0 Gardados para despois

Os gandeiros arríncanlle acordos a Carrefour e Gadis e levan agora os tractores a Santiago

Redacción | @prazapublica

A presión e as protestas fan efecto. Representantes da Plataforma na Defensa do Sector Lácteo Galego arrincaron este martes un compromiso de Gadisa para subir nun céntimo máis en xaneiro -tras o incremento de 2 deste mes- o prezo do leite da súa marca branca, así como etiquetar a orixe dos produtos lácteos. O incremento no pagamento a Feiraco, o seu provedor, debería repercutir nas granxas e o acordo deberá ser ratificado polos produtores nas asembleas da Coruña, Lugo e Lalín, o que suporía un novo acordo con empresas distribuidoras, como o conseguido este luns con Carrefour. 

Gadisa accede a subir un céntimo máis o prezo que paga ao seu provedor para que repercuta nos gandeiros

Alcampo, con quen se está a negociar, e DIA serán agora obxectivo das protestas que os gandeiros comezaron hai case dúas semanas para que a suba no importe dos cartóns de leite, e que si repercute nos clientes, se vexa reflectido tamén no que reciben as granxas. Así, en Carrefour remataron os bloqueos na Coruña e Lugo logo do acordo alcanzado entre produtores e representantes da dirección estatal da empresa na urbe coruñesa. Os tractores diríxense a Compostela para bloquear Mercagalicia, centro de distribución que emprega DIA, empresa á que presionan agora para que incremente tamén o prezo. Volverán á cidade que ocuparon durante días hai tan só uns meses. 

Carrefour accede a crear unha marca galega pola que pagará un mínimo de 33,8 céntimos aos gandeiros e subir xa 2 céntimos aos subministradores

A cadea de distribución comprometuse a crear unha marca branca galega que implique pagarlles aos produtores un mínimo de 33,8 céntimos por litro, unha medida que se aplicaría nun prazo de dous ou tres meses. Ademais, pactou un incremento inmediato de 2 céntimos nos pagamentos que fai a Leche Celta e Lactalis, as dúas firmas que a provén de marca branca. Un "plan de acción" destinado a desenvolver esa marca "exclusiva" de orixe galega e o incremento de 2 céntimos aos subministradores para que chegue ás explotacións. Todo, "en virtude" do acordo lácteo asinado en Madrid, segundo explicou a compañía francesa nun comunicado. 

O incremento levarase a cabo a través dunha redución das marxes da cadea, sen aumento de prezo do leite no lineal e co traslado da suba directamente aos gandeiros no leite de decembro, que se cobra en xaneiro. En canto á próxima creación desa marca galega, Carrefour segue o esquema de custos do estudo de valor da Interprofesional Láctea, polo que o leite que se venda no supermercado situarase nun mínimo dos 64 céntimos por cartón e permitirá unha remuneración para o gandeiro dun mínimo de 33,8 céntimos.

As mobilizacións dos tractores remataron con acordos con Carrefour, Eroski e Lidl e aínda hai negociacións con Gadis e E. Leclerc

A suba inmediata acordada con Carrefour supón para os gandeiros unha boa medida a curto prazo, aínda que as solucións definitivas continúan sen chegar. No entanto, a Plataforma está a conseguir avances e importantes reaccións por partes de cadeas de distribución. Uns días antes foi Vegalsa-Eroski quen anunciou a creación cunha nova marca branca, certificada co selo Galega 100%, que se venderá nos supermercados a 61 céntimos, 2 por riba doutros produtos semellantes, e que advertiron que repercutiría nos gandeiros. 

Só uns días despois, o bloqueo a varios centros de Lidl tamén se levantara despois de que a empresa alemá se comprometese a crear unha marca branca para o mercado galego, tamén co selo Galega 100%, pola que se aumentaría en 2 céntimos o importe que lle pagaría á industria, un aumento que terá que ser trasladado aos gandeiros. 

