Unha multitude esixe que acordo lácteo free o "saqueo" das granxas galegas

Cabeceira da mobilización gandeira, no centro de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

A loita gandeira tiña este xoves tres escenarios: Santiago, Lugo e Madrid. As dúas cidades galegas, tomadas por senllas tractoradas, viron como as súas rúas máis céntricas eran anegadas por senllas multitudes que esixían a fin dos prezos abusivos para o leite galego. Mentres, na sede do Ministerio de Agricultura sentaban á mesma mesa todos os membros da Organización Interprofesional Láctea (INLAC), isto é, representantes de produtores, industria transformadora e distribución, coa ministra Isabel García Tejerina como anfitriona. Para os gandeiros galegos o acordo que se explorou en Madrid ten que servir para rematar co "saqueo" das granxas galegas, e así o berraron nas súas masivas mobilizacións.

Cando García Tejerina  anunciaba ante a prensa un "principio de acordo" que, "a falta de pechar algúns flocos", permitiría lograr "un maior valor para os nosos produtos lácteos", unha masiva comitiva encabezada por catro vacas frisonas atravesaba Compostela, dende a Alameda ao complexo administrativo da Xunta, en San Caetano. Ao contrario do augurado por parte da prensa local e mesmo insinuado polo propio presidente da Xunta a resposta da veciñanza ao paso da protesta non foi, nin de lonxe, de rexeitamento ou incomodidade. Así, os gandeiros foron vitoreados e aplaudidos en numerosos treitos da marcha, moi especialmente ao pasaren ao carón da Praza de Abastos.

Os gandeiros foron vitoreados e aplaudidos pola veciñanza

Representantes políticos de PSdeG, BNG, Anova ou Esquerda Unida ou alcaldes como os de Santiago e Lalín acompañaron unha manifestación á que, ante a sede da Xunta, lle puxo voz unha moza gandeira, Águeda Capón. "Os gandeiros galegos levamos soportando lustros de chantaxe, ameazas veladas e prezos polo chan", di. Este é o motivo polo que as "10.000 familias" que viven do leite esixen que Administracións e industrias "saquen da agonía as granxas que estamos sendo saqueadas sen escrúpulos" e garantan "que non imos ter que endebedarnos máis para facer o noso traballo", o cal pasa por "frear a apropiación ilegal de renda que estamos a sufrir os gandeiros"

"Se un cartón de leite é máis barato que un litro de auga, ou no cartón non hai leite ou neses empresarios non hai alma nin vergoña"

"Non daremos marcha atrás ata acadar un marco estable" de prezos "que nos permita vivir dignamente", explica Águeda Capón. E isto, advirte, só acontecerá cando remate a "inmoralidade nos supermercados internacionais, e tamén nalgún que fai gala do xeito de vida dos galegos", nos que "é máis barato un cartón de leite que un litro de auga". "Ou dentro dese cartón non hai leite ou neses empresarios non hai alma nin vergoña", lamenta.

Principio de acordo "sen garantías"

Cando remataban as protestas en Compostela e Lugo comezaban a chegar os primeiros detalles da proposta de acordo formulada en Madrid, de cuxa redacción se desmarcan tanto UPA -na que se integra Unións Agrarias- como COAG -á que está ligada o Sindicato Labrego Galego-. Así, o texto recolle compromisos xa lanzados noutras ocasións polas distribuidoras e as industrias, tales como "impedir o uso" do leite como "produto reclamo", identificar claramente a orixe xeográfica dos produtos ou establecer contratos a longo prazo con prezos que garantan a "sostibilidade do sector".

O principio de acordo apunta a acadar un prezo "sustentable" pero non o define

Malia existiren avances, admiten, tanto Unións como o SLG explican a Praza Pública que o texto, cando menos coa redacción deste xoves, "non recolle algo imprescindible: definir que se entende por prezo sustentable". "Se non se di canto é, a industria pode considerar que un prezo indigno é sustentable", ilustran.

Os gandeiros dispóñense a decidir que rumbo toman as mobilizacións

Nesta conxuntura, e mentres as negociacións continúan -en calquera caso, un eventual acordo non se asinará ata dentro de dúas semanas-, os gandeiros dispóñense a decidir en asemblea o rumbo das mobilizacións. O responsable da Organización de Produtores de Leite e voceiro da Plataforma, Anxo Escariz, indica que a proposta do colectivo non será apostar pola folga de entregas, senón por "impedir a distribución e saída de leite das fábricas", algo "moito máis eficaz". Ao tempo, advirte, seguirán esixindo que a actuación da Xunta non se limite "a que o señor Feijóo nos pase a man polo lombo".

As vacas, ás portas da Xunta CC-BY-SA Praza Pública
Cabeceira da protesta, con gandeiros e alcaldes CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.