Hórreos como albergues de peregrinos para frear a súa desaparición

Reprodución do futuro hórreo do Carboeiro rehabilitado © Walk&Hórreo

Hórreo, cabazo, calostra ou piorno. Son só algunhas das denominacións que en Galicia hai para se referir a esta construción rural sobre columnas empregada para gardar o millo e outros produtos agrícolas tras a colleita. Calcúlase que uns 30.000 se conservaban ata hai ben pouco no país, pero o seu número mingua a cada día que pasa entre o abandono, a falta de uso e a desprotección que provoca a desaparición de moitos deles. 

Walk & Hórreo pretende "revitalizar" os hórreos creando infraestruturas "rendibles" para convertelos en albergues para peregrinos

Nun novo intento por resucitar estas construcións tan propias, un estudio de arquitectura de Madrid púxose mans á obra nun ambicioso proxecto. Walk & Hórreo pretende "revitalizar un patrimonio en desaparición" e quere facelo creando unha infraestrutura "que faga rendible de cara aos seus propietarios a preservación dun patrimonio de interese xeral". O obxectivo é converter os cabazos en albergues para peregrinos do Camiño de Santiago. 

"Queremos que viren en axentes activos e propositivos da paisaxe e que non sobrevivan froitos de medidas proteccionistas, senón que xeren interese polo seu valor comercial", explican os impulsores do proxecto na web de Verkami onde recollen achegas económicas para o seu primeiro obxectivo: rehabilitar un primeiro hórreo en Galicia -na parroquia de Carboeiro no concello de Ribadeo- que "sirva de exemplo para o resto de propietarios" e para que poidan comprobar a utilidade e rendibilidade do seu cabazo. 

A iniciativa lanza un proxecto de micromecenado para rehabilitar un hórreo en Ribadeo que sirva como "exemplo" da súa utilidade e rendibilidade

"Sempre estiven interesado nestas construcións e viaxando por Asturias e Galicia vin a situación na que se atopaban moitos; pensei nun posible cambio de usos e fun dándolle voltas sobre como poder empregalos, ata que pensamos que centralos no turismo e nas posibilidades dos fluxos dos peregrinos era unha boa opción", explica Nacho Gias desde o seu estudio de arquitectura, impulsor desta iniciativa que recadou xa máis de 6.000 dos 8.500 euros que, como mínimo, precisa para rehabilitar este hórreo-piloto que pretende ser o inicio de algo máis ambicioso. 

A idea: que este cabazo de Carboeiro sexa o exemplo para poder mostrar a todos aqueles propietarios de hórreos que queiran sacarlle uso pero non vexan clara a súa rendibilidade. "Rehabilitalos é caro e por iso a xente non pode asumilo; o que queremos é que ese gasto se poida amortizar porque hai moitas persoas que non poden permitirse gastar entre 11.000 e 15.000 euros se non é como investimento para poder recuperar os cartos", explica Nacho, que asegura que xa houbo catro veciños máis que se interesaron polo proxecto para as súas construcións. 

"A súa reactivación servirá de estímulo para o resto de veciños, que verán como poden obter un beneficio preservando unha infraestrutura xa existente"

Pero o primeiro paso é fundamental. "A súa reactivación servirá de estímulo para o resto de veciños, que verán como poden obter un beneficio preservando unha infraestrutura xa existente", explican os impulsores de Walk & Hórreo, que destacan a situación do hórreo de Carboeiro que, ao estar elevado sobre o terreo, converterase tamén nun mirador. Mide 1,4x5,2 metros de lonxitude e ten unha escaleira de lousa para acceder a el. A idea ´efacelo habitable, reforzar a súa estrutura, illalo termicamente e amoblalo. Ademais, que unha das súas fachadas sexa de vidro para poder ollar as vistas. 

Lucía e Miguel, os propietarios do hórreo, hai pouco que comezaron unha nova vida na zona e teñen as súas propias empresas de actividades de aventura e Reiki vencelladas á contorna. Por iso, as recompensas para aqueles persoas que acheguen cartos ao proxecto -e segundo a cantidade que se decida- céntranse en aloxamentos gratuítos no propio cabazo rehabilitado, descensos en canoa, rutas de bicicleta de montaña... Ou o agasallo en DVD do documental que tamén se está a elaborar sobre a iniciativa. 

A idea é crear unha rede de hórreos que sirvan de albergue para os turistas

Nacho Gias lembra que a súa idea é intentar que sexan moitos hórreos máis os que se engadan á lista e lembra que os que están protexidos non se tocarán, pero si quedarán incluídos nas rutas que se farán sobre estas construcións. A idea é crear unha rede de cabazos onde se poidan aloxar turistas. E cada un deles é un mundo. "Non teñen unha tipoloxía nada estandarizable; hai que analizar cada un e cada propietario ten necesidades moi diferentes", explica quen asegura que hai "reaccións moi diferentes" cando se achega a un propietario a propoñerlle a idea. "O normal é que haxa moito interese e alegría por que alguén de Madrid se interese polo seu patrimonio, pero case todos acaban pedíndonos ver un, un modelo para comprobar que efectivamente a idea funciona", explica. 

O proxecto baséase na creación de emprego nas zonas rurais e na preservación dun patrimonio en desaparición

Por iso, insiste, buscan a axuda para rehabilitar o hórreo de Carboeiro. No caso de conseguir os 8.500 euros, será un proxecto "básico de reforma, habilitando o interior cunha litera e cubrindo a fachada principal con madeira". De alcanzar os 12.500, converterase o cabazo nun mirador da paisaxe, cunha fachada sur completamente de vidro, e ampliarase a súa superficie gañando metros para poder situar unha cama dobre. 

Desde Walk & Hórre, conclúen, son varios os motivos para apoiar o seu proxecto: colaborar coa preservación dun patrimonio en desaparición, coñecer a contorna de Carboeiro, xerar emprego en zonas rurais, colaborar na creación dunha base de datos dos hórreos existentes e aumentar a oferta do Camiño de Santiago. Argumentos non lles faltan. 

Hórreo en Carboeiro (Ribadeo) que se pretende rehabilitar © Walk&Hórreo
Recreación do hórreo rehabilitado © Walk&Hórreo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.