Así muda a percepción do machismo entre adolescentes tras se formar en igualdade

Imaxe da campaña do Concello de Santiago co gallo do 25 de novembro CC-BY-SA Sara Torreiro

Son numerosas as voces expertas que sinalan a educación como unha das vías máis efectivas para previr as actitudes machistas en xeral e a violencia de xénero en particular. Esta é a base na que se sustentou un estudo promovido polo Concello de Santiago en catro institutos de Secundaria da cidade -Pontepedriña, Antonio Fraguas, Fontiñas e Xelmírez I- para, no marco da campaña do día para a eliminación da violencia contra as mulleres, analizar a percepción que a poboación adolescente ten das agresións machistas, así como a influencia da formación en igualdade para mudar as actitudes discriminatorias, mudanza que os resultados da análise acreditan.

Un total de 367 alumnos e alumnas de cuarto curso da ESO e primeiro de Bacharelato -de entre 14 e 18 anos, sendo as persoas de 16 anos máis da metade- participaron en varios obradoiros de igualdade e asistiron a unha representación teatral sobre a problemática en torno á violencia machista. Nesas sesións, nas que traballaron con elementos como contos, filmes, series ou cancións, abordaron cuestións como a igualdade de oportunidades, os roles de xénero e os estereotipos machistas ou a orixe da violencia de xénero e a importancia de identificar ou seu xermolo na posesividade, control e os celos na parella. Previamente á formación realizaron un cuestionario sobre estas temáticas, que repetiron tras o traballo.

O 15% do alumnado consideraba antes dos obradoiros que a sociedade é machista, e tras a formación opinábao o 90%

Antes dos obradoiros case a metade do alumnado, un 45%, consideraba vivir nunha sociedade na que reina a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, proporción que descendeu máis de 20 puntos despois da formación. O 90% considerou despois das xornadas que a sociedade actual é maioritariamente machista, setenta e cinco puntos máis que ao inicio. No que atinxe á violencia machista, case tres cuartas partes do alumnado ligábaa especialmente ás clases sociais máis baixas, percepción que descendeu a menos do 30% despois da formación. Asemade, a consideración dos insultos como violencia de xénero pasou do 88% ao 93%.

A interpretación da violencia machista

Ademais de amosar os cambios derivados da formación este estudo retrata o xeito en que o alumnado percibe a violencia machista nas súas diferentes expresións. Así, por exemplo, o 36% considerou "normais" os celos no seo da parella, e mesmo o 18% os considera un sinal de amor.

Case a metade dos rapaces consideran "normais" os celos, opinión que non chega a un terzo das alumnas

No entanto, existen notables diferenzas entre mozas e mozos no que atinxe á percepción dos celos. Para case a metade dos alumnos son "algo normal" e entre as alumnas esta opinión non chega a un terzo. Máis do 60% das estudantes considerounos un problema e menos da metade dos rapaces concordan con esa opinión. Ademais, o 4% das enquisadas vincula celos e amor, mentres que entre os enquisados a proporción é tres puntos superior.

Máis da metade do alumnado "coñece parellas nas que existen actitudes violentas"

Estas opinións maniféstanse ao carón do que, para as autoras do estudo, é un dos "datos máis preocupantes" da investigación: o 54% do alumnado participante "coñece parellas nas que existen actitudes violentas". Ademais, ata o 22% do estudantado considerou que existen "bastantes" denuncias falsas por violencia de xénero, unha consideración que contrasta notablemente cos datos oficiais, que acreditan que a falsidade se dá en menos do 0,02% das denuncias.

As conclusións

As autoras do estudo advirten do medre da sactitudes de posesividade e control nas parellas adolescentes

Tras a realización dos obradoiros e do traballo de campo, elaborado pola consultora Promove, as autoras do estudo conclúen que "non existe tanto un problema de identificación dos síntomas da violencia de xénero como de tolerancia ou normalización dos mesmos", tanto entre rapaces como entre rapazas. "Asúmese -explican- que vivimos nunha sociedade machista pero non se identifican claramente roles e estereotipos.

Cómpre "reflexionar", salientan, sobre a crecente "posesividade e control entre as parellas adolescentes", na actualidade "instrumentalizada" a través da tecnoloxía, caso do uso do WhatsApp. Medran "as actitudes submisas por parte das mulleres, especialmente nas relacións afectivo-sexuais", afirman, mentres "sobrevive o mito do amor romántico e dos celos como mostra de namoramento".

Concentración contra a violencia machista en Vigo CC-BY-SA MMM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.