CCOO e UGT convocan mobilizacións para este luns 8 de febreiro nas principais vilas e cidades galegas -o día 11 celebrarase en Vigo- baixo o lema Folga non é delito. Derrogación do art.315.3 do Código Penal, xa!. As organizacións convocantes maniféstanse para advertir de que "a folga é un dereito fundamental recoñecido en case todos os países do mundo, pero en España estase a restrinxir o seu exercicio para, ao tempo, silenciar a cidadanía". Segundo os sindicatos, "preténdese converter o conflito social nun problema de orde pública, camiñando cara a un Estado de carácter policial".
"Xa se criminalizaron as actuacións de 300 sindicalistas en defensa dos dereitos dos traballadores", din os sindicatos, que lembran o caso de Carlos e Serafín
Tanto CCOO como UGT lembran que "xa se criminalizaron as actuacións de 300 sindicalistas en defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras" e recordan que "en Galicia, Carlos e Serafín" afrontan "penas de prisión de tres anos" e "aínda están á espera da resposta ás peticións de indulto" mentres continúan as mobilizacións na súa defensa.
Os sindicatos aluden tamén aos cinco traballadores de Arcelor, en Asturias, ou aos oito traballadores de Airbus, en Madrid, para os que a Fiscalía pide en total 66 anos de cárcere.
"Hai razóns máis que suficientes para a mobilización: o daniño artigo 315.3 do Código penal, no que se criminaliza a participación dos traballadores e das traballadoras nas folgas, ou a Lei de seguridade cidadá, que introduce máis recortes nos dereitos fundamentais", engaden CCOO e UGT nun comunicado, no que lembran tamén que "esta reforma do Código penal e a nova Lei de seguridade cidadá incorporan novas restricións ao exercicio de dereitos democráticos e liberdades civís e dan continuidade á ofensiva contra o dereito de folga que levou a axuizar traballadores e traballadoras, así como, representantes sindicais pola defensa colectiva dos dereitos laborais".
UGT e CCOO critican o "retroceso inaceptable das liberdades públicas e das vías de participación democrática"
Por iso, din, "e ante o retroceso inaceptable das liberdades públicas e das vías de participación democrática", UGT e CCOO, continuando coa campaña iniciada xa hai un ano, convocan mobilizacións para o 8 de febreiro. As protestas levaranse a cabo nas seguintes localidades ás seguintes horas:
A Coruña (ás 12 h diante da Delegación do Goberno); Ferrol (ás 12 h diante do edificio da Xunta); Compostela (ás 12 h diante da sede da Xunta en San Caetano); Lugo (ás 11.30 h diante da Subdelegación do Goberno); Viveiro (ás 12 h diante dos Xulgados); Ourense (ás 11.30 h diante da Subdelegación); Pontevedra (11.30 diante do edificio dos sindicatos para remantar diante da Subdelegación do Gobenro).
A concentración en Vigo terá lugar o vindeiro día 11 de febreiro ás 20 horas diante do edificio do MARCO.
Por outra banda, Yolanda Díaz, portavoz de En Marea na Comisión de Emprego do Congreso dos Deputados, xunto a Irene Montero, portavoz adxunta do grupo Podemos-En Comú Podem-En Marea e Aina Vidal, portavoz de En Comú Podem, presentarán este luns no Rexistro da Cámara unha batería de iniciativas para "descriminalizar o dereito a folga no Código Penal".