A idade media dos galegos e galegas supera xa os 46 anos

Galicia está entre as rexións europeas cunha poboación máis envellecida CC-BY-NC-ND Xosé Castro Roig

Os datos definitivos do Padrón Continuo publicados este mércores polo INE amosan que a poboación galega mantén o seu proceso de envellecemento, superando en 2015 por vez primeira os 46 anos de idade media (46.24, exactamente), convertida na terceira comunidade autónoma máis avellentada, só por detrás de Asturias (47.24) e Castela-León (46.5) e case catro anos por riba da media española (42.43). A tendencia, imparable, fixo crecer a media galega dende os 41.59 anos de 1998 ata a cifra actual, agrandando a diferenza co dato estatal, que daquela se situaba só 2.3 puntos por debaixo (39.25).

Ourense e Lugo son a segunda e a terceira provincia máis vellas de España, só por detrás de Zamora

Por provincias, Ourense e Lugo achégase xa aos 50 anos de idade media (49.73 e 49.18), A Coruña rolda a media galega (45.94) e só Pontevedra presenta unha poboación notablemente máis nova (44.37), aínda que nos últimos anos vén acelerando o seu ritmo de envellecemento. Ourense e Lugo son, de feito, a segunda e a terceira provincia máis vellas de España, só por detrás de Zamora.

Murcia, Baleares Andalucía, Canarias e Madrid presentan as poboacións máis novas, situándose en todos os casos por debaixo dos 42 anos de idade media. Aos casos xa comentados de Asturias, Castela-León e Galicia, séguenlles Euskadi, Cantabria e Aragón, as tres por riba dos 44 anos.

Galicia leva cinco anos consecutivos perdendo poboación. Acadou un máximo en 2010 de 2.797.653 habitantes, que se foi reducindo ata os actuais 2.732.347, un dado inferior ao do ano 2001. Neste tempo a poboación menor de 15 anos non deixou de diminuír (389.689 en 1998, 346.949 en 2015), mentres que seguiu crecendo a dos maiores de 65 (525.839 en 1998, 655.907 na actualidade). A poboación maior de 65 pasou de ser o 19% do total a acadar xa o 24%, case o dobre que a menor de 15 (13%).

Neste proceso de despoboación e envellecemento xoga un papel moi importante -ademais do descenso da natalidade e a emigración de mozos e mozas- o descenso da poboación estranxeira en Galicia. A poboación residente doutras nacionalidades creceu moito entre 1998 (19.637) e 2009 (106.693), practicamente 80 mil persoas. O seu peso na poboación total (un máximo do 4,03% en 2012) foi sempre, en todo caso, moi inferior á media española (chegou a acadar o 12,22%) e á de comunidades como Canarias, Baleares, Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana, Murcia ou A Rioxa, por riba da media e superando o 15% en case todos os casos.

Porén, dende o ano 2012 a poboación estranxeira en Galicia caeu dende as 112 mil ás 90 mil persoas, 22 mil habitantes menos que explican unha parte importante do descenso poboacional experimentado nos últimos cinco anos. De feito, en 2014 a marcha de persoas doutras nacionalidades significou o 45% dos habitantes que perdeu Galicia.

A idade media das persoas doutras nacionalidades residentes en Galicia sitúase no 36 anos, dez por debaixo da media

Durante os anos nos que a poboación estranxeira crecía, este colectivo contribuíu ademais a equilibrar a pirámide poboacional galega, incrementando o número de habitantes novos (e con posibilidade de ter fillos). A idade media das persoas doutras nacionalidades residentes en Galicia sitúase no 36 anos, dez por debaixo da media.

Poboación estranxeira residente en Galicia

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.