O cerco sae decepcionado de Madrid e pide á Xunta que "mova ficha"

Mariñeiros do cerco, antes de pecharse no Concello © Eu apoio o cerco de Galicia

O cerco non sae satisfeito da reunión convocada en Madrid pola Secretaría Xeral de Pesca. Nin a Acerga, principal organización do sector en Galicia e mobilizado desde hai meses, nin a CIG saíron conformes dunha xuntanza á que nin tan sequera atoparon moita explicación. 

Andrés García, voceiro de Acerga, asegura que "non houbo nada" e pregúntase mesmo para que os convocaron, tal e como aclarou en Radio Galicia-Cadena SER. "Foi totalmente improdutiva", dixo sobre unha xuntanza na que, segundo aclarou, os representantes do Goberno central "non propuxeron nada", máis aló de poñer sobre a mesa a proposta da Xunta de poñer un tope minimo de quilos por cada barco para logo ilo aumentando segundo as toneladas de arqueo de cada embarcación. 

Acerga cualifica a xuntanza en Madrid de "improdutiva" e a CIG pide á Xunta que "mova ficha"

A CIG, pola súa banda, tamén emitiu un comunicado no que amosou a súa decepción cun secretario xeral de Pesca que asegurou que "non vai haber modificación do sistema de reparto de cotas". "Din que hai dificultades porque o goberno está en funcións, mais o problema de fondo é o de sempre. Madrid escúdanse en que é a Xunta a que debe facer unha proposta consensuada co sector. E entón uns por outros e a casa sen varrer", asegurou o sindicato nacionalista nun comunicado. 

Para a CIG, que formou parte da delegación galega na reunión de Madrid, é o goberno de Feijóo "o que ten que mover ficha para abrir portas de futuro para o sector". "O problema é que o goberno da Xunta non exerce nin defende a xente do mar", insistiu a central, que acusou o Goberno galego de "actuar con desidia" e de "incompetencia". "E normal que a última reunión co sector nin tan sequera asista o presidente da Xunta? Para nós isto non é normal", advertiu. 

"Nós temos claro que Madrid non vai solucionar os problemas do sector pesqueiro galego e do cerco en particular. Por iso, defendemos que o Goberno galego ten que moverse e solicitamos á Xunta que convoque novamente o sector, a todo o sector e as organizacións sindicais a unha reunión para traballar nunha proposta galega do cerco", pide o sindicato. 

Por outra banda, Acerga anunciou este xoves que rematan os peches nos Concellos galegos por parte de varios mariñeiros e armadores que reclamaban unha repartición xusta. Mantense, no entanto, a acampada ante San Caetano, onde este venres se levará a cabo unha asemblea para informar dos resultados da xuntanza e definir accións posteriores. Ademais, 35 alcaldes galegos solicitaron unha reunión urxente a Feijóo e manifestaron o seu "apoio a un sector empresarial fundamental" en todas estas vilas e reclamar ao presidente da Xunta "que resolva os problemas de Galicia". O rexedor de Camariñas chegou a ameazar con pecharse xunto a máis alcaldes se o xefe do Executivo galego non os recibe. 

Mariñeiros, ante o Concello da Coruña © Eu apoio o cerco de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.