0 Gardados para despois

Os gandeiros manteñen o bloqueo na Coruña e o 'cerco' á Muralla en Lugo

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Máis dun cento de tractores rodearon no mediodía do pasado xoves a área comercial do Carrefour á entrada da Coruña. Ao tempo, outra columna de vehículos arrodeaba tamén a Muralla de Lugo, ata uns 700. E aí seguen. As tractoradas regresan en plena campaña electoral ante a situación "agónica" duns gandeiros que din estar "igual ou peor, que a finais de setembro, cando se asinou un acordo lácteo que están incumprindo todos". Seguirán manifestándose de maneira "indefinida" e manterán a súa presenza na capital lucense e o bloqueo a parte das entradas do hipermercado coruñés, aínda que en asemblea irán decidindo se trasladan as protestas a outras empresas de distribución como Dia, Alcampo ou Eroski, ás que acusan tamén de aplicar unha suba do prezo do leite aos consumidores que non se está a trasladar ao gandeiro. 

Tres meses despois, a Plataforma na Defensa do Sector Lácteo Galego continúa a reivindicar o mesmo que daquela, mentres as explotacións seguen a cobrar prezos por baixo de custo de produción -entre 25 e 27 céntimos de media por litro- e a ver como as industrias lles ofrecen contratos "que condenan ata a primavera a cobrar importes ruinosos". Foi por iso que a Plataforma decidiu volver sacar os tractores á rúa, desta vez sinalando s cadeas de distribución que, como Carrefour, subiron os prezos ao consumidor malia que os gandeiros non notaron suba ningunha

"Seguimos e temos pensado seguir aquí, para facer visibles as nosas demandas, para sinalar á distribución e para reclamar ás administracións que actúen", resumen tras cumprir o primeiro día desta nova tractorada na Coruña. Advirten de que non marcharán ata queu Carrefour se comprometa a cumprir o acordo lácteo, pero ningún representante da empresa se puxo en contacto con eles. 

Os gandeiros seguirán co bloqueo ao Carrefour ata que se comprometa a cumprir o acordo lácteo

"É un dobre engano: enganan os consumidores porque lles dixeron que este incremento ía beneficiar os gandeiros; e engánannos a nós porque esa suba nos lineais non repercute nas explotacións", explica Óscar Pose, de Unións Agrarias (UUAA), que en nome da plataforma advertiu do comezo dunha "campaña de boicot á distribución". "Subiron os prezos para quedar con eses cartos", engadiu Xosé Ramón Cendán, do SLG, que advirte que "o sector lácteo segue en perigo en Galicia". A Plataforma busca un compromiso por escrito das cadeas de hipermercado para que o incremento de prezo nos cartóns de leite se traslade tamén aos gandeiros e non só aos consumidores. 

Galicia é o único territorio que cobra menos de 30 céntimos por litro de media, unha cifra seis céntimos menos á que perciben as explotacións andaluzas. E as subas do importe de entre 3 e 5 céntimos por cartón nos supermercados só a notan os consumidores porque, tal e como lembra o sector, "non repercute nos gandeiros". A situación non cambia e a ausencia dun réxime sancionador nun acordo lácteo baseado na boa vontade provocou o que advertiran SLG e UUAA, que decidiran non asinar o pacto. Nin a distribución nin a industria garanten prezos dignos para os gandeiros e a Plataforma intentan agora acadar un compromiso dos catro principais partidos para que fagan cumprir o acordo na vindeira lexislatura.

"Os políticos tiveron a ocasión de que a mobilización non cadrase en campaña, pero nós non podemos esperar máis", advirte a Plataforma

"Falan de protestas políticas, pero os políticos son eles, os que teñen que buscar unha solución: Eles tiveron a ocasión de que esta mobilización non coincidise coa campaña, pero nós non podemos esperar más", asegurou Pose, que lembra que "Feijóo e a ministra Tejerina reivindicáronse como garantes dun acordo que non se cumpre". Pola contra, a Organización de Produtores de Leite (OPL), activo integrante da Plataforma, anunciou que se mobilizará "despois das eleccións, facendo honra á súa cualidade de entidade apartidista, libre e reivindicativa". 

Contrasta esta decisión coa do colectivo Agro Muralla en Lugo, que precisamente xurdira á marxe dos sindicatos e co obxectivo de non vincularse a opcións partidarias. A súa protesta continúa na capital lucense pero a OPL cre que as manifestacións convocadas para estes días "estaban dirixidas politicamente" e que a súa organización debe "separar o dereito tan xusto a protestar dos intereses políticos que se moven en período electoral".  

A OPL decidiu non mobilizarse ata despois de que se celebren as eleccións do 20D

Aínda así, a OPL deixa claro nun comunicado o seu "descontento" coas administracións central e autonómica e advirte dunha situación que segue a ser "dramática" para as explotacións galegas. 

Mentres, na Coruña, os máis dun cento de tractores continúan ante o Carrefour. Os gandeiros paran os consumidores que saen do centro para advertirlles do "roubo" que sofren os gandeiros e pedirlles que "non colaboren" con el e eviten comprar nese hipermercado. 

Os gandeiros advirten que as protestas son "indefinidas" e non descartan bloquear os accesos ás áreas comerciais

"Non temos alternativa porque estamos desesperados; temos que mobilizarnos e á vez facer un labor de concienciación e de información aos consumidores que debería levar a cabo a Administracións, que nin tan sequera é capaz de que se garanta coñecer a orixe do leite que se consome", explica un gandeiro de Mesía. El, coma o resto, está disposto a continuar as protestas ata que haxa unha solución e os prezos se incrementen. Ademais, tal e como advirte a Plataforma nas asembleas, agardan que "aqueles gandeiros que quedaron na casa" se unan nos vindeiros días a unhas marchas que protagonizarán a campaña. 

Os gandeiros organizados á marxe da Plataforma continúan rodeando a Muralla en Lugo

Ao tempo, en Lugo, centos de tractores tomaron tamén a cidade de maneira "indefinida". Convocados por Agro Muralla, o colectivo xurdido das protestas na capital lucense á marxe da Plataforma, piden a "dignificación do sector lácteo" e, ao igual que o resto de gandeiros, que nos cartóns de leite se especifique "a orixe do produto". 

Ademais, avogan por un "novo contrato lácteo", un mediador e un órgano arbitral externo para vixilar polo cumprimento dos acordos, así como unha comisión de seguemento "transparente e operativa". Agro Muralla pregunta tamén por que moitas explotacións non recibiron aínda nin as axudas da PAC nin a prometida pola Administración central logo da sinatura do pacto. E insisten, coma sempre, nun "prezo digno" para "poder vivir" do seu traballo. 

Neste xoves, varios dos gandeiros concentrados acudiron a cadeas de alimentación para retirar os cartóns de leite a baixo prezo. Precisamente nun Carrefour púidose comprobar como seguen a venderse briks a menos de 60 céntimos, un importe inferior ao dunha botella de auga. 

Mesmo a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, recoñece que hai empresas de distribución que cumpren co acordo lácteo pero que hai outras que "non están pasando os datos ao Ministerio" da compravenda láctea. "Aquel que non queira estar tería que ser valente para dicir: 'non quero apoiar o gandeiro galego' que o diga dunha vez porque o imos saber en escasos días", asegurou tras recoñecer que o pacto tería que "axilizarse máis". 

Tractorada na Coruña

CC BY-SA galizacontrainfo

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.