 

'Premio' ás tendas en Lugo

Ademais, representantes de Agromuralla reuníronse tamén con reponsables dos supermercados E. Leclerc de Lugo para acadar un acordo na mesma liña. A dirección do centro comprometeuse a subir 5 céntimos o prezo do leite daqueles cartóns que teñen o prezo máis baixo no seu lineal e tamén a que ese prezo chegue aos gandeiros. Os propios gandeiros comprobaron á tarde que si se incrementara o importe, polo que só falta comprobar que esa suba acaba por repercutir nas granxas.  

A OPL "urxe" a "intervención do Goberno central" para que a suba dos prezos repercuta nos gandeiros

Este grupo, organizado á marxe da Plataforma e dos sindicatos, prevé tamén visitar pequenas tendas de alimentación e "comprobar que venden marcas cun prezo que que cubra o custo de produción como mínimo", que teña no lineal por riba de 63 céntimos. A todas as queu cumprran colocaranlles un cartel que aclare que Aquí venden leite valorando o traballo dos gandeir@s, ademais de publicitalo nas redes sociais. 

Por outra banda, a Organización de Produtores de Leite (OPL), que descartara mobilizarse durante a campaña electoral, "urxe" agora a "intervención do Goberno central" para que "se trasladen os beneficios das subas de leite nos lineais ao gandeiro e que ese compromiso quede por escrito". Así, esixen o nomeamento da figura do mediador para supervisar posibles irregularidades nos contratos. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Feijóo atribúese a suba dos prezos do leite malia a mobilización gandeira

Logo de máis de doce días de protestas, de tractores mobilizados en varias localidades e de centos de gandeiros ante as grandes superficios, Feijóo atribúese o mérito de que estes hipermercados accedesen a subir os prezos dos cartóns de leite para que o incremento repercuta nos gandeiros. Segundo o presidente, as empresas de distribución actúan porque "a Xunta de Galicia está abrindo expedientes" e insiste en que "utilizando a marca Galega 100%, os prezos respéctanse". 

Feijóo cre que os hipermercados recúan porque "a Xunta de Galicia está abrindo expedientes"

Así respondeu Feijóo na sesión de control do Parlamento a Francisco Jorquera, voceiro do BNG, que lle lembrou que "fronte á súa inacción" tiveron que ser os gandeiros "cos seus tractores os que arrincasen compromisos da distribución". O deputado nacionalista pediulle ao Goberno galego que "condicione calquera axuda ao pagamento dun prezo xusto" e que "deseñe unha estratexia de futuro para o sector". "Móllese, cree unha mesa galega do sector", insistiulle. 

Pero Feijóo apenas se inmutou, presumiu dun acordo lácteo "transcendental" que permitiu nas súas primeiras semanas de aplicación "que o prezo medio subise 1,10 céntimos". "Ademais, os compromisos do acordo estanse executando", engadiu para volver mirar ao bipartito e asegurar que o prezo do leite "estaba máis baixo que agora" daquela. O presidente da Xunta sacou peito coas axudas da PAC e advertiu que o 80% dos produtores cobraban xa por riba dos 25 céntimos, un prezo, de todos os xeitos, moi por baixo dos custos de produción. 

"Os gandeiros queren prezos xustos, non axudas", engadiu Jorquera, que lembrou que "o novo contrato non soluciona os problemas do sector". Feijóo volveu aludir ao bipartito para lembrar que o ex conselleiro Suárez Canal cualificaba o contrato homologado de "paso histórico". Ademais, asegurou que "en Europa temos prezos similares aos de Galicia", unha afirmación que non coincide cos datos

Díaz (AGE) pediulle a Feijóo que dese explicacións aos gandeiros de Arzúa e Melide. "O PP ten maioría absoluta en Arzúa e Melide", respondeu

"Por que os prezos do leite noutros lugares de España son superiores? Por cuestións estruturais, a loxística hai que sacala e levala a outros puntos de consumo. E falemos claro, mentres non consigamos unha concentración dos produtores e das cooperativas estamos en inferiodidade de condicións", dixo Feijóo, que non aceptou críticas. 

De feito, Yolanda Díaz, vicevoceira de AGE, pediulle a Feijóo que desde explicacións "aos gandeiros de Arzúa e Melide" pola situación do sector lácteo. A resposta do presidente da Xunta centrouse nos resultados electorais: "Os gandeiros votaron e o PP ten maioría absoluta en Arzúa e Melide".