A pasada semana, o Consello de Administración de Sogama aprobou o prego de condicións que rexerá a construción e posta en marcha dunha planta de compostaxe "para o tratamento da fracción orgánica contida nos residuos urbanos", que será construída no vertedoiro de Areosa (Cerceda), cun custe de 3,9 millóns de euros máis IVE (practicamente cinco millóns). As previsións da empresa son que a planta estea en funcionamento a finais do ano 2017, con capacidade para tratar ao redor de 15 mil toneladas anuais. A autodenominada planta de compostaxe "permitirá xestionar e tratar de forma óptima todo o lixo recibido, incrementando o seu reciclado e destinando a vertido, única e exclusivamente, aquela fracción de refugallos que non se poida reciclar nin valorizar material ou enerxeticamente", segundo a compañía, que calcula que se podería reducir estes vertidos nun 30%.
Porén, ADEGA vén de alertar "sobre a natureza e a legalidade do proxecto", lembrando que para que poida funcionar unha planta de compostaxe (é dicir, para facer compost) é necesario primeiro "unha recollida separada da materia orgánica do resto das fraccións". Así o determina a actual Lei de Residuos 22/2011, que no seu artigo 2 define o compost como “emenda orgánica obtida a partir do tratamento biolóxico aerobio e termófilo de residuos biodegradábeis recollidos separadamente" sinalando que "non se considerará compost o material orgánico obtido das plantas de tratamento mecánico biolóxico de residuos mesturados, que se denominará material bioestabilizado". O RD 506/2013 sobre produtos fertilizantes reitera a mesma definición legal de compost.
ADEGA denuncia o gasto de case cinco millóns de euros de cartos públicos nun sistema que non mellorará o tratamento de residuos nin incrementará a taxa de reciclaxe
O sistema de recollida de Sogama non permite seleccionar separadamente en orixe a materia orgánica (como si se fai nos Concellos que traballan coas plantas de Lousame ou Nostián), xa que vai misturada co “resto” no contedor verde. Xa que logo, os eventuais residuos orgánicos a tratar nesta suposta planta serían os que chegan misturados con todo tipo de rexeites no contentor verde dende as empacadoras.
ADEGA chama atención sobre "a necesidade legal de recoller separadamente a materia orgánica do resto das fraccións para que o produto resultante sexa considerado compost", pois "calquera outro sistema ou procedemento para tratar a materia orgánica dos refugallos non separada previamente, non pode denominarse compostaxe, nen o produto resultante compost".
O resultado "non poderá usarse como abono ou enmenda orgánica nos solos, e rematará indo a queimar ou a vertedoiro"
A entidade conclúe que "estamos perante outra burda fraude por parte Xunta-SOGAMA: tentan dar gato por lebre facendo pasar por compostaxe o que en realidade é un proceso que terá como resultado un “bioestabilizado” que non poderá usarse como abono ou enmenda orgánica nos solos, e rematará indo a queimar ou a vertedoiro". E denuncia o gasto de case cinco millóns de euros de cartos públicos nun sistema que non mellorará o tratamento de residuos que se leva a cabo na planta e que non incrementará a taxa de reciclaxe nin de aproveitamento dos mesmos.
Na actualidade SOGAMA recupera o 0% da materia orgánica que recibe (xa que non se separa en orixe), fronte a unha reciclaxe do 46% en Lousame e do 38% en Nostián
Na actualidade SOGAMA recupera o 0% da materia orgánica que recibe (xa que non se separa en orixe), fronte a unha reciclaxe do 46% en Lousame e do 38% en Nostián. Nos outros materiais tratados, os números da planta situada en Cerceda son igualmente deficientes: 49% en vidro (57% nas outras dúas plantas), 19% en papel e cartón (59% en Lousame e 22% en Nostián) e 19% en envases lixeiros (50% en Lousame, 22% en Nostián).