Sogama busca evitar que as demandas contra a suba do canon cheguen ao Constitucional

Sede do Tribunal Constitucional CC-BY K3T0

O pasado mes de maio o Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense atendeu unha demanda do Concello de Piñor contra a suba do canon de Sogama e elevou o caso ao Tribunal Constitucional. O xuíz consideraba que a Lei de Orzamentos de Galicia 11/2013, de 26 de decembro de 2013, a través da que a empresa aplicou un incremento do 34% do canon cobrado aos concellos pola recollida e xestión do lixo podería ser inconstitucional. Máis de vinte concellos negáronse dende un primeiro momento a pagar esa suba, denunciando que se tratara dunha decisión unilateral. Hai unhas semanas, ademais, o xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Ferrol comunicoulle ao Concello de San Sadurniño a suspensión, mentres non haxa un pronunciamento do Tribunal Constitucional, do procedemento relativo ao preito que mantén con SOGAMA por mor do pagamento do canon do lixo.

Sogama quere desistir das súas demandas, co obxectivo de paralizar o proceso

Ante a situación, orixinada polas demandas iniciais presentadas por Sogama contra os concellos que se negaron a pagar o incremento do canon, a empresa busca evitar que a cuestión sexa analizada polo Tribunal Constitucional, segundo informa La Voz de Galicia. Sogama quere desistir das súas demandas, co obxectivo de paralizar o proceso, argumentando que xa foi quen de cobrar as cantidades que lle reclamaba ao Concello de Piñor, mediante unha retención dos importes destinados a esta localidade no Fondo de Cooperación Local. Na mañá deste martes no Pleno da Deputación de Lugo o ex alcalde de Sarria, José Antonio García (PP), reiterou o argumento exposto pola empresa: "Sogama retira as demandas non por ningunha xogada estraña, senón porque cobra a través dos mecanismos legalmente establecidos, como fai con calquera cidadán". Sogama alega que a negativa destes concellos a pagar o incremento do canon xera "un agravio comparativo coa inmensa maioría das entidades locais galegas que cumpren puntualmente cos seus pagamentos".

Porén, dende o bufete de avogados contratado polo Concello de Piñor para defendelo neste caso, Trepat-Monteagudo, sinalan que o único propósito de Sogama é "evitar por todos os medios que o Tribunal Constitucional se pronuncie sobre a cuestión de inconstitucionalidade formulada polo xulgado". O Tribunal pode atender a solicitude da empresa en base ao "dereito ao desestimación dunha acción xudicial", pero tamén pode ser denegada en función do "interese xeral" do caso. Os avogados salientan este "notorio interese público" e lembran que o recurso ante o Constitucional é "o derradeiro recurso" ante o canon dos concellos que se negaron a pagar.

O Tribunal pode atender a solicitude da empresa en base ao "dereito ao desestimación dunha acción xudicial", pero tamén pode ser denegada en función do "interese xeral" do caso

A este respecto, hai uns meses o Xulgado do Contencioso Administrativo Número 2 de Ourense, que paralizou a demanda presentada por Sogama contra o Concello de Piñor á espera da resolución do conflito de constitucionalidade, sinalou que a disposición adicional incluída na Lei de Presupostos estaba "dirixida a elevar o rango dunha decisión que se debeu emitir mediante unha resolución administrativa, coa finalidade de furtar o seu control á xurisdición contencioso-administrativa". De igual xeito, engadía que a lei vulneraba o principio de autonomía local, incumprindo "a lexislación básica estatal sobre contratos públicos", pois a Lei de Presupostos "non é o instrumento legal axeitado" para regular a xestión de residuos, impedíndolles aos concellos presentar alegacións a unha decisión administrativa "que lles afecta directamente".

A pasada semana, a portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, esixiulle á Xunta a derrogación da suba do canon de Sogama aos concellos, así como a devolución das sancións aplicadas contra estes. Vilán salientaba o “medo” de PP e do Goberno galego de que o Tribunal Constitucional declare inconstitucional a suba que comezaron a aplicar en 2014.

Complexo de Sogama, en Cerceda © Sogama
Casa do Concello de Piñor Dominio Público Xas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.