Mariñeiros do cerco péchanse en tres Concellos malia unha nova proposta de Mar

Mariñeiros do cerco, antes de pecharse no Concello © Eu apoio o cerco de Galicia

Mariñeiros do cerco veñen de iniciar un peche "indefinido" nas sedes dos concellos da Coruña, Bueu e Porto do Son. "A ver se así nos escoitan. O mar é noso!", anunciaron nas redes sociais pouco despois dunha nova proposta da Consellería do Mar que intenta poñer fin a un conflito que suma xa 83 días con armadores e mariñeiros acampados ante a sede da Xunta. 

Mariñeiros de Acerga péchanse de maneira "indefinida" nos Concellos da Coruña, Bueu e Porto do Son

Son mariñeiros de Acerga, a asociación maioritaria, os que veñen de comezar este peche. Fano logo de que a conselleira do Mar, Rosa Quintana, realizase este martes unha nova proposta ao cerco galego que pasa por un solo mínimo de capturas de xurelo para toda a frota en función do tamaño de cada barco, nun modelo que tanto Acerga como Cerqueiros Galegos levarán ás súas asembleas para decidir se o apoian ou non. 

A conselleira Quintana, logo de máis de tres horas de xuntanza, asegurou que a proposta "vai un pouco máis aló" da que se fixo o pasado 22 de decembro, onde esa base mínima de capturas só era para as embarcacións sen historia. Agora este "teito mínimo" é para "todos os barcos", algo que todos os participantes na reunión "valoraron positivamente". Acerga defende un reparto conxunto e por tripulante, mentres que Cerqueiros Galegos opta porque primen os históricos. O conto agora é que ambas partes cheguen a unha postura de consenso. 

A Xunta propón un solo mínimo de capturas de xurelo para toda a frota en función do tamaño de cada barco

Será o vindeiro xoves cando se celebre a reunión convocada pola Secretaría Xeral de Pesca en Madrid para a repartición de cuotas en 2016. É por iso polo que Quintana espera que as dúas asociacións lle comuniquen "que lles vale este modelo de traballo para pasar a Madrid os datos" para 2016 e "poder dicir a cada barco o que lle corresponde". A Xunta avoga por repartir por tramos en función do tamaño de cada buque. Así, para aqueles barcos de 0 a 5 GT (toneladas de arqueo), proponse un teito mínimo de 10.000 quilos de xurelo; de 5 a 10 GT, 15.000 quilos; de 10 a 20 G, 20.000 quilos; e así progresivamente. Así, "todos os barcos" contarán con capturas e os que "estean por debaixo do límite de tramo de GT poderán compensar esa diferenza de cota". 

Andrés García, voceiro de Acerga, considera a proposta "un paso adiante", pero será a asemblea quen decida "se é suficiente". "Faise un esforzo pero non sabemos se é suficiente", dixo, quen cre que o teito mínimo está "ben" pero que aclara que a súau asociación seguirá defendendo "a anulación da reparición individual por buque". "Se non o sacamos aquí, sacarémolo nos tribunais ou onde sexa; é o máis prexudicial e non podemos renunciar", insistiu. 

Acerga e Cerqueiros Galegos valoran a nova proposta como "un paso adiante" e serán as súas asembleas as que decidan se o aproban

Cerqueiros Galegos, pola súa banda, non fixo declaracións pero a conselleira asegura que xa na xuntanza manifestaron que a proposta lles parecía "boa" e que tamén tomarían unha decisión tras a asemblea. "Todoso tratamos de achegar posturas e tampouco queremos que as cousas se saquen de quicio como até de agora", dixo o voceiro de Acerga, que recoñeceu a "boa" disposición da outra organización. 

Mariñeiros, ante o Concello da Coruña © Eu apoio o cerco de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.