As ONGD rexeitan o Plan de Cooperación presentado pola Xunta

Evolución dos fondos para Cooperación nos Orzamentos da Xunta Dominio Público Praza Pública

As cinco persoas representantes das ONGD no Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento (CONGACODE) votaron este martes en contra do Plan Anual de Cooperación 2016 presentado polo goberno galego. O documento, que marca a estratexia da cooperación galega para o próximo ano, foi aprobado por 13 votos a favor, 5 en contra e 1 abstención, grazas ao apoio cos votos a favor das persoas representantes da administración, as universidades galegas e as empresas

As persoas representantes das ONGD galegas rexeitaron o Plan Anual, en primeiro lugar, porque "o documento non contempla un incremento dos fondos destinado á loita contra a pobreza global e as desigualdades" malia ao aumento dos orzamentos da Xunta de Galicia para 2016 e os recortes do 64% que sufriu a cooperación galega dende 2009. A Xunta dedicará o vindeiro ano a esta materia 4,1 millóns de euros, a mesma cifra que en 2014 e 2015. Isto representa o 0,04% do orzamento, unha cifra "insuficiente que se atopa nas antípodas do 0,7% comprometidos por todos os grupos parlamentarios no Pacto Galego contra a Pobreza" e que "mostra unha vez máis a falta de aposta do goberno galego pola política pública de cooperación", salienta a Coordinadora Galega de ONGD.

A entidade sinala que "os escasos fondos aprobados para 2016 só permitirán publicar dúas das cinco convocatorias destinadas ás ONGD". Manterase a convocatoria de proxectos de cooperación exterior e a de educación para ao desenvolvemento. Destaca que "é especialmente rechamante que nun contexto de crise migratoria sen precedentes no que millóns de persoas foxen da guerra e a fame a Xunta de Galicia decida eliminar a convocatoria de acción humanitaria. Tamén elimina a convocatoria de fortalecemento das ONGD e a de microproxectos".

As ONGD conclúen que "ademais de traballar nun contexto de mínimos orzamentarios" teñen que "adaptarse a un escenario de pouca previsibilidade" marcado pola "aparición e desaparición das convocatorias". "Unha realidade que dificulta enormemente o traballo que levan a cabo a prol dos dereitos das persoas tanto nos países do Sur como en Galicia", din.

Evolución dos fondos para Cooperación nos Orzamentos da Xunta Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.