A Policía conclúe que o réxime de clausura anulou "a capacidade de pensar" das monxas indias

Monxas dentro do convento das Mercedarias de Compostela © Arquidiocese de Santiago

Tres mulleres tomaron a decisión máis importante da súa vida o sábado nun despacho dos xulgados de Santiago de Compostela. Alí contáronlle a outra muller, a xuíza Ana López-Suevos, que non querían volver ao convento de clausura onde pasaran toda a súa adolescencia e mocidade. Por que despois de 15 anos abrían de golpe a porta a unha vida que apenas intúen? A Policía cre que as condicións nas que vivían no convento “anularan a capacidade de pensar” das tres mulleres indias.

A Unidade contra as Redes de Inmigración Ilegal e Falsidade Documental (UCRIF) ten decenas de policías afeitos a entrar en prostíbulos cunha orde xudicial e acabar con esa forma de escravitude contemporánea. Esta vez tiveron que oír un relato moi distinto, o dunha muller india de 34 anos que deixara un convento de clausura despois de estar 14 anos e que recibira unha petición de auxilio das súas ex compañeiras a través de familiares.

A Unidade contra as Redes de Inmigración Ilegal e Falsidade Documental (UCRIF) ten decenas de policías afeitos a entrar en prostíbulos cunha orde xudicial e acabar con esa forma de escravitude contemporánea. Esta vez tiveron que oír un relato moi distinto

"A orixe das mulleres de nacionalidade india, o posterior illamento do mundo exterior, a dureza cotiá que se vive no convento, o persistente labor de adoutrinamento, o traballo excesivo e, no seu caso, a escasa alimentación, producen con toda seguridade un enfraquecemento nas mulleres que anula a capacidade de pensar e valorar o medio no que viven", recolle o informe redactado pola UCRIF da Coruña, elaborado tras escoitar a muller que deixou o convento en 2014. Nyun -nome ficticio, coma o do resto de monxas- traballa agora na casa da muller que se puxo en contacto coa Policía.

Os axentes escriben que o relato de Nyun reflicte unha "alteración e control da personalidade traducida en ameazas veladas". Explícitas ou non, esas ameazas pasaban por advertir as mulleres de que a súa decisión de saír do convento implicaría a inmediata deportación á India e o rexeitamento das súas familias. Os testemuños recollidos pola Policía dous días despois de concluír o seu informe coinciden por completo co primeiro testemuño solicitado. Tanto as tres monxas indias que decidiron colgar os hábitos coma as dúas que pediron volver ao convento tras declarar poñen en boca da madre superiora a ameaza da deportación.

Tanto as tres monxas indias que decidiron colgar os hábitos coma as dúas que pediron volver ao convento tras declarar poñen en boca da madre superiora a ameaza da deportación

"As circunstancias expostas, máis aló de cuestións referentes a disciplina e institucionalización, plásmanse en condutas obxectivas de prolongación, xeneralización e esgotamento do proceso de personalización das mulleres", engade o informe policial, ao que tivo acceso eldiario.es.

Pero máis aló do suposto control psicolóxico dunhas mulleres que chegaron adolescentes a un convento de clausura desde outro continente están as "condutas que se presumen delituosas" contra elas. A saber: "Ameazas veladas de ser deportadas se abandonan a congregación, imposibilidade material e circunstancial de escapar do convento, ao ser privadas da súa documentación persoal, traballos no campo asimilados á escravitude".


"Moldeamento psíquico"

Todo iso, unido ao "moldeamento psíquico" practicado polas superioras ás monxas "fai presumir racionalmente que algunha das monxas, aínda considerando que os métodos do convento poden ser ilícitos, asuman a súa situación", conclúen os policías. A Policía asegura que o convento só ten unha porta e dous xogos de chave en poder de dúas superioras.

O Arcebispado de Santiago de Compostela recoñeceu este martes nunha nota que dúas monxas indias do convento das Mercedarias iniciaron o pasado verán "un proceso de discernimento, expóndose incluso á posibilidade de deixar a comunidade chegado o caso". Segundo o seu relato, solicitáronllo formalmente á madre superiora o 14 de xaneiro e esta deu curso á súa solicitude.

Pero, segundo o Arcebispado, ningunha delas pediu deixar o convento mentres se resolvían os trámites. A nota di que a partir de que completa a documentación, a Santa Sé tarda aproximadamente un mes en resolver. O Arcebispado asegura que acabou o seu parte do traballo o 21 de xaneiro, dous días antes de que a Policía se presentase no convento.

A versión que as mulleres lle deron á xuíza é outra. Dian asegurou no xulgado que hai meses lle trasladara á madre María Luísa que quería ir vivir coas súas curmás, outras ex monxas que viven en Granada, e que a superiora lle contestou que se deixaba o convento "tería que volver de inmediato á India". Tamén lle dixo que "ía consultar se lle daba a tarxeta [de residencia]". Algo cambiou e, segundo Dian, hai dúas semanas volveulle a dicir á madre María Luísa que quería marchar. Esta vez, a única escusa que puxo a superiora é que debía esperar á dispensa papal.

