0 Gardados para despois

O "fracaso" do acordo lácteo reactiva a loita gandeira tres meses despois

Redacción | @prazapublica

Nos primeiros días do pasado mes de setembro, o sector lácteo ateigaba de tractores Lugo e Compostela, endurecía as mobilizacións nas áreas comerciais, bloqueaba industrias e os gandeiros eran apoiados por unha multitude nunha importante manifestación que reclamaba prezos dignos e a fin do "saqueo" das explotacións. Tres meses despois, o sector volve á rúa. A Plataforma na Defensa do Sector Lácteo concentrándose ante as áreas comerciais, preparando tractoradas e advertindo de bloqueos nos supermercados. E Agro Muralla, os mesmos gandeiros que colapsaran a capital lucense á marxe dos sindicatos durante dez días, anunciando que os tractores volverán rodear o monumento, como mínimo, o vindeiro día 10.

Os gandeiros, tanto os da Plataforma como os que colapsaran a Muralla, volven á rúa tres meses despois ante a falta de avances

Todos denuncian o "fracaso" dun acordo "chamado histórico" asinado entre boa parte do sector pero do que xa renegaran as dúas principais organizacións agrarias galegas, Unións Agrarias (UUAA) e o Sindicato Labrego Galego (SLG). "Todas as partes que asinaron están incumprindo, desde o Goberno ata as industrias e as cadeas de distribución”, advertiu a Plataforma ao presentar as mobilizacións que se levarán a cabo esta semana.

Xunto ao alcalde de Compostela, Martiño Noriega, o colectivo -que xunta organizacións de produtores, os sindicatos UUAA, SLG e Fruga ou asociacións de cooperativas como Agaca- anunciaron que comezan a "marcar as cadeas de distribución que intentan aproveitarse da desgraza do sector". Este luns diante do Carrefour de Santiago, o martes ante o Alcampo na Coruña, o mércores ante As Termas en Lugo... E así en todas as cidades galegas agás Ourense ata o sábado. O obxectivo: "explicar á cidadanía o que oculta a distribución detrás da suba do prezo do leite".

"Todas as partes que asinaron o acordo lácteo están incumprindo", denuncia a Plataforma na Defensa do Sector Lácteo

“Coas cadeas de distribución dáse o paradoxo de que subiron o prezo nos lineais, pero queremos saber onde van parar eses cartos porque ao produtor non chegaron”, explica Óscar Pose, de UUAA. Porque as subas de entre 3 e 5 céntimos no litro de leite só o notan os consumidores. O importe que se lles paga aos produtores mantéñense igual e a Administración "segue sen achegar solucións ao incumprimento do acordo". Tal e como xa denunciaran os dous grandes sindicatos galegos, a ausencia dun marco regulador que obrigue ao cumprimento do pacto fai inviables os avances: "Cando hai cartos polo medio, saltarse un acordo de boas vontades é moi fácil”.

Os incrementos de prezos ao consumidor -de entre 3 e 5 céntimos- non repercuten nos gandeiros como se prometera

Ademais, cadeas como DIA, segundo denuncian, venden a través da súa marca branca leite líquido importado de Francia nalgúns puntos do Estado, ademais de empregar subastas electrónicas á baixa para acadar produto. Nas súas accións "pedagóxicas" cos consumidores, os gandeiros reparten folletos nos que lembran que a suba nos prezos non repercute neles: "Que non nos enganen, a ti subíronche o leite pero a nós, non. Non colabores neste roubo". 

Ademais, lémbranlle á cidadanía que “é falso que se estean a dar moitas e novas axudas ao sector, porque as subvencións da PAC non son de agora e ademais non solucionan un problema tan grave”. Por todo iso, denuncian “o pouco interese que teñen mostrado Goberno, industria e distribución para cumprir o acordo" e advirte de que levará a cabo presión sobre todos aqueles actores que incumpren os compromisos "intentando parar o consumo do leite que venden e distribuén". 

A Plataforma mobilizará tractores en Compostela e A Coruña, pero ameaza con tractorada masivas e bloqueos a industrias e áreas comeciais

Tamén mobilizarán tractores para rodear San Caetano e a Delegación do Goberno en Coruña e desde a Plataforma ameazan con tractoradas masivas como as de agosto e setembro “ou o que faga falta para obter resposta a un problema que está eliminando moitas explotacións non só do mapa galego, senón do conxunto do Estado”. Este martes, o colectivo será recibido polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o xoves será o de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen tamén lles dea o seu apoio. 

Ao tempo, Agro Muralla -que agrupa máis de 250 produtores lácteos que se uniron á mobilización allea á Plataforma de Lugo hai tres meses- xa pediu solicitude á Subdelegación do Goberno en Lugo para concentrarse na Ronda da Muralla durante o vindeiro xoves día 10, así como fronte á delegación da Xunta na cidade. En principio, a protesta duraría só un día, pero a falta de boas novas na situación dos gandeiros fai que non se descarte que as mobilizacións se manteñan. Porque, tres meses despois, os gandeiros volven á rúa, seguen a cobrar prezos nada dignos mentres agardan que o acordo dea algún resultado. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.