A Comisión Europea vén de admitir a denuncia presentada pola Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) por posibles ilegalidades na adxudicación do Novo Hospital de Vigo pola Xunta de Galicia empregando a fórmula de financiamento público-privado. A denuncia foi presentada o pasado 3 de setembro sinalando a entidade que "o contrato do Novo Hospital de Vigo é nulo de dereito por incumprir os termos establecidos na licitación do mesmo e supón unha clara vulneración da lexislación comunitaria sobre os contratos de colaboración público-privada, que establecen a necesidade de garantir a igualdade na concorrencia das empresas". Refírese tanto a aspectos relacionados co financiamento, como coa modificación do proxecto inicial, que reduciu parte dos servizos que en principio ían ser ofrecidos, e mesmo as dimensións do centro.
"Se se abre un procedemento de infracción, temos as bases postas para esixir a reparación da legalidade e para proceder a un rescate da concesión”
En rolda de prensa, José Emilio Santiago (AGDSP) destacou que “este non é un trámite exclusivamente simbólico". "Vaise abrir agora un procedemento de 12 meses, que comeza a contar a partir do 3 de setembro. Primeiro a Comisión dará audiencia á outra parte (Xunta de Galicia) para que alegue e argumente en contra das nosas razóns, e nós como denunciantes teremos acceso a esas alegacións. Posteriormente a Comisión examinará as argumentacións expostas por unha e outra parte e iso pode levar á apertura dun procedemento de infracción ou ao arquivo da causa. Se se abre un procedemento de infracción, temos as bases postas para esixir a reparación da legalidade e para proceder a un rescate da concesión”, explicou.
"Estamos falando de vulneracións de partes esenciais do contrato e de vulneración dos criterios de competencia: alteráronse por completo as condicións de financiamento, non hai unha transferencia de riscos, podería mesmo falarse dunha axuda ilegal do Estado", subliña. José Emilio Santiago engade que "se se abre o procedemento de infracción, o mellor que podería facer a Xunta sería rescatar o hospital para o sistema sanitario público, que non sería tan caro, pois a maior parte do financiamento é público". "A empresa achegou ao redor de 80 millóns de euros, que é o que custaría facerse coa parte da concesionaria", conclúe.
Os argumentos da denuncia
A AGDSP alerta das "graves consecuencias" que tivo esta fórmula de contratación público-privada en Valencia, Mallorca, Madrid e Aragón, e demanda o rescate do contrato "sen indemnización nin pagamento de lucro cesante". Ademais, engade, "as reparacións que o novo hospital necesita, froito do afán de lucro da concesionaria, que poñen en risco a calidade e a seguridade dos pacientes, deberán pagarse a cargo do canon que a concesionaria debería deixar de ingresar do erario público".
O resultado de utilizar o recurso ao sector privado, explica a AGDSP, "foi un incremento do custo total do hospital de 450 a 1.400 millóns de euros"
A reclamación fundaméntase en tres feitos: En primeiro lugar na utilización da figura legal de concesión de obra pública en lugar da de colaboración público privada, "que é a que correspondería pola entidade e o volume da construción do hospital", sinala a entidade. "A finalidade que perseguía o actual goberno galego era evitar a fiscalización da Lei de Contratos do Estado que obriga a elaborar e presentar un informe ante o Ministerio de Facenda, elaborado por unha Comisión de Expertos, que xustificase a necesidade de recorrer ao financiamento privado en lugar da pública para acometer a obra", engade. O resultado de utilizar o recurso ao sector privado, explica, "foi un incremento do custo total do hospital de 450 a 1.400 millóns de euros".
En segundo lugar, a denuncia sinala os recortes introducidos no contrato (o proxecto funcional) entre a concesionaria e o SERGAS para abaratar os custos, que supoñen "unha redución do 31% das camas funcionais previstas (de 1.239 a 845), o 31% dos quirófanos, o 55% das camas de urxencias, os módulos de investigación e docencia, o laboratorio, o hotel de pacientes, equipamento mobiliario fixo e non fixo, lavabos, tamaños de consultas, sistemas de protección, mil prazas de aparcadoiro, alicatas, anchura de paredes e tabiques, 75.000 metros de superficie, etc". Segundo a AGDSP, "estes recortes ademais de reducir a eficiencia enerxética e a calidade do centro poñen en risco a seguridade de pacientes e traballadores". Estes recortes supoñen, así mesmo, "unha modificación do contrato, ao que aspiraban outras empresas cuxas ofertas foron descartadas e que beneficia á concesionaria privada á que ademais non se rebaixa a percepción do canon", destaca.
En terceiro lugar, a Asociación subliña que o "risco de financiamento, que por contrato corría a cargo da concesionaria, foi cuberto en gran parte polo SERGAS cun crédito do Banco europeo de Investimentos, que non presta a empresas privadas, o Instituto de Crédito Oficial e o FROB". Esta manobra implica "unha clara vulneración da lexislación da UE sobre contratos públicos privados" e supón "unha trama perfectamente deseñada para ocultar o endebedamento público do novo hospital", di. "O endebedamento polo pago do hospital non se considera público se o risco de financiamento corre a cargo da empresa privada, pero é asumido pola propia administración pública", conclúe.