Ferreiro e Colau impulsan un manifesto contra a guerra como resposta á "barbarie terrorista"

Xulio Ferreiro e Ada Colau, nun acto en Madrid © Sandra G. Rey

"Negámonos a participar no falso mercadeo entre dereitos e seguridade". Un grupo de alcaldes das denominadas candidaturas cidadás, xunto a persoas do mundo da cultura, veñen de impulsar un manifesto contra o terrorismo e a guerra no que piden non intervir en Siria logo dos atentados do pasado 13 de novembro en París. Entre os asinantes, o rexedor da Coruña, Xulio Ferreiro; xunto a Ada Colau, primeira edil de Barcelona; o de Cádiz, José María González, Kichi; e máis o de Zaragoza, Pedro Santisteve.

A iniciativa, denominada No en nuestro nombre, carga contra "os brutais atentados perpetrados" na capital francesas que, cren, "buscaban instaurar un clima e un réxime de terror entre a poboación levantando muros de sospeita e odio entre veciños, quebrando a vida en comunidade e instaurando a pol´litica do medo no noso día a día". Ante isto, o manifesto considera que "se a resposta á barbarie pasa por suspender dereitos, recortar liberdades e pecharnos na casa, a vitoria do terrorismo será total" e advirte da posible "criminalización dos que foxen precisamente dese mesmo horror", o que podería "contribuír a apuntalar os mesmos muros que o fanatismo quere crear". "Non podemos permitilo", aseguran. 

"Se a resposta á barbarie pasa por suspender dereitos, recortar liberdades e pecharnos na casa, a vitoria do terrorismo será total"

"O fanatismo terrorista do Daesh es funcional e retroalimenta o fanatismo racista europeo, mentres os nosos Gobernos practican recortes de dereitos sociais e libertades fundamentais, xenofobia institucional e bombardeos indiscriminados que se demostraron ineficaces", continúa un chamado no que os asinantes se negan a ese "falso mercadeo entre dereitos e seguridade" e no que insisten en que "en París, Iraq ou Siria son os pobos os que poñen as mortes mentres uns e outros trafican con influencias, armas e intereses xeoestratéxicos"

"Negámonos a ser reféns do odio, o terror e a intolerancia; iso sería claudicar ante o terrorismo". "Cremos que a democracia, os Dereitos Humanos e a aspiración a unha paz con xustiza non son un camiño nin unha moeda de cambio para nada, senón que constitúen en si mesmos o camiño e o  horizonte, ademais da mellor resposta contra os que queren acabar con eles", din, polo que se opoñen "drasticamente" a "calquera resposta ao odio que implique máis odio, máis intolerancia, máis mortes de inocentes e menos dereitos e liberdades". 

"Negámonos a ser reféns do odio, o terror e a intolerancia; iso sería claudicar ante o terrorismo"

Así, convócanse e convocan a cidadanía o vindeiro sábado 28 de novembro ás 12 na praza do Museo Reina Sofía para amosar a súa "repulsa aos ataques terroristas de París e Líbano", así como "aos bombardeos contra a poboación civil siria", aos "recortes democráticos como ineficaces garantías de seguridade" e á "política exterior belicista iniciada polo Trío das Azores (Bush-Blair-Aznar)". Ademais, "convidan" o resto de municipios a sumarse a esta iniciativa impulsando convocatorias cidadás semellantes, logo de que unha web abrise o manifesto a máis sinaturas

"Contra o terrorismo, contra a islamofobia e contra as súas guerras. Nin os recortes de liberdades nin os bombardeos nos traerán a seguridade e a paz. Non no noso nome", remata un manifesto asinado tamén por Pilar Manjón, o Gran Wyoming, Juan Diego Botto, Pilar Bardem, Antonio de la Torre, Mohamed Said Alilech (presidente da asociación de mozos musulmáns de España) ou colectivos como Asociacion marroquina de dereitos humanos (AMDH), Asociacion de Refuxiados palestinos en España Centro Amani, Vía Democrática (Marrocos) e a Fronte Democrática para a Liberación de Palestina. 

Xulio Ferreiro e Ada Colau, nun acto en Madrid © Sandra G. Rey

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.