A Enquisa estrutural a fogares publicada este luns polo Instituto Galego de Estatística, centrada en coñecer o grao de satisfacción da poboación con distintos elementos da súa vida, preguntou tamén por certas cuestións relacionadas coa sensación de seguridade ou inseguridade dos galegos galegas. Entre a información que achega, chama a atención un dato con grandes diferenzas entre homes e mulleres. Un 36% das mulleres din sentirse moi inseguras ou un pouco inseguras camiñando soas de noite pola zona na que viven, unha porcentaxe que se reduce ata o 16% no caso dos homes. De igual xeito, o 30% dos homes aseguran sentirse moi seguros, exactamente o dobre que as mulleres (15%). Esta sensación de seguridade ou inseguridade non se estende a outros medos, coma os de sufrir un roubo (na casa ou noutro lugar), unha posibilidade valorada case por igual por homes e mulleres (probable ou moi probable: 21% nos homes, 24% nas mulleres).
Esta sensación de inseguridade está máis que xustificada, á vista das estatísticas recentes sobre acoso e agresión sexual, por exemplo. En 2014 denunciáronse en España 1.239 agresións sexuais con penetración, xunto con outro 7.312 delitos contra a liberdade sexual. En Galicia as violacións consumadas ascenderon a 47, cun total de 254 delitos contra a liberdade sexual.
En Galicia, en 2014, as agresións sexuais consumadas ascenderon a 47, cun total de 254 delitos contra a liberdade sexual
A estes datos podemos unir os relacionados especificamente coa violencia de xénero, as agresións e ameazas de parellas e ex parellas. En 2014 houbo en Galicia 5.209 denuncias por violencia de xénero, que motivaron 1.327 ordes de protección; un total de 416 persoas foron condenadas por este tipo de violencia o pasado ano. En 2014 foron asasinadas en todo o Estado 54 mulleres polas súas parellas ou ex parellas (6 en Galicia). No que levamos de 2015 a cifra é de 48, 6 delas na nosa comunidade.