Así busca a Xunta darlle a volta á sentenza que anula a licenza das obras do Castelo de Monterrei

Castelo de Monterrei CC-BY-SA Amador Loureiro

O pasado venres coñecíase a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 2 de Ourense en relación ao recurso presentado por tres veciños de Verín contra a concesión da licenza de obra por parte do Concello de Monterrei á Axencia de Turismo de Galicia para converter o Castelo de Monterrei nun hotel-parador. O ditame anula a licenza ao considerar que infrinxe o propio Plan Xeral de Ordenación Municipal da localidade. Segundo o Xulgado, a licenza excedía claramente os parámetros de superficie máxima edificable permitida pola ordenanza de aplicación e tamén o número máximo de prazas hoteleiras permitidas.

A Plataforma manifesta a súa satisfacción e lembra que aínda está pendente de resolución o recurso presentado en relación ao cambio de uso deste espazo protexido, que foi admitido a trámite pola Audiencia Nacional

A sentenza obriga o Concello de Monterrei a pagar as costas do xuízo (ata un máximo de 500 euros) e devolve o expediente da licenza de obras a esta administración, demandándolle que no prazo máximo de dous meses a modifique, axustándoa á lexislación. O ditame non bota abaixo o proxecto do parador, pero si supón un freo. A Plataforma pola Defensa do Castelo de Monterrei manifesta a súa satisfacción e lembra que aínda está pendente de resolución o recurso presentado en relación ao cambio de uso deste espazo protexido, que foi admitido a trámite pola Audiencia Nacional.

Porén, chamou a atención que a reacción oficial da Xunta de Galicia, administración que impulsa as obras, fose igualmente positiva. Nunha nota de prensa, o Goberno galego destacaba o pasado venres que "a Xustiza ratifica a continuidade e legalidade do uso hoteleiro do Castelo de Monterrei" e "desestima todos e cada un dos argumentos impugnados pola plataforma".

"Esta forma de actuar: propaganda para enmascarar a verdade, non é propio dunha institución democrática que presume de transparencia", sinala a Plataforma 

É certo que o ditame só estimou parte dos argumentos presentados polos demandantes para sinalar a ilegalidade das obras (o PXOM permite unicamente unha superficie máxima edificable de 300 m2 e un máximo de 10 habitacións, cando a licenza autorizaba máis de 2000 m2 edificables e 12 habitacións). E non aceptou outras dúas razóns para a anulación da licenza: que con caracter previo á concesión da licenza municipal tiña que procederse á declaración de Conxunto Histórico de todo o entorno monumental no que se inclúe a fortaleza; e que a intervención realizada requería previamente da elaboración e aprobación dun plan especial de protección. Con todo, os dous primeiros elementos foron suficientes para ilegalizar o permiso construtivo.

Dende a Plataforma sinálase que a resposta da Xunta é "manipuladora, obviando o fallo e destacando un aspecto que non era motivo de denuncia, o uso hoteleiro do castelo de Monterrei". "Esta forma de actuar, propaganda para enmascarar a verdade, non é propio dunha institución democrática que presume de transparencia", engade.

Castelo de Monterrei CC-BY-SA Amador Loureiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.