Alternativa na Xustiza - CUT denunciou este venres a situación de "caos" e "colapso" que se vive nos xulgados de Violencia de Xénero e nos xulgados de Familia de Vigo pola falta de medios e a ausencia de resposta da administración. Pablo Valeiras, voceiro do sindicato, sinalou que o xulgado de Violencia de Xénero sofre un constante "caos organizativo, de traballo, de urxencias e de coordinación", que afecta ao labor que realizan os seus traballadores e traballadoras. Valeiras alertou de que en moitas ocasións "medidas urxentes relacionadas con vítimas de violencia machista e con menores "tardan meses en ser tramitadas".
No que vai de ano, o xulgado de Violencia de Xénero tramitou xa 900 asuntos, e a metade están sen resolver. Ten máis de 300 ordes de protección en vigor, 119 delas concedidas este 2015
Demandan a incorporación urxente dun novo maxistrado ou maxistrada "de apoio" e piden ter unha xuntanza urxente co conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, para tratar un reforzo integral dos recursos cos que contan para facer fronte a unha gran cantidade de traballo, que crece ano a ano. No que vai de ano, o xulgado de Violencia de Xénero tramitou xa 900 asuntos, e a metade están sen resolver. Ten máis de 300 ordes de protección en vigor, 119 delas concedidas este 2015. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia xa manifestou que actualmente "non hai ningún xuíz de reforzo dispoñible" na provincia de Pontevedra para poder atender a solicitude do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo.
"A violencia de xénero mata, e a falta de interese mata", sinala o seu voceiro
"Rueda, Feijóo e a dirección xeral de Xustiza son os principais responsables porque son os que teñen a capacidade de poñer os medios para solucionar os problemas", destacou Valeiras, que concluíu que "a violencia de xénero mata, e a falta de interese mata". Valeiras destacou o "voluntarismo" dos traballadores e traballadoras dos xulgados que levan a cabo labores que non lles corresponderían, como proporcionarlles "apoio psicolóxico" ás vítimas ou quedar "ao cargo dos seus fillos" no tribunal cando as vítimas non teñen con quen deixalos. Tamén teñen que ocuparse de evitar que o denunciado e a denunciante se atopen nas instalacións do xulgado, que cualifican de "irrisorias".
Os traballadores e traballadoras destes dous tribunais anuncian o inicio dunha serie de medidas de protesta e paros ata que se remedie a situación. Haberá paros alternos de tres horas os luns, mércores e venres das dúas últimas semanas de decembro (os días 14, 16, 18, 21 e 23). E están convocadas igualmente concentracións os días 1 e 10 dese mes.