Era unha pequena esperanza que se pechou, polo que tan só queda a vía xudicial, na que tamén están esperanzados. Os ex mariñeiros galegos en Noruega que pelexan polo cobro das súas pensións recibiron de novo un non por parte do Estado noruegués, que volveu denegar o dereito a recibir a súa pensión de xubilación tras anos de traballo naquel país.
Long Hope presentará a demanda contra Noruega o vindeiro martes logo de que o Goberno nórdico volvese negar o pagamento das súasu pensións
Os cambios no Goberno noruegués provocaron que este novo Executivo se amosase disposto a revisar o caso que antes daban por liquidado, malia que fora tratado en varias instancias como o Defensor do Pobo. A sociedade nórdica é xa consciente dunha problemática que antes ficaba agochada e o gabinete da primeira minstra, Erna Solberg, dixo estar disposto a reconsideralo. Pero volveu dicir non malia as advertencias da Comisión Europea. Rexeita calquera acordo bilateral con España ou achegar os 500 millóns de euros que non pagou aos mariñeiros argumentando que non eran residentes por ter traballado no mar.
Xa que logo, Long Hope -colectivo que xunta centos de mariñeiros que reclaman os seus dereitos- cumprirá o prometido e dará a batalla xudicial desde este vindeiro martes cando presente a súa demanda xudicial contra Noruega. Farao o avogado noruegués da asociación, Øivind Østberg, que en declaracións a Praza mostrárase moi confiado. "O noso caso é moi sólido xuridicamente e manteño o optimismo", dixera quen acudirá ao trinbual de primeira instancia do país nórdico para presentar unha demanda colectiva de máis de 200 persoas.
"Non esperabamos moito da resolución de Noruega; despois de 50 anos así, era díficil pensar que agora ía baixar as orellas", di Alberto Paz, voceiro de Long Hope, colectivo que este venres volveu manifestarse en Compostela e que continuará "a loita na rúa".
O letrado do colectivo argumentará na demanda que os mariñeiros galegos e españois que traballaron en buques noruegueses deben ser tratados igual que os noruegueses, o que implica "que se recalculen as pensións e se demanden as cantidades que se lles adebedan a todas estas persoas afectadas". Considera a medida discriminatoria e contraria á Constitución de Noruega, pero tamén ao Convenio de Dereitos Humanos da Unión Europea. Por iso, esta batalla xudicial -que implica alongar o conflito no tempo- é probable que remate no Tribunal de Estrasburgo, en canto se esgote a vía no país nórdico. Podería ser antes, no caso de que fose o Estado español quen demandase ao noruegués, pero Madrid desbota esa posibilidade.
A batalla xudicial empezará en Noruega pero é probable que acabe no Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo
"A actuación do Goberno español é impresentable porque non defenden como deberían os seus cidadáns", quéixase Alberto Paz, que cre que "canto antes marche este Executivo, moito mellor".
Ademais, o pasado 4 de febreiro presentáronse as conclusións da vista celebrada en Estrasburgo pola negativa de Holanda a conceder pensión a traballadores de Austria que cotizaran naquel país. De ser o caso favorable aos austriacos, o Goberno español -personado como parte- xa prometera empregar esta resolución para exixir a Noruega que resolva o caso dos mariñeiros galegos e devolva os impostos cobrados. Pero non foi así. A lectura do avogado xeral non foi favorable malia recoñecer a discriminacion dos traballadores. Non é nada vinculante, polo que haberá que esperar ao ditame final.
"A actuación do Goberno español é impresentable porque non defenden como deberían os seus cidadáns"
Long Hope pelexa pola que consideran inxusta situación que sofren arredor de 10.000 mariñeiros galegos e as súas familias. Son ex traballadores da mariña mercante que pasaron longas tempadas traballando en barcos de Noruega e que pagaron elevados impostos a Oslo, pero que agora, despois de retirados, ven como non perciben nada en forma de pensión de xubilación malia estar empregados con contratos legais e logo de pagar elevadas cotizacións sociais de ata o 45% do soldo, uns 520 millóns de euros en impostos.
O Goberno noruegués rexeita o pagamento destas pensións argumentando que os mariñeiros non eran emigrantes ao non estar traballando fisicamente en terra, malia que si pagaban impostos e as súas empresas tiñan a sede no país nórdico. O problema afecta a todos aqueles mariños mercantes que traballaron para compañías de Noruega entre 1952 e 1994, ano no que o Estado se incorporou ao espazo económico da UE e regularizou unha situación da que quedaron fóra milleiros de españois. Segundo Long Hope, serían 12.000 os mariñeiros con dereito a estas pensións en toda España e deles, máis do 80% galegos.