No caso de Rhany foi "hai meses" cando lle comentou á madre superiora as súas intencións. "Ela contestoulle que marchase, que non estaban a forzar a ninguén. Pediulle á madre superiora que lle dese a tarxeta e díxolle que non lla daba, que se quería marchar que  ía directamente para a India e sen cartón", plasma o instrutor das dilixencias do relato que fai. Kirei dixéralle á superiora: "madre, eu quero marchar, se me dás o meu pasaporte" E a madre María Luisa, segundo o relato da monxa, contestoulle: "Polo de agora non penses nesas cousas".

O Arcebispado fala de dúas monxas con solicitudes para marchar e non de tres, e engade que ningunha pediu saír do convento mentres se cumprían os trámites. Na nota non resolve que tería pasado se o solicitaran. Unha das tres monxas recoñeceu ante o xuíz que non chegou a solicitar a dispensa papal. Rhyan non o fixo porque, segundo declarou, "aínda que lla desen, se non lle daban a tarxeta [de residencia] tería que marchar á India".

A Policía di no seu informe que, independentemente da dispensa papal "ou outras que se poidan articular canonicamente, a persoa debe dispor da liberdade para facer libremente o que desexe, no caso que nos ocupa, abandonar o establecemento relixioso". "En calquera outro caso achegariámonos a movementos relixiosos de carácter sectario destrutivo e concepcións dominantes noutros tempos no referente á disciplina e institucionalización", engade o informe da UCRIF.

Dicíanlles que "se non querían estar aquí [o convento] tiñan que volver á India, porque elas eran a súa responsabilidade e como as trouxeron tamén as tiña que devolver"

A versión da ameaza da deportación foi confirmada no xulgado polas dúas monxas indias que decidiron quedar no convento voluntariamente. Unha delas asegurou que as madres lles dicían que se tiñan tarxeta podían vivir en España, pero que tiñan que falar co bispo. Dicíanlles que "se non querían estar aquí [o convento] tiñan que volver á India, porque elas eran a súa responsabilidade e como as trouxeron tamén as tiña que devolver". Rhany tamén asegurou que comezou a pensar en deixar o convento hai cinco anos, cando a súa nai enfermou e non se lle permitiu viaxar a vela.


Investigación sobre posibles deportadas

No seu auto a xuíza aprecia indicios de posibles delitos contra a integridade moral, detención ilegal, coaccións e ameazas

No seu auto a xuíza aprecia indicios de posibles delitos contra a integridade moral, detención ilegal, coaccións e ameazas. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia explicou este martes que a investigación tratará de determinar se, como narran as monxas, dúas compañeiras indias que decidiron deixar os hábitos en 2011 foron metidas pola congregación nun avión e enviadas á India sen a súa tarxeta de residencia.

A segunda monxa que decidiu quedar no convento declarou en sede xudicial que lle consta que a madre superiora non lles entregou a súa tarxeta de residencia ás compañeiras que decidiron colgar os hábitos. As cinco que prestaron declaración están convencidas de que foron enviadas á India, cumpríndose así a ameaza da deportación para as que quixesen seguir o seu camiño.

O Arcebispado alude no seu comunicado a unha monxa que decidiu colgar os hábitos hai "uns dous anos" tras unha estancia na India: "Realizáronse con toda celeridade os trámites internos canónicos de enclaustración e dispensa de votos que quedaron concluídos o 31 de marzo de 2015, asinando a interesada o rescripto emitido pola Santa Sé". Segundo isto, o trámite prolongouse durante un ano.

Só poden falar dúas veces ao ano por teléfono coas súas familias, a súa correspondencia é revisada pola madre superiora, así como as conversas telefónicas

Todas as monxas, engade, viaxan cada sete anos un total de dous meses á India. As dúas relixiosas que solicitaron formalmente marchar fixérano hai un ano e medio, engade o Arcebispado. Kyurun asegura que os seus familiares na India lle dixeron que hai outras mozas na mesma situación en distintos conventos de España. Se o saben é porque as familias desas mulleres así llo trasladaron aos seus.

As tres monxas que deixaron agora o convento non aluden á dureza das condicións de vida da clausura para adoptar a decisión. E iso, a pesar de que só poden falar dúas veces ao ano por teléfono coas súas familias, a súa correspondencia é revisada pola madre superiora, así como as conversas telefónicas. Tampouco se queixan de ter que traballar entre apenas unha decena de relixiosas unha horta de case 4.000 metros cadrados, nin do frío ou os madrugóns. Só queren comezar unha vida nova en España.

Monxas dentro do convento das Mercedarias de Compostela © Arquidiocese de Santiago
Convento compostelán das Mercedarias © Santiago Turismo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.