría para cubrir durante mes e medio os gastos do camión compactador que lle dá servizo ao resto do municipio.
O Concello estenderá agora o sistema ás zonas altas de Naraío e Igrexafeita, que, se ben non son os que máis lixo xeran, si son os máis custosos de atender co camión compactador por mor da distancia ao centro urbano e do desnivel que se debe salvar para chegar a eles. Igual que ocorreu en Ferreira, nesa área ADEGA desenvolverá unha campaña informativa que irá acompañada da distribución de illas de colectores máis próximas ás vivendas e con catro apartados: un verde para o vidro, outro azul para o papel e o cartón, un amarelo para plástico, latas e bricks e un cuarto colector gris para o resto de residuos, como poden ser zapatos vellos e residuos que non encaixarían nos outros depósitos.
Non haberá colector para o orgánico -que supón arredor do 40 por cento da bolsa do lixo- xa que esa fracción formada principalmente por mondas e restos de comida debe procesarse en cada casa como se fixo toda a vida, ben como mantenza dos cochos e outros animais, ben botándoa no esterco ou ben por medio da compostaxe, que non deixa de ser unha evolución da esterqueira tradicional. Para iso tamén se repartirán pola zona pequenos composteiros e dende ADEGA ofreceranse consellos sobre como utilizalos para conseguir un substrato fertilizante que despois se poida empregar en plantas e morteiros.
A titular da área de Servizos, Amparo Calvo, destacou que o sistema porta por porta "está funcionando gracias á concienciación e á implicación da xente no proxecto"
O Concello agarda repetir nesas áreas o éxito alcanzado nos últimos meses en Ferreira. A titular da área de Servizos, Amparo Calvo, destacou que o sistema porta por porta "está funcionando gracias á concienciación e á implicación da xente no proxecto". A concelleira explica que este modelo de recollida "só supón un pequeno cambio de hábitos" ao que, segundo asegurou, "é moi doado adaptarse". Calvo incidiu, ademais, en que a recollida domiciliaria "é un servizo que baixa considerablemente os custes económicos e tamén os ambientais".